Os recursos vitais dos castiñeiros e das castañas - 12/02/2019
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

Falar dunha das árbores principais de Galiza como é o castiñeiro e da súa produción, a castaña, son palabras maiores para condensar todo o que representa na sociedade galega a singularidade do seu aproveitamento alimenticio, nesa conformación tan especial que representa na nosa paisaxe e no aproveitamento da madeira: dadora de tantas cousas e artificios tan presentes na boa e decente feitura da casa. En toda ela exhibe a súa presenza en variadas formas, funcionalidades e comodidades. Nesta cuestión non continúo a falar desta estimada árbore, non son a persoa apropiada para continuar o guión persoal. Pero hai no noso país persoas autorizadas no dicir da investigación científica sobre a nosa árbore autóctona, como é Héitor Picallo Fuentes, autor do libro: “No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos”. Edicións Fervenza (outubro 2018). Un verdadeiro aporte para coñecer a poderosa presenza na dieta alimenticia do noso rural e, tamén, nas mesas aristocráticas e conventuais. Un libro moi autorizado que vén a restituír do esquecemento ao que está sometido o castiñeiro. Nestes tempos de cambios alimenticios que devoran a coexistencia dun ben produtivo como é a castaña, Héitor Picallo pon ao lector en tódolos abrentes dese reparto que el contextualiza en seis grandes apartados. O primeiro deles abastécenos sobre o espazo natural ou de adaptación en que se criou e preservou o castiñeiro, e as fontes de riqueza na lexislatura feudal do medievo. Todo un portento documental sobre a posesión produtiva, proteccións exclusivas e súas modalidades de prestimonios, foros, arrendamentos, vendas, permutas, preitos, diversos agasallos de propiedade etc., constitúen a fase histórica política sobre os estamentos de poder con relación a certos conceptos e regulamentos relacionados cos castiñeiros. Neste primeiro apartado non é fácil reconstruír toda unha documentación partindo do século X até a actualidade, aquí vemos a pericia dun interesante investigador, como é Picallo, repregado en escudriñar unha intensa documentación, tantas veces incómoda ou desvantaxosa, que el puido reanimar superando imprevistos, que nestas traballos acontecen. Mais a longa bibliografía que nos presenta sobre esta materia é un excelente indicativo que este libro non foi composto con apuros e con improvisacións. O seu autor é moi consciente de que estes temas hai que tecelos con suprema autoridade, concentración e desafío.

No segundo apartado, destaca o titular: “Os castiñeiros e a importancia do inculto”, na que interveñen nunha serie de modalidades de cultivo do castiñeiro en espazos e deseños de soutos diferenciados por diversos espazos de cultivo de montaña e de ribeira. Como podemos ver no organigrama xeográfico das montañas e veigas do Courel e dos Ancares e, tamén, na Ribeira Sacra, como centros importantes da produción da castaña en Galiza. O noso autor apórtanos varios conceptos de soporte e coidado dos castiñeiros, toda unha aprendizaxe que procede desa cultura agrícola dos monxes bieitos e bernardos, entre outros, máximos coidadores e propietarios deses longos e robustos soutos onde a economía da castaña estaba baixo o seu dominio, maioritariamente. A castaña foi o alimento de centos de xeracións de Galiza, unha produción básica, xunto co centeo e o viño, que a súa produción era fervorosamente apreciada e apetecida como xeneroso maná caído do ceo.

No apartado terceiro, Héitor Picallo entra nos pormenores do castiñeiro como materia prima e aproveitamento do seu froito e fundamento de variadas condimentacións e confeitos. A súa madeira, tan presente na construción de casas e móbeis e outros artellos funcionais, ten neste apartado gratas referencias da utilidade da nosa esgrevia árbore. A súa folla non deixa de ser moi apreciada na fertilización de morteiros e videiras. Ademais do tema xenérico deste apartado, engade mais de dez ámbitos, con meticuloso coeficiente sobre a presenza do castiñeiro como axente eficaz en todas as entornas da vida labrega. Velaquí onde este profundo estudo toma un estado álxido e atractivo de acadar elementos moi distinguidos sobre a castaña na nosa cultura, na nosa etnoloxía e que ben a definir elementos antropolóxicos da conduta dos nosos labregos que cultivaron castiñeiros e seu produto. O perfil que nos desdobra Héitor Picallo neste apartado é moi concreto na reconstrución dunha variedade de arquetipos que magnifican a nosa idiosincrasia. Por tanto, sen os castiñeiros seríamos mais pobres e mais orfos. Sen eles non teríamos un modelo relacionado cos formatos e proxectos arquitectónicos, artesanía e a singularidade que os carpinteiros deron forma galega á materia dos nosos castiñeiros en todo tipo de construción e decoro.

No apartado cuarto, hai unha distinción exclusiva á castaña, onde se dimensiona esa abundante verificación de extractos, onde acastaña foi a soberana da vida social e protagonista de transaccións e monopolio económico e opulencia de mosteiros e pazos. Picallo móstranos un amplo proceso sobre os coidados e as transformacións da castaña, que vai desde o vareado até a condimentación deste produto. Unha fecunda pescuda sobre a utilidade dos sequeiros, canizos e outros artificios utilizados para a seca das castañas. Sobre os sequeiros, concretamente os da Ribeira Sacra miñota, podemos ver topónimos que memorizan ese espazo de recolección e seca da castaña. En varios lugares desta ribeira encontramos varios sequeiros en desfeita, con planta baixa, lugar onde se producía o fume e a parte alta o canizo para as castañas, Squeiros con magnífico deseño arquitectónico, homologábel a outras zonas castañeiras. Na entrada da devesa do Rogueira, en Moreda do Courel, vemos un elocuente sequeiro -outros chaman fumeiro-, que dorme e soña no maino cantar dun regato trobeiro que pasa a seu lado.

Este amplo apartado verifica diversos exemplos documentados sobre o consumo de varias modalidades de castañas secas, pisadas, crúas e asadas. Tamén nos informa da variedade de castañas: verdeal, negral, grandal, etc. O estudo abrangue ás modalidades de foros e renda na que a castaña era un elemento de primeira orde no beneficio dos propietarios da terra, fronte aos vasalos que a traballaban e coidaban dos soutos. Coa entrada da pataca, vinda de América a principios do século XVIII, moitos arrendatarios mudaron o cultivo da castaña polo da pataca, para evitar a presión da renda. Hai un documento do igrexario de Vilauxe (Chantada), en que o abade chama a atención a seus arrendatarios por abandonar a recolleita de castañas e non pagar o aforamento contraído. Eles manifestan que é mais rendíbel a explotación da “castaña da terra” -así chamaban á pataca-, que estar sometidos a pingües recompensas e beneficios. No caso deste apartado ademais de darnos información histórica, etnográfica e económica, transcende en temas substanciais que nos remiten a ter en conta o sistemático formato que revela a autenticidade dun proceso histórico da vida agrícola e comunal galega, onde o seu hábitat sedentario estaba rodeado de castiñeiros, que proporcionaban o alimento mais distinguido do noso rural como era a castaña.

Nos últimos apartados cinco e seis, Héitor Picallo Fuentes entra nas rendas mitradas de Compostela, na produción na bisbarra do Umia e no carácter que os topónimos definen e conforman esa demarcación de espazos produtivos de castañas. Estamos ante un libro que aporta e ilustra un temario un bocado esquecido e non estudado coa profundidade que encontramos “No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos”. Un libro que se publica nun tempo de mudanzas e esquecementos, que vén a restituír o memorando deses amplos espazos de castiñeiros e lembrarnos a fartura que proporcionaron as castañas, dieta primordial da sociedade galega de tódolos tempos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras