Alfonso Campos: Pioneiro de benquerenzas - 16/04/2020
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García
En poucas xeografías galegas encontraríamos a unha persoa tan poliédrica como Alfonso Campos Pérez, nativo e residente no microcosmos de Francos de Proendos (Sober). Estimula frecuentar variadas benquerenzas deste polifacetario pioneiro, que tripa terras conespléndida historia silente, polo Val de Lemos e alén das fronteiras fluviais do Sil e do Miño. Un pescudador itinerante que resolve descubrir prodixiosas interioridades do que se esconde da cultura e da arte prehistóricas; do que aínda continúa acazapado nos vellos cartafoles dos arquivos que agardan ao escudriñador xeneroso e seguro de darlles vixencia, como o fai Alfonso Campos. O home de pisada certa e de receptiva retina que recolle tantas imaxes dos lustres da nosa alfonso camposTerra. Alfonso é unha persoa de andar e ver-como definían os árabes aos cronistas que procuraban descubrir as particularidades de Al-Ándalus-. Nas súas descubertas, el está exento dese estilo inhibidor que caracteriza a moitos que se cren autoridades exclusivas eauto endeusadose pechados no seu gabinete burocrático. Eses ensimesmados que perderon a noción do tempo,só pontifican o seu ego. Nunca encontraremos a este ilustrado soberino desnortadode seus parámetros de acción. Porque as súas empíricas pesquisas teñen unha frutuosa sustentabilidade no que se constata das súas seguras investigacións.

En súa movida de “autodidacta”, Alfonso Campos ten unha dilatada vida cultural, nun sentido amplo, e un espléndido olfacto en verificar as cousas, en seu ser e estar. Velaquí o don e o portento que el recibiu da estirpe de labregancia, de abrirse aos demais e estar en todo o que palpita curiosidade a seu redor. Interrogar a un cachiño de tegula (tella romana) e entrar nos porqués de estar nun espazo concreto e sometelo a unha verificación, partindo dun mínimo para concluír nun todo. O mesmo diremos dese xacemento arqueolóxico que destaca e posúe todo o territorio de Sober, onde teñen asento múltiples petróglifos, onde Alfonso continúa pescudando e descubrindo, de peneda en rochedo, numerosos exemplares da era Neolítica, con representacións gráficas de suculentos símbolos que, talvez, sexa a previa da escrita formal daqueles antigos poboadores polas terras de Lemos.

Neste estrito universo dos petróglifos encontramos ao iniciado Campos, ao lado do mestre e recoñecido arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que ía empolainado con esas botas de bo bater por campos abruptos de batalla, tripando carrasqueiras, silvas e toxeiras, en quixotesca comitiva a procura de tesouros que esqueceron os mouros -dirían moitos-. O Alfonso, con eixadae pala, escaravellando na superficie á procura da nosa prehistoria. Velaquíos comezos vitais deste “arqueólogo” sen título universitario, mais con método de descuberta e dun ditame no formato de clasificar estes monumentos. Podemos dicir que Alfonso Campos soberanizou unha serie de herdos e pertenzas que estaban bastante depreciados, por non dicir ignorados, do abastecido e interesante patrimonio de Sober que el puxo en valor. Darlle vixencia a ese enorme xacemento de xeróglifos; valorizar o expresivo espazo castrexo que é bastante elocuente nese concello; recoller cachiños de cerámica para recompor parte do crebacabezas que precisa esta Galiza tan partillada e fracturada para exhibir a personalidade da súa identidade. O Campos, itinerante en visita polas expresións artísticas do románico de Sober, das pinturas manieristas que en súas igrexas non só mostran misterios relixiosos, tamén a maneira de organizar vida e vivencia de tempos idos. A arte popular con tantas sensibilidades en oferta, manifestando a creatividade da arte labrega en incalculábeis obxectos que marcan a Sober e a unha Galiza de seu, como mostran os oleiros de Sober. Hai poucas semanas que os medios de comunicación deron a noticia dun achado arqueolóxico en Proendos, os xornalistiños botaron as campás a voo como unha descuberta inédita, cando xa fai anos que Alfonso Campos xa tiña intuído e marcado un amplo espazo, no que agora o xeorradar confirma un notábel xacemento arqueolóxico.

Campos é un recompilador de lendas orais que publica en pequenos cadernos, unha excelente vía de comunicar o patrimonio material e inmaterial cos que conviven con el dunha maneira indiferente, tantas veces. Todo un traballo que facilita non estar ausentes das cousas mais sensíbeis que outras xeracións crearon. En toda esta mobilidade, Alfonso non está só, el participa con moitas persoas que conforman esa irmandade tan fecunda da asociación cultural, “O Colado do Vento” con tantas actividades a reo, como son conferencias organizadas sobre un enorme temario relacionado con Sober, no que participan especialistas de varias materias.

Do que xa dixemos deste activista e da súa implicación no patrimonio material, debemos falar da outra vertente de Alfonso Campos, implicado e activoexploradordo patrimonio inmaterial. El é un profesional da música. Desde a súa infancia participou como músico na mais que centenaria Banda de Música de Sober, da que foi director. Compositor e buscador dos acentos populares que sérvenlle para compor afinadas pezas que interpretan os grupos musicais: “O Trícole” e “Os Parentes” de Sober, deseñados por el -segundo a miña opinión- aínda que a súa humildade non admita o verbo crear e diga que é un cooperador máis. Animador e director de coros musicais que aínda teñen presenza e notoriedade polas terras do Val de Lemos e Quiroga. Recuperou cancións tradicionais populares que se cantan polas aldeas o día de Reis e tantos outros floreceres da música e do canto local.

É difícil que exista a cultura galega sen o potencial que aportan persoas cultas e preocupadas como é o caso Alfonso Campos. A súa plenitude intelectual e a súa liberdade de acción desafían o tempo, que moitos queren velo parado e sen interrogantes. A persoa culta innova, crea, divulga, mais tamén cuestiona. Alfonso, en súas sapiencias, sabe distinguir o accesorio do esencial e o insignificante do profundo. Pois, o sentido da calidade de acción e liberdade de poder dicir aquilo tan solemne, que Gramsci manifestou: “A verdade é sempre revolucionaria”. A revolución en cultura sempre se fai coa palabra. A cultura galega sofre un agudo problema que é a ausencia da súa lexitimación como entidade. Compren persoas cultas, activas e predispostas a realizar un traballo de referencia, como o que realizaAlfonso Campos en Sober, e isto conséguese con analoxía, agudeza crítica e con decisión de abordar temas socio-culturais que competen a unha colectividade ou a unha elite da mesma. Boa parte da incompetencia que aflixe á cultura galega, procede de diversos persoeiros que posúen poder políticoe realizan incultura. Nesta negación, é evidente a contrariedade, entre o poder que ditamina preconceptos e cultiva manipulacións como a mellor arte de negar a verdadeira cultura feita á medida e necesidades do pobo. Facer e cultivar cultura, radica en crear infraestruturas e concienciación para recuperala desde a base. A cultura a crean as bases populares, asociadas entre si, non os decretos burocráticos. Alfonso Campos Pérez é unha referencia a imitar, por moitas motivacións, sobresaíndo no rigor e na sobriedade do seu labor. O seu fecundo traballo abre moitos camiños para seguir e non ser desandados.