Accións e desasosegos de Isaac Díaz Pardo - 30/08/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Cada época xeracional da nosa Galiza está personificada pola acción e significados en destaque de comprometidos talentos co noso país. Afortunadamente Isaac Díaz Pardo foi un dos nosos mentores que estimulou benquerenzas e afáns para erguer aquela Galiza asfixiada pola represión fascista e superar graves traumas da guerra civil, que el sufriu na súa idade de adolescente, cando só tiña dezaseis anos, na sublevación militar de 1936. Triste data que marcou un suplicio familiar de longa durada. O seu pai, pintor e cartelista, Camilo Díaz Baliño foi asasinado un mes despois do golpe de Estado. Pouco máis tarde faleceu a súa nai, no desvarío do amor e da mágoa polo seu marido, nos sorprendidos lances da represión que a cercaron cos seus. Aí estaba Isaac, nos medos que impoñía o terror franquista, salientando a súa precaria existencialidade.

Todas e todos sabemos dos longos, duros e tortos camiños que tivo que tripar pola súa terra sometida e por eidos descoñecidos da diáspora. Mais sempre coa estrela defensiva de Galiza na súa fronte, como referente emancipador de lealdade liberadora do seu pobo, que no seu exilio temporal en Arxentina fixo unión cos “bos e xenerosos” que posibilitaron múltiples escenarios de preservar a nación galega na súa autenticidade, fomentando o noso idioma por medio de múltiples publicacións en galego; exposicións de arte creada por numerosos pintores e artistas no refuxio e exilio arxentino. Aí estaba Díaz Pardo, como pioneiro e lexitimador dunha Galiza creadora e de seu, en liberdade e fomentando democracia.

Pois, “este vello ácrata conservador” -como el gustaba alcumarse- foi o mecenas e amparador de dar prestixio a Galiza pola creación literaria e artística, na que se tiña iniciado no obradoiro do seu pai en Compostela. A suculenta fábrica ceramista da Madalena, non deixa de ser unha patente emocional daquela Galiza mergullada na derrota. que foi capaz de tecer a “Galiza ideal” na Arxentina, como dixo Castelao. Aquela sociedade Celtia, protagonista de Porcelanas Magdalena, con Isaac Díaz Pardo á fronte, Xosé Núñez Búa, Luís Seoane e tantos outros comprometidos con erguer a Galiza redenta.

A fábrica Magdalena foi a xénese de Cerámicas de Sargadelos e do Castro, que o entusiasmo de Díaz Pardo construíu en 1968, cos formatos que respiran patria galega: lexitimadora de tantos resplandores amagados que volvían a restaurar o ideal do que fora a fábrica de cerámica antiga do Marqués de Sargadelos. Unha empresa defensiva da nosa personalidade e idiosincrasia. Pois todos eses “cacharriños” -como lles chamaba Isaac, na súa fina e activa ironía- viñeron a restituír o valor identitario, co que Sargadelos fixo posíbel a creatividade artística que nos identifica coas formas deses deseños, amparados polo sábrego e o barro que lexitiman telurismo e tradición, concentrándonos na nosa nación.

No centenario da súa nacenza, neste mes e ano, as reiteradas homenaxes recoñecen o valor activo dun gran creador de arte e dun visionario que construíu unha enorme empresa de referencia en todo o mundo, onde a Galiza enteira, en seus repregues e despregues, consolidou súa singularidade neses formatos que reconstrúen herdo e historia nesas figuras, tan simples como populares, coas que nos identificamos a ver os nosos reflexos culturais. Unha estrutura sólida que proliferou durante moitos anos baixo a dirección de Díaz Pardo.

Nas tendas de Cerámica Sargadelos espalladas por toda Galiza e o estranxeiro había unha sección de libros galegos e unha sala de exposicións. Esta era a norma que Isaac estabeleceu no formato desas tendas. Creou Edicións do Castro, que fortaleceu as publicacións en destinguidos rexistros e de moitos autores que comezaron publicando nesta editora e que hoxe son maiores de idade na escrita do noso idioma. Isaac marcou uns perfís de contido galego que fertilizaron na cultura e nas artes de preclaras contundencias, restaurando a memoria da xente e das cousas que estaban rigorosamente escurecidas por decreto e “ordeno y mando”.

Ao final da súa vida todos contemplamos os conmovedores desasosegos polos que pasou Isaac, pola revolta de seus socios, os que erixiron deslealdade contra o home que posibilitou darlles entrada na empresa que el fundou, despoxándoo miserabelmente e dunha maneira vergoñenta que conmocionou a todo o país. Os novos donos eliminaron a presenza de libros nas tendas e as Ediciós do Castro. Gran parte da dinámica tradicional que fortaleceu o seu fundador formou parte da anulación regrada por eles, introducindo formatos e deseños foráneos que nada teñen que ver coa autenticidade creativa dos modelos galegos de Sargadelos.

Mais o inmenso legado de Isaac Díaz Pardo é intemporal e inmorredoiro: espléndida referencia para presentes e futuras xeracións. Isaac xa forma parte dos grandes benfeitores e defensores da Galiza, que merece estar en “Alba de Gloria” e participar con todos os precursores mencionados por Castelao. E porque a acción de Isaac continúa alborexando.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras