O nadal en seus paraisos -26/12/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

O inverno mostra seus dentes de friaxe e neboeiro, rastrexando os clamores da noite, repechadiña de escuridades, mentres ecoan os ladridos dos cans que sonorizan tenra mensaxe de que non estamos desamparados ante os acenos do inverno da vida. Mais a saudosa Noite Boa en seu memorando do Nadal, son datas na que espreitamos pasados e rebuscamos comprensión sobre o natalicio do neno de Belén, que posiblemente nace cada ano en nós, sen sabelo nin detectalo. Dous mil anos sen notar os seus balbúceos e sen coidar que o peso do tempo tempera e coloca sobre o noso ombreiro inquedanzas e sinais dos espíritos tiranizados por contraditorias pesadumes que marcan tantas historias repletas de incertas. Posiblemente notemos esmoreceres e fatigas, que nos manca e doe ese peso sobre os ombreiros. Como lle aconteceu ao cananeo Réprobo, (máis tarde, San Cristovo), aquel arrieiro que transportaba persoas acuguladas en seu fornecido e xigantesco corpo, atravesando río caudaloso, sen pontes nen pasares. Véndose posuído por un enorme peso que non lle permitía tal travesía, mais notou que no seu ombreiro estaba pousado aquel neno que nacera en Belen. Unha atrevida historia do incríbel e fermentada polo espírito domesticado de Jacobus de la Vorágine, aquel dominico italiano que chegou a ser bispo de Xénova e autor de “A lenda dourada”, naquel século XIII tan perdido en delirantes ortodoxias que o paraíso da fe puido sostelo e transferilo ao paraíso da lenda, da arte e de tantas parodias que se cultivan actualmente.

Na arte medieval, moderna e contemporánea vemos ao chamado neno Deus nun presebe tido por berce, asistido por seus pais e polo alento caloroso do boi e da mula. E nese humilde paraíso epifánico -mais ben apócrifo- dos que levamos esa carga emocional que pesa sobre o noso ombreiro, onde supostamente o neno Xesus teña instalada a súa palabra liberadora. Un atraínte paraíso que o talante imaxinario dos escultores románicos da pedra, os pintores renacentistas dos frescos das igrexas, talvez resolva moitas incógnitas. E mesmo nestas datas epifánicas, vemos a imaxe do chamado fillo de Deus en seu berce, emitindo suculentos mensaxes que producen emocións. Cada artista preséntanos seu talento na basta iconografía doutro paraíso conmovido, ao redor do infante que naceu para redimir aos que levan pesadas cargas que non poden asumir. Posiblemente todos eses símbolos, metáforas e parábolas, estean interiorizados nunha fonda e grata noticia de liberación.

De vez, entramos na rutina dunha celebración que xa moi poucos entenden o sentido fraternal do Nadal, como indica a palabra, conmemora o nacemento de Xesús de Nazaret, en Belén. Pero o paraíso da fe e da tradición concedeu demasiados privilexios á ritualidade mercantilista que utiliza estas festas dentro de parámetros opulentos consumistas. Erguendo un novo templo onde as diversas e inadecuadas mercadorías atrapan e explotan a unha grande masa de insatisfeitos emocionais, que mercan o que non precisan nin o que vai ter un uso funcional. Tiña razón o escritor José Saramago, ao confirmar que a actual ritualidade, áspera e perigosa, introducíndose en crenzas relixiosas e arrebatar cunha sermonística publicitaria e creando unha perniciosa idolatría consumista, argumentada nunha mensaxe fácil e atraínte: divisa individualista que tanto resplandece. A sociedade actual desfila cara o paraíso dos cercos e dos arroutos emocionais, que contrapón o sentido humilde dun acontecemento épico e histórico do críbel ou incríbel ncemento de Belén. Entregándose a un capitalismo que construíu outro templo, o das grandes áreas comerciais, bazares e todo o que proclaman as multinacionais da opresión. Ben vemos como a mensaxe humilde que transmite o natalicio liberador de Xesús está convertido no festín de Epulón, que protagoniza un capitalismo mercantil e global. Exterminador de conciencias, credos e tradicións.

Estamos ancorados nun estadio temporal, na entrega as vaidades, onde todo apetece ao que demanda a publicidade mercantil. Sen decatarnos da advertencia do Eclesiastés: Vanitas vanitatum et omnia vanitas. Engadindo: “Non hai memoria dos devanceiros, nin a haberá dos vindeiros; non os relembrarán os que veñan despois”. Sempre será pertinente lembrar acontecementos que configuren paraísos na tradición, na argumentación, na liberdade e na humildade do nacemento do que dixo: “Eu son a luz do mundo”. Neste advento, sexa tamén Helios a iluminarnos co seu solsticio. Maranata!