“Nós Diario”, a realidade dun xornal en galego - 09 maio 2019

Aproxímase a aparición do xornal: “Nós Diario”. Con el ábrese un xigantesco e preciso pórtico de información no idioma galego. As imprecisións son un vello síntoma que enarbora o xornalismo en español, tan mediatizado polos poderes oligárquicos e por administracións estatais e autonómicas en Galiza. As estimadas e case millonarias subvencións que reciben localizados xornais galegos  reverten o favor en fidelidade ao vulnerar unha información veraz, en vez de informar sobre a autenticidade real que tantas veces é terxiversada e, no caso máis grave, negada. Todo este volume de diñeiro serve para comprar desinformación, omisión e dar unha orientación nesgada, a que nos ofrecen eses medios? Non hai máis que ver a estatística do DOG sobre as axudas xornalísticas que certos medios reciben da Xunta. Esas poderosas cifras revelan múltiples orientacións do que é capaz de facer “don dinero” coa información en negativo, axudar a gañar eleccións sempre do mesmo lado. Estas premisas hai tempo que as teñen descuberto lectores pragmáticos que non se deixan guiar pola falsa e cobizosa evidencia xornalística que domina o panorama galego.

“Nós Diario” preséntase como opción a cubrir un espazo que non temos. Mais un espazo relevante e ausente dunha información que retome ese síntoma progresista que ten o noso país e que se foi realizando aos poucos até tomar a decisión de organizar un xornal. Que valor hai que ter nestes tempos de desoídas e desencontros, unificar ideas e esforzos e ser nós quen erga os alicerces dun xornal que sexa a voz dunha rexeneración de actitudes que florecen no noso país ás que se lles nega o seu brillo. Un xornal que procurará a veracidade informativa para  divulgala. Precisamos dun medio que inicie un debate plural que responda aos intereses da nosa identidade para resolver localizados problemas.

É verdade que o xornalismo xurdiu en momentos moi críticos, naqueles espazos nos que  prevalecía un dominio ditatorial. O estrondo triunfal da Revolución Francesa creou elementos sólidos en favor da democracia, da república e da liberdade, por medio de xornais, gacetas e folletíns. Mais aí estaba a idea e o espírito revolucionario daquela prensa. En sucesivos episodios revolucionarios da Europa do século XIX, a protagonista foi a información liberadora que daban os xornais. Por tanto, non hai rexeneración posíbel sen unha óptima información. Como dixo o escritor brasileiro Machado de Assis: “Tudo se regenera: tudo toma unha nova face. O xornal é un síntoma, un exemplo desta regeneração. A humanidade, como o vulcão, rebenta unha nova cratera quanto mais fogo lhe ferve no centro”.

Naquela altura de álxida repercusión da prensa, sinala Machado de Assis: “O jornal matará o livro? O livro absorverá  o jornal?” Esta era a preocupación daquela nobreza asentada no seu barroquismo, que pensaba que os xornais estaban creando uns adeptos pola lectura nas clases populares, as máis desprotexidas economicamente que optaron pola lectura e creando desasosego. Aínda sinala Assis: “O jornal é a verdadeira forma da república do pensamento. É a locomotiva intelectual em viagem para mundos desconhecidos, é a literatura comum, universal, altamente democrática, reproducida todos os dias, levando em si  a frescura das idéias e o fogo das convincções”. Nesta dirección orixinaria camiña “Nós Diario”, coa vocación de liberdade e de contar día a día as transcendencias que acontecen no noso país. E, por suposto, vai ocupar por primeira vez un lugar importante na prensa en Galiza, desta vez como diario.

A vinda deste xornal en galego non deixa de ser un proxecto de fidelidade ao noso país

Os que tentan divulgar o precipicio do proxecto están orquestrando de que xa non hai máis lugar para os medios, que o dixital está devorando o formato papel. A este tema tan especulativo como incendiario deu puntual resposta, nun recente artigo en Sermos, a súa directora María Obelleiro, sinalando: “Cando apareceu a televisión, prognosticábase que sería a fin da radio. Cando chegou a internet, dicíase que desaparecería a televisión. Cando irromperon os libros electrónicos, e anunciábase o fin dos libros en papel. Mais nada disto aconteceu”.

A vinda deste xornal en galego non deixa de ser un proxecto de fidelidade ao noso país, que constata o rigor e belixerancia pola defensa da nosa lingua. Sen o vehículo lingüístico non podemos ter o respiro do herdo identitario en súa plenitude. A lingua é a que nos proporciona interiorizarnos na comprensión cultural e social e expresarnos na nosa lingua orixinaria debe ser un elemento de expresión que nos unifica en outras demandas. A lingua é o pulmón da nosa identidade, o saben ben os que queren aniquilar o seu respiro. Por tanto, “Nós Diario” exercerá de mastro direccional dun proxecto informativo que, ademais de suplir carencias, poñerá en valor todo aquelo que foi depredado ou está en vías de repoñer o noso patrimonio inmaterial e material. Este proxecto xornalístico non deixa de ser ilusionante para unha nación anulada, con silencios colonialistas. É moi importante, en tempos de confusión, manter diariamente unha cabeceira xornalística en galego. A creación deste xornal reflexa a dialéctica de autoestima polo noso país.
Xosé Lois García