'Aproximacións a Manuel Antonio' de Xosé Luís Axeitos - 26/05/2021
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Edición Axóuxere, domiciliada en Rianxo e dirixida por Roberto Abuín, remata de publicar na súa Colección Polimnia, o libro número 15, unha arrogante e necesaria colección que, en boa parte, faltaba no panorama editorial galego. Asumindo publicacións de ámbito científico, tan ausentes nas nosas librarías. Poucos teñen apostado por abrirse a campos case inéditos e que tantas veces as editoriais do noso aproximacions a manuel antonioámbito trataron de evitar este tipo de publicación. Axóuxere marca unha liña, moi clara e rotunda, entusiasta para moitos lectores que carecían deste tipo de temarios sobre ensaios, temas ecolóxicos, críticas, etc., que abren un enorme camiño de descuberta transversal. A visión aperturista de Axóuxere cara a normalización deste tipo de temarios de actualidade e debate na Galiza e en galego. Nesta ocasión, Roberto Abuín, apostou seriamente por un innovador proxecto que marca as liñas innovadoras do que debe normalizarse.

"Aproximacións a Manuel Antonio" é un ensaio de Xosé Luís Axeitos un dos maiores especialistas sobre a persoa e a obra do poeta Manuel Antonio, natural da parroquia de Asados, da que tamén é nativo Axeitos. Unha grata descuberta sobre un dos grandes poetas galegos do século vinte, implicado en varias cuestións como o tema identitario, que o autor do libro escudriña minuciosamente. Todo un inventario temático que nos descubre e visualiza ao autor "De Catro a catro", que lexitima e agranda as investigación de Xosé Luís Axeitos, que anteriormente realizou outros estudos sobre o seu conterráneo.

Nesta entrega, Axeitos condúcenos a sete importantes temarios: "Paratextos e antetextos a propósito da obra De catro a catro", "Sempre e mais Dispois, encrucillada e infortunio", "Ética e política nas paisaxes de Manuel Antonio", "O poema 'A estrela desconecida': dúas estratexias de aprehensión da realidade", "Roxelio Pérez, Rafael Dieste e Manuel Antonio ou a carta como diálogo", "Bosquexos biográficos de Manuel Antonio”, “Dous breves textos e un texto corrixido". O capítulo sobre "Ética e política nas paisaxes de Manuel Antonio", están demarcadas por dous apartados: "I. Terra e paisaxe como preocupación e reflexión" e "II. A paisaxe na poesía de Manuel Antonio". Son dous importantes soportes no estudo de Xosé Luís Axeitos, sobre os ambientes reflexivos que Manuel Antonio esclareceu e avaliou a paisaxe mareira, desde os ambientes nativos de Rianxo. Vemos como Manuel Antonio configurou un proxecto poético, mantendo como protagonista a paisaxe, na seguinte e valiosa interpretación poética:

"A choiva entro n-a noite
fechou por dentro a porta
e puxo-se a escrevir o seu Poema

Saeu o vento d'antre os pinares
e en outra voz
(a voz aviolonchelada)
comenzou a ler".

A paisaxe e a natureza nas máximas ofertas da Terra galega, mostrando un enorme cambio de ambientes con respecto as paisaxes de Rosalía e de Manuel Antonio forneceron dúas destinguidas interpretacións das que xurdiron outras voces intérpretes reunidas no libro: "Paisaxe e Cultura", na que participaron varios autores como Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Álvaro Cunqueiro e Salvador Lorenzana, entre outros, publicado en 1955, por Galaxia. Salvador Lorenzada (pseudónimo de Paco del Riego) escribiu neste libro, o seu posicionamento sobre a paisaxe na lírica contemporánea galega, o seguinte: "Os primeiros sons belos que a mar ten arrincado a un poeta español, atópanse quizais en Rosalía. Nas súas imaxes de azas húmidas, está xa todo, o sentimento moderno da poesía. Pro é, sin dúbida, Manuel Antonio quen nos dá unha visión enteira, plea, da paisaxe mariña. O poeta vive e pensa, ó mesmo tempo, a paisaxe do mar. Iso, vivila e pensala ó mesmo tempo, pra detela no cerebro, o desplazala logo dediente dos seus ollos, como nun clisé surrealista". Moitos destes escritores que participaron en "Paisaxe e Cultura", sedimentaron un dos primeiros estudos sobre a paisaxe galega, moi recorrente á nosa lírica. Mais a particularidade do estudo de Xosé Luís Axeitos sobre os valores da paisaxe na poética de Manuel Antonio, particularmente no poemario: "De catro a catro". O apartado sobre a paisaxe que investiga Axeitos sobre Manuel Antonio, descúbrenos os sentimentos e benquerenzas que o poeta constatou sobre as paisaxes matriciais e identitarias do microcosmos mareiro.

Outro dos grandes temas na oferta deste libro é o capítulo: "Roxelio Pérez, Rafael Dieste e Manuel Antonio ou a carta como diálogo". No que Axeitos nos descobre a participación de Manuel Antonio no nacionalismo galego dos anos vinte, en súa iniciación e formación, na altura en que participou nas Asembleas Nacionalistas de Santiago (1920), Vigo (1921) e Monforte de Lemos (1922). O seu nacionalismo presencial activou un posicionamento ideolóxico con respecto ao que tiña o seu primo Roxelio Pérez, e á posición liberal de Rafael Dieste, no que se discutían posturas encontradas entre nacionalismo e liberalismo. Na diversidade destes posicionamentos, Xosé Luís Axeitos revela algo interesante sobre estes tres intelectuais rianxeiros: "Non era doada coincidencia debido a que as circunstancias e prácticas sociais particulares de cada un estaban condicionando a forma de percibir a realidade social. E así na procura dunha visión coherente do mundo amósase unha simpatía institucionista-galeguista en Roxelio, unha rendida admiración pola ideoloxía nacionalista en Manuel Antonio e unha firme defensa do liberalismo no caso de Rafael Dieste". Un libro para entrar nas entretelas dun poeta noso e de tantas singraduras marítimas e ideolóxicas que Manuel Antonio cultivou.