Galiza interpretada por Estrabón e Unamuno - 12/12/2021-
logo nosjpg

Xosé Lois García

As curiosidades que apuntou brevemente sobre Galiza o xeógrafo e historiador grego, Estrabón (64 a. C e o 24 d. C), téntanos a procurar certos aspectos daqueles habitantes que este visitador ordenou concretos comportamentos, dándolles visibilidade sobre asuntos domésticos e bélicos, talvez desde unha perspectiva interesada e acomodaticia á imposición colonial romana, sobre as sociedades tribais que ocuparon o noroeste peninsular, denominados celtas por uns e prerromanos por outros, unha cuestión que teñen que definir historiadores e arqueólogos. O que si nos interesa son os datos que nos aporta Estrabón desde o lado antropolóxico que aclaran moito daqueles comportamentos na sociedade galega actual. A presenza do pasado máis remoto dos naturais galaicos entronízanos na rebuldeira xenética e posiciónanos no acervo que mobiliza o herdo máis pretérito, dando sinais de comportamentos en uso que o xeógrafo grego aporta: “Toman as súas comidas ao redor das paredes, onde os convidados toman os primeiros lugares, segundo a idade e a categoría social. A comida circula de mao en mao. Mentres beben, bailan e fan coros ao son da frauta e da corneta, dando saltos no ar e caendo de xeonllos”. A inercia dos convivios festivos e familiares dos nosos destacados devanceiros, os temos de dote. Tais acontecementos non caducaron, perduran cara unha perpetuidade que centos de xeración ennobrecen os feitíos sociais de mais de dous mil anos de presenza redentoral e definindo pobo.

A actualidade perpetúa os tempos idos que deixaron pegada naqueles donaires floridos como o xeógrafo grego relata: “As mulleres usan saiais e vestidos con adornos floridos. Tal é a vida dos pobos montañeses que habitan o lado setentrional da Iberia, a saber, os Calaicos”. O matriarcado é outro dos expoñentes que amparan o elocuente papel da muller no herdo e tradición milenaria que aínda protexe os ires e as liberdades que expoñen en todo relato social e cultural as nosas madonas. Estrabón fala que os nosos antepasados eran dados ás liortas e costumes belicosas, afastados e reducidos en plans defensivos. Faltos de “sociabilidade e humanidade”. Mais o relato de Estrabón toma un posicionamento colonialista da presenza imperativa romana, ao xustificar: “Mais, hoxe sofren menos [os galegos] deste mal, en virtude da paz e da presenza dos romanos”. Mais a arqueoloxía aínda mostra as feridas da terra, nas Médulas do Sil, no Monte Furado, nos montes Medulio da resistencia e nos castros colonizados pola caterva colonizadora, que contrasta coas crónicas e historias dos vencedores.

Por esta terra ferida e de resplandores reposta, transcendeu Miguel de Unamuno en 1905, camiño da Coruña e aloxado no Pazo de Meirás, nos apracíbeis recatos e apousentos de Dona Emilia, a condesa. Naquela viaxe en tren, Don Miguel observou aqueles montes feridos e minados pola ousada romanía á procura do ouro nos beirais do río Sil. A espesura telúrica dunha terra hostil amansada e fertilizada de cultura polos nosos ancestros desde o paleolítico. Aquí ficaron as marcas de tanta incontinencia que mostran os cumes do Sil, Cabe e Miño, que observou e opinou dela Unamuno: “Atravesando la abrupta encañada por donde corre el Sil, entre Monforte y Orense, y que, aunque en plena tierra gallega, parece ser la entrada al corazón de Galicia, encuéntrase el viajero en la región del Miño”. Neses abruptos cantís, lambidos pola erosión, Don Miguel de Unamuno atopa nesas cimeiras “Un paisaje femenino, si, y un paisaje antiguo”. A paisaxe feminina galega, no dicir de Unamuno e na revelación de Don Ramón Otero Pedrayo, que nos presentan as paisaxes como identificación feminina dun patrimonio matricial: comprendida, amparada e atendida por aquela sociedade que nos transmitiu os compases dos tempos primitivos, de distintiva presenza matriarcal. A nosa Galiza, afincada nas estremeiras da conciencia e da autoprotección dos recendos que alivian adversidades. Mais a nosa Terra posúe ese don de poder de protexernos nela, na interrelación entre o telurismo e a ancestralidade. Unamuno atina ao sinalar o vencello home-terra: “Ha debido de ser allí muy larga y muy entrañable la convivencia entre el hombre y la tierra”.