Parabéns Nós Diario! - 03/01/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

A data do 2 de xaneiro de 2020 ficará como símbolo histórico do xornalismo galego no noso idioma. Nós Diario cumpriu onte un ano de activa presenza informativa, cun formato innovador, con noticias de fondo calado sobre a nosa realidade, no que respecta á divulgación puntual de noticias e opinións de impacto que se producen no noso país, tantas veces silenciadas por outros medios tendenciosos e tan activos en simulacros inmobilistas. Durante un ano de vida, Nós Diario veu a corrixir desfases e ausencias dunha prensa galega, tan necesaria para escudriñar a nosa individual problemática e dar noticias veraces sobre o que se pasa e o que se oculta noutros medios. Nós Diario está dinamizando un proxecto moi firme que é garantía e consolidación dunha mudanza informativa no que respecta a liberdade de opinión, en todas as súas potencialidades e rexistros democráticos que precisa a sociedade galega, despegando un desenvolvemento en defensa dos nosos intereses.

Este xornal irrompe, con novos e obstinados desafíos, potenciando a integración e participación dos lectores e da opinión pública en xeral, descubríndonos a gravidade de concretas problemáticas galegas que emerxen das latrinas e escondedoiros dun poder que potencia desigualdade entre os que producen plusvalía, e os que protexen a capacidade de usurpación dos mais poderosos, atacando ao mais sensíbel da liberdade e da democracia. Tendo de aliada a unha prensa que goza de prebendas, privilexios e farturas nos presebes do poder.

En Nós Diario, visualizamos unha prensa libre e democrática, activando destaques informativos de variadas potencialidades progresistas sobre a nosa lingua e a nosa cultura, sobresaíndo nas páxinas deste xornal. Produto da indagación e constatación que protexe a dirección, as redactoras e redactores deste xornal; nunha descuberta de celebrados temas que emancipan conciencia sobre esta Galiza degallada e lexitimadora de valores que xermolan vontades para transformar a nosa sociedade.

Non é fácil tecer un proxecto tan ambicioso, aferrándose a contidos de varios ámbitos para preservar o noso amplo legado identitario e patrimonial, poñendo en escena a súa recuperación. Aí está a puntualidade explícita do xornalismo de investigación en dar visibilidade e conformar descubertas, debates e rescates de todo o que se nos ocultou da autenticidade de Galiza aos galegos. Non debemos ignorar o enorme esforzo e eficacia deste colectivo de xornalistas e non só, que fan posíbel a presenza certa de Nós Diario. Marcando unha liña de apertura transcendental para normalizar a nosa nación, nun formato orixinal, explícito e valente. Escrito en galego -como non podía ser de outra maneira-: noso maior monumento de distinción e ser nós mesmos, facéndonos valer nos abastecidos dons da nosa identidade.

Sen un xornal en galego, como o mencionado, non é posíbel un sostido rexurdimento que protagonice un longo inventario de revelacións e reconstrucións de temas culturais que emancipen e consoliden a pertenza de permanecer na fala e na cultura: buque insignia no cal navegamos. Non podemos ser náufragos dos que aspiran a derrotarnos nun mar de tebras. Este noso xornal non deixa de ser un salvavidas ao que temos que aferrarnos para persistir navegando cos remos da fala e co mastro da nosa idiosincrasia cultural. Longa vida para esta publicación de referencias. Parabéns! Nós Diario.