O IEU, unha referencia a seguir - 14 de marzo de 2019
Opinión: nos diario 45x25

Xosé Lois García

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) constata ser unha referencia do asociacionismo en seus tres anos de vida cultural e cívica, polo activismo en destaque que realiza na comarca da Ulloa. A súa sede está na capital da comarca, Monterroso. Un apreciado local con diversos espazos: sala de actos, sala de exposicións, biblioteca e outros apartados para oficina administrativa e sala de xuntas. O IEU conta con máis de cen socios e continúan integrándose numerosas persoas que se identifican co traballo tan determinado que efectúan os seus membros en determinadas seccións de estudo científico, sobre esta comarca integrada polos concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, desintegrados -naturalmente- da que foi a antiga comarca de Chantada.

O IEU esta presidido por Francisco Pardo e integran a directiva diversas personalidades da política, arqueoloxía, historia, literatura, economía, periodismo, antropoloxía, etnoloxía, etc. Unha viva testemuña de referencia e aprendizaxe para cultivar o bo senso do asociacionismo operativo e dar un paso avante naqueles concellos e comarcas que carecen de descubertas do seu propio espazo para naturalizarse nesta Galiza tan deficitaria de persoas con autoestima que valoren a súa terra de nacenza, procurando recompor ese crebacabezas, de tantas pezas ocultas e espalladas, tan intenso e suxerinte para devolvernos esa memoria, para normalizarnos en tantos prodixios ocultos para naturalizarnos e reconstruír o noso país, tan defenestrado en  actualizadas desfeitas.

O Instituto de Estudos Ulloáns vén difundindo notábeis investigacións sobre a Ulloa, unha comarca notábel, mesmo no centro xeográfico de Galiza, tan abastecida de numerosos e relevantes temarios que facilitan aos estudosos e aos habitantes da comarca recoñecerse no rol identitario tantas veces depredado para que o esquecemento nos devore e nos desaloxe do herdo que nos emancipa como galegos.

O IEU está propiciando un labor privilexiado en  descubrir, estudar e difundir numerosas particularidades de todo o que se ateiga na Ulloa. Conta con xente especializada en varios temarios, e con distintos frontes vehiculares como é a revista “Cairón”, unha publicación de investigación anual que conta con tres números, dirixida polo xornalista Daniel Salgado. Pode que esta publicación sexa un dos perfís destacábeis de difusión con máis distingo nos contidos de investigación e, tamén nos procesos da vida e das mudanzas que se deron nun dos espazos con máis personalidade do ruralismo galego, como é a comarca da Ulloa. A revista “Cairón” preséntase o próximo sábado día 16, na Feira do Libro de Monterroso.

En tres anos de vida deste Instituto, a aposta por un traballo serio, en fomentar a cultura orixinaria, con exposicións fotográficas como a da autoría de José Luis Vega, sobre as famosas feiras de Santos de Monterroso, inaugurada o 1 de novembro do pasado ano. O pasado é o presente contrastado, un temario inédito para as novas xeracións, manifestando a veracidade do que foi e xa non é.

Nesas imaxes están múltiples procederes e contundencias da vida orixinaria dos galegos en múltiples quefaceres e manifestacións desas feiras. A autenticidade da labregancia en resume fotográfico, daquelas actividades laborais e dunha economía de subsistencia, cuxos excedentes revelan diversos inventarios de non poucos enxeños que os moradores da Ulloa converteron en utilitarios. Por tanto, o Instituto de Estudos Ulloáns non deixa de ser un instrumento fundamental para recuperar identidade e facer memoria das cousas que deron pulo ao noso país desde a comarca da Ulloa.
Xosé Lois García