Os gorrións urbanizados - 09/08/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Mal presaxio cando certas aves múdanse de espazo e de hábitos alimenticios, abandonando o que lles foi habitual en súa dieta, dependentes de cereais e doutros froitos producidos no medio rural. O abandono do noso medio rural produciu tal decadencia que afectou a certas especies que puxeron en perigo o seu puntual alimento, tendo que emigrar a outras contornas e a centros urbanos, onde podemos ver numerosa poboación de gorrións. Naqueles tempos dourados de coexistencia agrícola de autoconsumo, consolidouse unha abundante e sedentaria permanencia de aves. Eran tempos en que os gorrións señoreaban as aldeas e competían, dunha maneira altiva e ladroeira, co alimento destinado ás galiñas que ofrendaban aos labregos manutención. A min de neno divertíame a pericia e a constancia que tiñan os gorrións por acaparar mantenza e pola súa bulideira destreza de acumular a súa rapina, debaixo das tellas dos hórreos onde tiñan seus niños e prolíferas niñadas.

Este paxaro miúdo que camiñaba a choutos ben compasados e co seu arrechouchío requintado e onomatopeico que sonorizaban as aldeas, dando mobilidade a esa vida enteira labrega de que algo importante estaba en movemento perpetuo. Mais aquela movida de constante afán de labores campesiños que proporcionaban froitos espigados acabaron. Os tempos novos impuxeron soidade nas aldeas e lonxincuos silencios que testemuñan o abandono daquelas fértiles terras de abundante produción agrícola, que sustentaron a centos de miles de xeracións de persoas dedicadas á labregancia. Esa constancia de labor, arreo dunha persistencia que nos proporcionou cultura de áticos niveis, onde as nosas raiceiras configuran vida plena. Mais a follaxe da nosa antiga árbore comezou a murcharse, porque os gobernos centralistas de quenda promocionaron pobreza e esquecemento. Eses gobernos non promocionaron modernidade para sustentar o noso rural en diversificadas producións. Impuxeron soidade, abandono e emigración.

Até os gorrións mudaron de espazo e de alimento, do rural ao urbano. Nas nosas vilas, capital de concello, ollamos bandadas de gorrións procurando sustento nas terrazas de bares e restaurantes, inspeccionando as mesas, picando e roubando os alimentos da clientela. Un novo formato de supervivencia e adaptación, impregnado de carencias e inestabilidades que estas aves manifestan o desorde establecido e a inconsistencia de frecuentes alteracións tan permisivas que continúan destruíndo o noso medio rural. A agresión mercantil-capitalista, ademais de abusiva e persistente en súa vocación de apoderarse dos medios de produción do noso rural e anulando certos produtos agrícolas, por imporlles baixos prezos de mercado, que provocan un estado non rendíbel que levou e leva a tantos produtores agrícolas a desertar e emigrar do seu medio natural, por verse aldraxados polas matemáticas súper comerciais e por decretos ministeriais que amparan a tantos monopolios.

Outro dos factores da decadencia que soporta o medio rural veu dado pola carencia de medidas medioambientais de sustentabilidade ecolóxica para prever desastres que agora soportamos. Mentres que os labregos, en súas observantes experiencias, detectaban o cambio climático, as administracións enmudeceron ante evidentes e tráxicas realidades. Fai uns corenta anos que os labregos, persuadidos pola presenza de cegoñas mesetarias asentadas en territorio galego, dunha maneira sedentaria. Tamén as chamadas aves frías que procedían dos países escandinavos deixaran de vir nos invernos, toda unha alarma de que o cambio climático estaba es escena. A mobilidade das aves emigratorias e sedentarias, creou sospeitas nos nosos labregos de que algo estaba alterando o clima. O tema ficou baixo certa especulación e rumores por falta de datos científicos. A situación actual do cambio climático suscita moitas sospeitas sobre múltiples emerxencias globais que en certos lugares afectan dunha maneira extraordinariamente nefasta que veñen a depredar espazos naturais que tiñan que ter protección permanente por parte das administracións. Pensemos nos grandes espazos forestais galegos, desprotexidos e doutras reservas a normalizar, no que respecta á flora e a fauna. O desorde implacábel en que está inmerso o rural galego, por centos de aldeas deshabitadas, carentes de recursos ambientais e modernizadores, permiten efectos catastróficos. A mobilidade dos gorrións e doutras especies vai máis alá da anécdota, deixando marcas que nos ilustran da realidade emigratoria das persoas e da presenza das multinacionais e seus intermediarios na Galiza, que se apoderan dos nosos recursos naturais. Esta é a perversa situación na que estamos.

A soidade e o desamparo anuncian desfeita borrando convivios e nomes, onde neses furacos de brión e negrura a curuxa anuncia o seu reino de permanencia soberana. Tal desolación xa a anunciou en 1880 Curros Enríquez: “¡Qué triste está a aldea, / qué triste e que sola! / ¡A terra sin frutos, a feira sin xente, / sin brazos o campo,/ sin nenos a escola, / sin sol o hourizonte, / sin fror a semente!” O tapiz do esquecemento aldraxa sinxelas casas ergueitas dunha longa estirpe labrega. Residencias comunais reducidas a un breviario ruxir de follas secas que non é máis que un fúnebre réquiem do que perece. A implacábel desfeita xa non esconde a súa sinistra aventura que anuncian os gorrións