<

Poemas para a noite dos Mortos-Vivos - 17/05/2021
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O presente título, corresponde ao libro poético de Andityas Soares de Moura Costa Matos, que toma prioritario asentamento en varias cuestións e correspondencias no que respecta á opresión e á fráxil liberdade que soporta a sociedade global. Un poemario escrito en tempos pandémicos que obrigaron ao poeta a ditar sentencia contra o cativerio da liberdade e contra os atentados e complicidades que a agriden. O autor desta obra, advirte e sinala a traxedia que nos asiste nestes tempos inflexíbeis da Covid -19, que non concede suplencias. Neste contexto, actívanse alertas e alarmas de denuncia que Andityas Soares de Moura promove nestes poemas libertarios. Nos que visibilizamos os espectros que cercan o orbe, ensombrecido polas insidias dos ditadores que impoñen súas normas asasinas. Neste poemario aparecen os grandes carniceiros dun pasado recente: Hitler, Mussolini, Franco, entre outros sicarios da morte. Nomes de referencia para advertirnos do que pasou e do que pode volver a pasar, dada a extrema confusión desta tráxica temporalidade pandémica, onde as oligarquías programan avales para impor súas normas ditatoriais e impor a súa oligarquía.

Nesta disxuntiva global, a palabra de Andityas descúbrenos as inquedanzas deste poeta e profesor na Universidade Federal de Minas Gerais. Composicións poéticas que fornecen o verbo da coexistencia libertaria, e a descrición deses buzos pestilentes encurvados nos ámagos das augas escuras da extrema dereita. Velaquí o espectro que desautoriza a liberdade individual e colectiva. Este poeta brasileiro coñece moi ben a desolación polo que está acontecendo no seu país, baixo a insolencia e intolerancia dunha ditadura solapada que está practicando Bolsonaro. As evidencias das que nos fala Andityas, cuantifícanse en cifras de centos de miles de mortos, colocando ao Brasil na cimeira dos países con máis mortes do mundo, por causas víricas e coa pasividade do fascista presidente. Incluso a pregoar de que a pandemia é un invento de estrafalarias xentes mentireiras, encomendando a non vacinarse.

Ante estes tráxicos acontecementos, os "Poemas para a noite dos mortos-vivos", responde con contundencia puntual á traxedia brasileira, nos aconteceres dos longos días de peste. O título pode que non sexa unha metáfora, mais desvela as convulsións dunha enorme traxedia mundial que o noso poeta a padece nun cerco consentido por un Bolsonaro psicópata e xenocida. Entón a fidelidade do poeta en verificar os respiros da verdade do que acontece con esta traxedia, na que ninguén é inmune. O eco do verso de Soares de Moura, entra nas entretelas da realidade. Así o constata o poema: "o novo normal", no que esclarece o drama dos mortos-vivos:

"hoje
en plena peste
quando morreram
1.234 brasileiros
o governo disse que
tudo está bem
que se abram os bares
que os restaurantes
façam promoções
"duas heineken pelo preço de uma"
que tudo volte a ser como
antes".

 

O realismo dramático manifestado nesta poética é concluínte do que pasa no Brasil; do que está acontecendo en Madrid, coas enormes e convulsivas manifestacións de bebedeira, animadas pola propia presidenta da comunidade madrileña, señora Ayuso, na súa transversalidade de pedir liberdade para os que vulneran a realidade que produce tanta morte. O fascismo de Trump, Bolsonaro e doutros acólitos que representan os diversos extremos da dereita que cabalga por terra batida. No anterior poema, exposto por Andityas Soares e Moura, recorre á obxectividade tráxica, manifestando a capacidade obsesiva dos maléficos dirixentes, circunscritos no apelo totalitario.

"Poemas para a noite dos mortos-vivos" é un libro dunha innovadora entrega que está enmarcada no substancial parámetro intelectual dun dos excelentes e cultos autores da innovadora elocuencia poética Brasileira. Sorprenden os sinais e as pegadas que Andityas deixa na súa poesía crítica, contra os poderes fácticos e omnímodos, na maioría de seus relatos, como manifesta nestes versos do poema: "Simples assim (Leviatã, XIII)", onde a denuncia destaca a contundencia desta composición e do pragmático pensamento de Andityas que dispara contra o inmobilismo que programan os xenocidas:

"O genocida é un canalha.
Nestess tempos em que
tudo é pausível
(a terra é plana)
(o microchip na vacina)
(até mesmo a maquiagem
de Neil Armstrong pelo Globo)
é sempre bom lembrar
que o genocida é un canalha.

O genocida acha que a tortura
é uma homenagem à patria.
Sangue tecidos e nervos destruídos.
Para ele tudo isso não passa
de um hino".

 

A erudición poliédrica de Andityas Suares de Moura, tan abastada en tantas direccións, exceden alén da poética. Seus ensaios filosóficos e de grande parte da súa escrita, posiciónase nos activos dunha crítica descarnada contra ese escenario opresivo, onde as contradicións e as depredacións obrígano a dar sinais de combatividade. Como sucede nas posturas adoptadas en "Poemas para a noite dos mortos-vivos". Andityas é un escritor e investigador de ampla multiculturalidade, con altos coñecementos sobre a literatura galega. Investigador dos cancioneiros medievais dos trobadores galaico-portugueses. Publicou unha antoloxía de Rosalía de Castro, titulada: "A rosa dos claustros", publicada en Belo Horizonte en 2004. Investigador da poesía de Manuel Antonio, e doutros poetas galegos actuais.