Vendima 25/09/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Estamos nas “Calendas de uvas coller e viño facer”, como reza o antigo adaxio costumeiro ribeirao. Neste recato, aínda abonda a insistencia: “Polo San Mateo (21 de setembro) vendima a reo”. Por tanto as témporas mandan e envían mensaxes de colleita da acios madurecidos para converterse en símbolo eucarístico e, tamén, en ofrenda a Baco e contentando ledamente a seus adheridos. Así que nas ribeiras do Miño -de Portomarín aos Peares-, concretamente nas ribadas viñateiras de Chantada, xa se vendima e fálase da desgraza que trouxo a pedrada do trebón do 16 de xuño pasado, que en varias parroquias da contorna, descargou desolación. Pese á perda que aínda produce laio, a tradición festeira da vendima, agoireira aínda, tráenos euforias lúdicas de cantos rexos de recolleita, na tradición das vendimas bastante esluídas do que foron antano.

O cántico rexo dos nosos poetas ás vendimas, non deixan dúbidas nas súas composicións, como a narración en verso, composta polo poeta e crego chantadés, Avelino Gómez Ledo, no poema: “Unha vendima en San Fiz”, do poemario: “Borreas” (1927), sinala: “Hoxe é día / de vendima / ¡viva e leda / mocedá! / na ribeira / ¡vol-o xuro! / pan e gaita / n’han fallar”. Os nove apartados deste longo e descritivo poema, esclarecen a euforia que tiveron as vendimas nas parroquias viñateiras de Chantada e noutras localidades da Ribeira Sacra. Nas terras de Castro Caldelas e A Teixeira, eidos de viños rexos do Sil, o poeta caldelao, Manuel Casado Nieto, no seu libro poético: “Vendima”, fai a seguinte ovación ás vendimas: “¡O arrouto gozoso / do viño e do pan: / Vendima de outonos / nas eiras do vran”. Mais un dos esclarecedores poemas que desvela a riqueza folclórica e popular, do festivo labor de vendima é o de Luís Amado Carballo: “Duro coitelo de lúa, / o aturuxo da raza, / fai vendima de cantares / na viña da miña alma”. Os rexistros báquicos dedicados ás vendimas e aos viños, ten na poesía galega desde as “Cantigas de Santa María” de Alfonso X, pasando pola acumulación lúdica e de romaría dos trobadores do medievo, como Airas Pérez Vuitorón, Estevan da Guarda, Pero da Ponte, Xoán de Abuín, até chegar aos tempos actuais onde Manuel María evoca os viños de Chantada: “Viños sinxelos e humildes de Chantada, / que ollades a potencia dos encoros / e a forza do Pai Miño remansado: ¡tende piedade das cepas sulagadas”.

As mudanzas traídas pola presenza do tractor e a mecanización de elevadores de caixas de plástico, substitutas dos cestos coleiros, ben repletos de acios dos sufridos carreteiros que enchían de ledicia e fartura as adegas. Desde ambas beiras do Miño as voces dos colleiteiros resoaban seus aturuxos de recolección en gratitude do coidado artesanal dos ribeiraos no que demandan as cepas en seu coidado e reverencialas no eco eloxioso das vendimas. Voces de regueifa cruzándose, entre os vendimadores, os papeiros de Chantada e os rabudos lemeses do Saviñao. A sonorización non cesaba: “Ei rabudos”! Respondendo con forza aos de Chantada: “Ei papeiros”! Unha vella tradición de desafío que diminuíu notabelmente nos tempos que corren. Sempre remataban ben as liortas, grazas a distancia separadora que impoñían os bravos cachóns do Miño. Os resoantes apupares de rabudos e papeiros respondían á denominación de papeiros (papistas) os de Chantada; rabudos eran os de Lemos, polo de rabino que presidía a sinagoga xudía de Monforte. Aquela comunidade sefardita que tiña presenza no condado da vila do Cabe. Os artesáns sedeiros e cobradores de impostos, amparados polo Conde de Lemos. Pois os cantares de vendima, as aturuxadas e outras manifestacións de festa colleiteira, respondía a ese fulgor que a tradición ribeirá puxo en valor durante centos de anos.