Homenaxe - 08/04/2021-
logo nosjpg

Xosé Lois García

Triste noticia e de impacto a que nos chega de Angola, dando conta do falecemento do matrimonio e poetas, Maria Alexandre Dáskalos (20 de marzo) e de Arlindo Barbeitos (31 de marzo). Dobre conmoción nos ámbitos literarios, nacionalistas, de amizades e de lectores e seguidores dos dous que teñen na lusofonía e noutros países do mundo. Dous escritores amigos que desde o meu primeiro viaxe a Angola en abril de 1990, coñecín persoalmente á persoa que eu tiña lido o sorprendente libro poético de Arlindo: “Angola Angolê Angolema”, que marcou a apertura dun excelente período de modernidade, que na miña antoloxía da poesía angolana, á súa xeración titulei “Xeración dos 70”. Todos os seus participantes nados na década de 1940, que encetei con Arlindo, nado neste citado ano. Curiosamente, un ano máis tarde, en 1941, naceron os seguintes poetas da “Xeración dos 70”: Jofre Rocha, Ruy Duarte de Carvalho, Jorge Macedo e Manuel Rui, pecha esta xeración David Mestre (1948).

Naquela estadía en Luanda, convidado pola União dos Escritores Angolanos, como tradutor de “Sagrada Esperança” de Agostinho Neto, foi onde coñecín a Arlindo Barbeitos e a súa dona Maria Alexandre Dáskalos. Naqueles quince días de instancia en Luanda, tivemos moitas ocasións de falar de variados temas recluídos no grande salón do Hotel Turismo, na Baixa de Luanda. Eran tempos de guerra en Angola e de queda. Naquelas circunstancias, en tantas horas libres reservadas para a conversa, descubrín a un intelectual enciclopédico, de longas batidas e percorridos. Alén de poeta -contista, ensaísta, sociólogo, profesor universitario e nacionalista- amiguei cun referenciado humanista, doutor en Antropoloxía Cultural e de outras materias e espazos políticos nos que se bateu pola liberdade e independencia de Angola, e como profesor das bases da guerrilla do MPLA na Fronte Leste. Mais os percorridos de Arlindo Barbeitos, en seu tecido nacionalista pola independencia angolana foron complicados, desde que deixou a súa cidade nativa de Catete (onde tamén naceu Agostinho Neto), pasa a estudar a Luanda, e aos dezasete anos parte para Lisboa a facer estudos superiores. Logo vese ameazado pola policía salazarista pola súa militancia política e pasa a vivir a Frankfurt, onde estudou Antropoloxía, Filosofía e Economía na Universidade desa cidade. Esta traxectoria tan personificada valida a categoría intelectual en que se moveu Arlindo Barbeitos. Viviu en Arxelia, e regresou a Angola após do 25 de abril de 1974.

Posiblemente, de todas aquelas figuras literarias e das artes que coñecín directamente nesa viaxe, fose Arlindo Barbeitos a persoa que me impactou polo seu pragmatismo e seus esclarecedores coñecementos e conviccións. Naquela altura había un proteccionismo do libro e da lectura angolana, que impedía publicar literaturas estranxeiras. Isto beneficiou a ampliación, protección e ordenamento das edicións e divulgacións dos escritores autóctonos, poñendo en orde o que durante tantos anos o libro angolano, ademais de minoritario, era marxinado na longa noite colonial. O déficit presencial da literatura foránea notábase en varios círculos de lectura e de escritores e intelectuais angolanos da carencia doutras literaturas, todos eran conscientes dese problema. Arlindo Barbeitos destacaba a anomalía con certa indignación. Sabedor de que eu tiña unha visita co embaixador de España en Angola, Antonio Sánchez Jara, preparada pola União dos Escritores Angolanos, pediume xuntamente con outros escritores, que transmitira a este representante diplomático o envío de literatura española. Sanchez Jara prometeu transmitir a Asuntos Exteriores e Cooperación a demanda protagonizada por Barbeitos.

Nesa altura, o amigo Arlindo Barbeitos era bastante crítico coa situación na que se estaba vivindo naquel contexto bélico. El era un home do MPLA, mais evitaba as imposturas cara este movemento xa no poder. Nesta situación persoal de Arlindo, percibín síntomas de descontento coas políticas que para el eran erradas por parte dos contendentes. As súas críticas partían dunha sensibilidade emocional baseadas na outra liberación de Angola pos independencia que estaba sen facer. A súa heterodoxia concretábase nos valores de emancipación nacionalista.

Despois desta visita e dunha segunda en Luanda, vímonos en Lisboa, onde pasou a vivir durante unha longa estadía de anos, polas diferencias persoais que mantiña cos círculos de poder, máis nunca foi un disidente. María Alexandre estaba moi deprimida debido ás informacións que chegaban de Angola. Vímonos dúas veces en Barcelona, falamos de moitos temas e o relato de Arlindo Barbeitos reveloume moitos temas interesantes sobre as súas aspiracións no espazo político e cultural de Angola.

Os rexistros literarios deste enorme escritor angolano foron de tal creatividade que activou un modelo de literatura que nos mostra o seu poemario: “Angola Angolê Angolema” (1976), que abriu un tempo novo na poesía angolana na década dos setenta, publicado un ano despois da independencia de Angola, suxerindo novos ambientes creativos que se suman a dos citados poetas da “Xeración dos 70”. En 1979, Barbeitos publica “Nzoji” (Soño), en lingua quimbunda, no que se destacan as tradicións ancestrais e nacionais. Un libro que representa ollar ao pasado, lexitimando cultura e nación. Por tanto a expresión nacionalista de Arlindo Barbeitos fica confirmada nestes poemas e noutros libros da súa autoría. Un excelente autor literario coñecido e respectado en toda a lusofonía. A nosa Homenaxe.