Os froitos do furto urbanita - 26/11/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Fai poucos días que dei unha curta camiñada desde a estrada Chantada-Monforte, polos abeiradoiros do Miño na banda do Saviñao, por esas viravoltas de ribeira que nos descubre encantadoras paisaxes viñateiras, até chegar ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño, recentemente restaurado. Un roteiro encantador que nos obriga a ir aos poucos, nutrindo as nosas retinas e sentimentos de sorpresas. Son un asiduo camiñante por este roteiro de entre viñas, soutos e altivos volumes líticos en horizontes abertos que deseñan variados perfís da Ribeira Sacra. Xa dentro do espazo monástico, xunto aos carteis de orientación que demarcan diversos itinerarios sendeiristas, observei un cartel que emite a seguinte advertencia para foráneos e visitadores do románico de Santo Estevo: “As viñas e froitos son o medio de vida dos veciños, por favor respéctenos”. Tal aviso debe facernos reflexionar no intre de vernos tentados a furtar o que non traballamos. Dignifica que respectemos o traballo dos ribeiraos que cultivan con enorme esforzo o produto vinícola, nesas empinadas encostas con socalcos onde a fartura dos acios e das cores das videiras visibilizan o esforzo dun traballo que se manifesta en resplandecidos froitos. Cantas veces observamos a beleza e o encanto deses froitos esveltos e maduros, ofrendando seu saboroso celme, e sen decatarnos que detrás desa beleza e sabor está a mao calosa e anónima que produce estes bens pracenteiros que aporta o viño e outros froitos.

Os viñedos, en seu auxe produtivo, sempre tiveron uns tolerados depredadores, o raposo e aves de presa que os colleiteiros admitiron con certo receo. Actualmente hai unha depredación intolerábel nos viñedos, se non basta a devastación que producen as manadas de xabarís que estragan a uva, chegan os visitantes e turistas urbanitas que se apoderan dos froitos que non cultivaron e que os labregos, aínda nunha economía de auto consumo, preservan os seus excedentes, amparándose nunha feble rendibilidade. Os froitos non aparecen por arte de maxia nos socalcos, nos soutos e nas hortas e temporada. Teño visto asaltos de rabaño que comezan por dúas ou tres persoas e rematan integrando a toda a manada urbanita, que moitos deles descoñecen as normas e os designios do noso universo rural e tantas veces inconscientemente non reparan de que eses bens teñen seus coidadores e colleiteiros. Sobre esta depredación observei, nas miñas aventuras de visitante do románico, un acto vandálico duns visitantes ao mosteiro de Pombeiro, na ribeira pantonesa do Sil. Unhas vinte persoas baixaron do autobús e tres deles fixeron un asalto ás uvas, á beira do dito monumento, e os demais concorreron a un acto de furto sen reparos devastando unha ameixeira, cunha actitude irresponsábel e raspiñeira. Teño observado moitos destes casos infames, en algúns deles teño intervido en defensa dos froitos de quen os traballa e mima. Isto tamén é tarefa das guías de excursións e condutores de autobuses de advertirlles o deber de preservar os bens e os froitos dos colleiteiros naturais.

Este tipo de furtos a produtos alleos, tantas veces de pertenza de familias humildes que viven do que colleitan, están sendo ameazados por persoas que asaltan soutos nas apañas de castañas, tantas veces con liortas entre o invasor e o propietario cultivador. Estamos ante un afán de apoderarse do alleo. Isto débese a graves problemas sociais e de insistente precariedade e de pobreza en certos estratos sociais. Non estamos ante un caso urbanita que non o debemos valorar como intranscendente. Nos viñedos da conca miñota de Chantada e O Saviñao hai un clima moi incómodo pola depredación existente, que conta con diversas modalidades de furtar uvas e froitas. Toda unha constante de perversas actuacións furtivas que levará aos produtores a manter unha autodefensa mais drástica, que irá mais alá do que se demanda no pacífico cartel de Santo Estevo de Ribas de Miño.