Memorias duMemorias dun neno labrego nas que eu me recoñezo - 11/05/2020

Por Xosé Lois García
Revisión do artigo publicado en 2008 no libro 'Homenaxe a Neira Vilas e a Memorias dun neno labrego' , a petición do propio "Pepe Neira" ( Xosé Neira memorias dun neno labregoVilas) ao escritor chantadino.
"Eu como Balbino tiña dobre dor porque todas as liortas viñan por culpa da pobreza. E nesta situación eu aspiraba a ser grande e ir ás Américas gañar diñeiro e mercar os mellores prados e converterme en gardador de vacas e lúcidas xogadas de bois, para que os meus pais gozasen de alegría e tenrura que non tiñan"

Naquel 11 de novembro de 1972, en Barcelona, Xosé Neira Vilas metía nas miñas maos a quinta edición de “Memorias dun neno labrego”. Resultoume ser unha lectura elocuente e persuasiva, pois revelábame a miña maneira de vivir nos primeiros anos de nenez e adolescencia, polos que xa tiña transcendido Balbino. Confeso que en moitas materias e paradigmas eu son o prototipo de Balbino, ese neno aldeán, nutrido nas mais distinguidas vivencias e expresións labregas. Eu acredito que formo parte dese Balbino que anteriormente foi o prototipo esencial de Pepe Neira. Coido que todos os nenos labregos do pos franquismo estamos representados nese neno das Memorias. E posto a escudriñar comezo polo conto titulado o “Xudío”. Eu tamén gustaba dos foguetes da festa de Merlán, mais tiña certo pánico dado que as advertencias do meu pai de ficar sen dedos por tratar con foguetes. Poñíame como exemplo ao manco de Belesar que perdera un brazo por un bombazo que lle estalou nas maos. Por iso eu tiña pavor aos foguetes. Pero na festa parroquial eu ía detrás das variñas dos foguetes de retreta que levaban un longo cordón de cáñamo que era moi cobizado polos labregos, para coser as pezas dos zocos.

A min pasoume co tío Leopoldo o que lle tiña pasado a Balbino co tío Braulio. Unha noite de xeada deron alarma que o meu tío afogara no pozo de lavar. Alá foron con fachos e o tío Leopoldo estaba cabeza abaixo flotando, cos meus catro anos teimaba de que o sacaron da auga. Chegou un señor bigotudo que tomou nota do morto no medio daquel silencio e quedoume sempre aquela palabra do pedáneo que lle dicía: señoría, señoría e mais señoría..., aquel xuíz ordenou que o sacaran da auga. Chegou o Xecas cun gancho e lanzoullo á chaqueta e tiraron por el cara fora do pozo. Mais aquela desgracia negra tocoume o corazón, como lle tocou a Balbino.

Tampouco souberon os meus país os meus sufrimentos internos que eu sentía cando barallaban, como no conto, titulado: “Os grandes”, que Balbino ficaba descolocado. Eu como Balbino tiña dobre dor porque todas as liortas viñan por culpa da pobreza. E nesta situación eu aspiraba a ser grande e ir ás Américas gañar diñeiro e mercar os mellores prados e converterme en gardador de vacas e lúcidas xogadas de bois, para que os meus pais gozasen de alegría e tenrura que non tiñan.

Mais a mágoa de Balbino, que sentiu polo seu irmán Miguel cando marchou para América, é moi parecida á miña que sentín polo Pepe do San Roque cando marchou para o Brasil en 1952. O Pepe era o que me cortaba o cabelo, o que me facía monicreques para brincar, o que me paseaba a trote na besta. Naquela enorme cociña fumenta comezaron os consellos e as encomendas, un rosario para que o barco o levase a bo porto. “Non deixes de ir á misa” e confesarte polos preceptos, mentres as bágoas caían polas faces curtidas da súa mai e dos seus irmáns. Eu espetei os ollos no Pepe, naquel coro de confraría familiar, mais cando os bois camiñaron co baúl cara o coche de liña que o levaba a Vigo, fuxín para detrás do sabugueiro e o meu pranto foi longo e adobiado de maldicións contra a emigración, só o silencio foi testemuña do que eu sufrín.

Di Balbino: “Don Alfonso era ruín. Espricaba pouco e soscaba arreo. ¡Qué maneira de mallar e turrar das orellas” Pois don Alfonso era calcadiño a don Manuel Varela, o meu mestre de Merlán, que tamén repetía: “A letra con sangue entra”. Dicían os que moi ben o coñecían que ía para crego, por ser sobriño de crego, e despois para avogado e ficou en procurador e escolante. A súa frustración o levou a ser un mestre amargado, porque un familiar íntimo del matou a un home co estadullo dun carro. Aquelo daba pánico cando a súa esquizofrenia o abouxaba. Don Alfonso e don Manuel debían de ser da mesma pedagoxía de latrina. Por algo lles chamaban os escolantes de varas.

Tamén eu, nunha mañá cediño de xaneiro espertoume un berro longo e dorido da miña mai de que a avoa remataba de morrer. O mesmo conta Balbino: “Unha mañán espertei cos berros anguriados da madriña e de mamai”. Eu, como Balbino, “Erguinme da cama como un lóstrego” abrín a fiestra para que a alma da miña avoa voara a celestes apousentos. Despois chegou xente e mais xente, todo era negrura. O ataúde, o lazo dos cirios, a capa pluvial, a casula eran negras, até o cántico dos cregos soaba a negro. Vendo tanta negrura cheguei a repudiar o negro. Mais sentín apego pola morte porque tódolos veciños eran mais afables e ofrecían boa vontade por axudar, e isto, nunha casa de pobres, parecía que a morte ten o seu lado luminoso, tal como lle pasaba a Balbino.

Di o Balbino: “Cando tocaba a campá percuraba turrar con moito xenio pola corda ou o batel”. Esta afinidade que eu teño co Balbino era unha paixón enorme de facer vibrar o bronce das campás en moi diversos toques. Gustaba de bater con forza o badalo para que o eco dobrase seu son por valgadas e terras baixas de Merlán. Coido agora, ao ler estas memorias de Pepe Neira que: “Cada badalada era como un berro”. Un berro de mortos soando nas campás; un berro seco e enxoito transmutando almas de lugar. Eu coidaba de rapaz que o oficio de campaneiro era un dos mais honrados para defenderse na vida. E nese silencio de aldea dar sinal de morto, con badaladas lentas, chamando a meditar sobre a vida e ofrendarlle rezos ao defunto era a maior homenaxe a quen se ía do lugar. Lembro aquel toque obstinado e perdurábel que eu dei polo Luís do Poia, aquel pobre que finou de mozo, que súa mai tivo que pedir cartos de prestado para seu enterro. Ollei –quizais por primeira vez- aquela alma maternal tan desolada e quixen que o Luís tivera un enterro lúcido e concorrido no toque das campás, dado que os cregos mermaron, porque non había diñeiro, mais as campás tocaron e dobraron mais que nun enterro de ricos. Así que turrei, con rabia e satisfacción, e o badalear das campás aínda soan na miña conciencia e na miña compasión.

Grazas a Pepe Neira Vilas por todas esas frecuencias que nos descubre de Balbino e que coinciden coas experiencias de tantos seres que perfilaron verdade e vontade nesta nosa terra labrega.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras