Omisión nas letras galegas - 25 ABRIL 2019

Os doutos académicos da Real Academia Galega (RAG), continúan reiteradamente asentados na anomalía de non elixir Ricardo Carballo Calero (tamén, Ricardo Carvalho Calero en grafía lusófona), falecido en 1990 e desde 2000 podía ser elixido para a celebración do Día das Letras Galegas, segundo os estatutos da RAG. Mais os chamados preclaros desta institución continúan omitindo un distinguino persoeiro clave na literatura galega. Autor dunha gramática do galego, dunha “Historia da Literatura Galega Contemporánea”. Artífice de poesía, teatro, narrativa, ensaio e numerosas colectáneas. Un creador completo e distinguido, membro numerario da RAG. Só por esta inmensa obra en galego merece a distinción do Día das Letras Galegas, outros autores de menor valía creadora foron homenaxeados. Mais o contubernio académico proliferou contra Carballo Calero, por ser protagonista no alegato de explorar na lingua portuguesa un achegamento do idioma galego ao portugués e tendo como horizonte a lusofonía, como elemento de rescate da orixinalidade lingüística. Pregados na censura, talvez por esta postura, Ricardo Carballo Calero desapareceu dos matices que podía manifestar a RAG. Nunca aclarou o porqué desta omisión, fronte á petición de numerosas persoas das letras e de asociacións culturais que continúan reivindicando o Día das Letras Galegas para Carballo. O que non se pode obviar é a escrita en galego da súa ampla obra, esta é a que se ten que valorar e non cercala co silencio e pecharse no oficioso statu quo da intolerancia. Unha determinación da Academia moi parecida ao secretismo do Sacro Colexio Cardenalicio, sorprendéndonos con incomprendidos misterios.

O CONTUBERNIO ACADÉMICO PROLIFEROU CONTRA CARBALLO CALERO, POR SER PROTAGONISTA NO ALEGATO DE EXPLORAR NA LINGUA PORTUGUESA UN ACHEGAMENTO DO IDIOMA GALEGO AO PORTUGUÉS E TENDO COMO HORIZONTE A LUSOFONÍA, COMO ELEMENTO DE RESCATE DA ORIXINALIDADE LINGÜÍSTICA

Moitos non entendemos que a adxudicación da homenaxe do Día das Letras Galegas do ano 2000 teñan recaída en D. Manuel Martínez Murguía, só por escribir un texto en galego que pronunciou nos Xogos Florais de Tui en 1891. Murguía foi ese inmensos benfeitor da patria Galiza e do Rexurdimento político; o intelectual cargado de plenitudes e resplandores, a quen os galegos debemos tantas cousas, mais parece esaxerado que se lle dedicasen as letras galega por ese discurso. O deslice da RAG non deixou de conmovernos. Murguía é merecente dunha homenaxe nacional que continúa pendente, capaz de englobar institucións, administracións de todo tipo e sen discriminación. Toda a obra de Murguía está en castelán -así eran as contradicións da época-. Un bo exemplo para que RAG estivese á fronte desa homenaxe. A exemplar obra de Murguía fixo posíbel a rehabilitación da nosa historia e da autoestima polo noso país.

A omisión da Realísima..., continúa con Diego Antonio Cernadas e Castro, o Cura de Fruíme (1702-1777), precursor das liberdades de Galiza no século XVIII. Ariete e azoute contra as insidias e o menosprezo da corte e dos casteláns contra Galiza. O seu varudo berro poético foi puntual e determinante contra os escarnecedores que trataban de humillar o pobo galego. O Cura de Fruíme non demorou en escribir violentos versos contra os que proclamaban vileza naquela Galiza sometida. Polas súas batidas contra os que denigraron a personalidade e a diversidade cultural dos galegos, o Cura de Fruime foi considerado e honrado como o poeta nacional de Galiza, tal como o explica George Borrow, aquel inglés vendedor de biblias que visitou Galiza en 1837, no seu libro: “A Biblia en España”. Que se esqueza esta singular personalidade defensiva e que continúe sen homenaxear é algo insólito. Unha omisión disparatada, como tantos outros escritores que parece que o secuestro e o silencio é un hábito que se impuxo na RAG. Para nada estou pensando que os elixidos para esa homenaxe das letras, sexan elite apetecida polos señores académicos.

A OMISIÓN DA REALÍSIMA..., CONTINÚA CON DIEGO ANTONIO CERNADAS E CASTRO, O CURA DE FRUÍME (1702-1777), PRECURSOR DAS LIBERDADES DE GALIZA NO SÉCULO XVIII. ARIETE E AZOUTE CONTRA AS INSIDIAS E O MENOSPREZO DA CORTE E DOS CASTELÁNS CONTRA GALIZA

Despois da celebración do 17 de maio, os membros da RAG reuniranse en pleno para elixir o escritor que será homenaxeado en 2020. E todos volveremos a escandalizarnos por omitir  Ricardo Carballo Calero. Insisto: o escritor do Ferrol, en todo o que escribiu en galego, é moi superior a moitos dos que foron elixidos para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Xosé Lois García