Ponte de poesía (Galiza e Portugal)- 14/11/2021-
logo nosjpg

Xosé Lois García

Recoñecernos mutuamente nas orixes, herdos, tradicións e vontades é unha opción de volver ao inicial da formación orixinal da nosa fala, cultura, etnia e a múltiples definicións comúns. Galiza e Portugal, ou ben Portugal Galiza, constitúen un ente consagrado nestes atributos nacionais que nos acomodan nunha comunal idea de principios e intereses mutuos, acomodándonos nas conxuras de volver ao rego defensivo e protexer o noso pan común. A longa e interesada historia de novecentos anos de separación artificial, mostra que non bastou para manternos ausentes dos de aquén e de alén Miño, unificados no corpus comunal e vivencial dos antigos e floreados trobadores que alicerzaron a sublime pedra fundamental que ergueu o noso altivo monumento órfico que sostén a pléiade que compartimos galegos-portugueses. Un enorme e leal recurso que fornece a idea sobrevivente que esnaquiza atrancos egoístas: sempre pendentes e nada alleos á nosa autodefensa resucitada.

Por convite institucional da “Rota do Románico” e organizado por Miguel Augusto Sousa, aconteceu un emotivo encontro na idílica e bucólica paraxe da igrexa románica de São Nicolau, do Concelho do Marco de Canaveses, terra e enclave entre Douro e Tâmega, mesmo no beiral esquerdo do río común que nos une e ampara a galegos-portugueses, desde a súa nacente nos cumes de Laza até a desembocadura no Douro, a poucos quilómetros da igrexa de São Nicolau. Aquí, ao amparo das augas mansas do Tâmega fíxose posíbel a irmandade poética na palabra común, en súas variantes portuguesa e galega. A música e a poesía soaron nos traxectos da románica arquitectura, repleta dunha abastada concorrencia de admiradores do lírico e do son. Poesía e música, ben conxuntadas en clamoroso orde, comezaron ás 21 h., do pasado 6 de novembro, con o título: “Ponte de Poesia (Galiza e Portugal). Por parte de Portugal leu poemas e textos variados, o actor e rapsodo Fernando Soares; por parte galega, Ramón Caride Ogando e servidor.

A poesía mobiliza o sentido común da nunca separada irmandade con que nos distingue a galegos-portugueses. Apaixonados arrebatos de contentamento nas procuras históricas, de tantos acontecementos que nos unifican, de tantas veces maltratados e malversados polos que precisan instigación e separación para apagar o noso ego e a nosa voz. Mais nesta ocasión, como noutras, a voz soberana dos congregados en São Nicolau, fixeron unha útil abordaxe sobre aspectos moi interesantes e pouco visíbeis desas harmonías milenarias e tan presenciais da antiga Gallaecia e da integradora Suevia que naturalizaron un dos primeiros entes nacionais da península Ibérica, este noso norte profundo comunitario, até chegar aos obstáculos medievais, despotismos modernos dos Austrías e Borbóns, dogmatismos políticos dunha banda e doutra dese trazo lineal xeográfico que vai de Tras-os-Montes ao Algarve. Tantas ideas e dicires foron abordados nese coloquio festivo polos ouvintes e polos tres mencionados participantes. Unha grata impresión sacada deste recital-ponte-coloquio, no que se constatou que entre galegos e portugueses estamos na vía certa do Eppur si muove, utilizando a frase de Galileo Galilei, ante os tribunais inquisitoriais. Mais é tempo que os inquisidores comecen a conmoverse.