Tarde de maio -30/04/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Encetamos as calendas de maio con súas maias dos días longos de maiolados que nos traen horizontes de luz, cono subliña o poeta brasileiro, Carlos Drummond de Andrade: “assim te levo comigo, tarde de maio”. O maio universal de atributos cósmicos referido por Drummond, no ir dos que imploraban as antigas sociedades agrícolas polo abondo de froitos, como sinala o seguinte verso drummondiano: “Mas os primitivos imploram à relíquia saúde e chuva”. Maio das primicias, nas demandas primitivas, priorizando a saúde para durar e permanecer nos froitos que a choiva xerminal de maio nos procura. Dúas constantes na demanda das sociedades agrícolas máis antigas e máis actuais. Así o constatan esas evocacións que recolle o cancioneiro oral das sociedades africanas que evocan a presenza da choiva xerminal que aporta saúde e mantenza.

Benvida sexa a fertilidade do maio florido e saudábel que manifestan as catorce estrofas das “Mayas”, nas cantigas de Alfonso X O Sabio, transmitindo potencialidade xerminativa que nos transmite a época afonsina do século XIII. O primeiro verso de cada unha das estrofas mostra sensíbeis demandas: “Ben vennas, Mayo, e co alegría”. Continuando: “con toda saúde”; “con muitas riquezas”; “coberto de fruitas”; con bõos sabores”, “con bõo verão”; “con pan e con vio”; “con bõos manjares”. Entre outras mais demandas evocadas nesta “Maya”. O maio florido, presente nos poetas medievais e clásicos, continúa perfilando seus dons e seus dotes nas manifestacións do noso folclore popular, de emotiva presenza en Ourense e no sur da provincia de Lugo. Constata benquerenza e recoñecemento neses atavíos de flores e follaxe verdecente con que as persoas percorren rúas e aldeas, agasallando gratitude a sostibilidade vexetal que a primavera aporta seus esplendores no pletórico maio.

Estamos baixo os designios do “Maio longo” rosaliano, coa prudencia festeira que fica baixo ameaza permanente pola pandemia que nos asiste e que nos posúe con vontade mortífera. Neste ambiente é bo procurar recato nos versos de Rosalía: “Maio longo..., maio longo. / todo cuberto de rosas: / para algús, telas de morte; / para outros, telas de bodas”. Este maio florido está máis vestido de mortalla que de nupcias. Non deixemos que a realidade pandémica impoña as súas tempestades, e menos que anule o sentimento de enarborar as cores de toxo e xesta, que simbolizan os resplandores do noso maio, o dos días longos e farturentos. O das cinco comidas que os corpos cansados e traballados en agros e leiras precisaban de viandas para resistir xornadas de sol a sol. Ninguén esquece esas cinco dádivas que daban folgos e fortaleza: almorzo, deces, xantar, merenda e cea. Confortando aqueles corpos labregos naqueles maios longos.

O maio das letras intemporais que nos trouxo aquel 17 e maio de 1863 para intensificar memoria redencional. Este don popular que nos outorgou Rosalía con seus “Cantares Gallegos”, proclamando lingua e cultura: fértil legado para durar e non deixarnos contaminar polo que non ten presenza no noso. O Maio contundente na creación de “As Irmandades da Fala”, creadas o 18 de maio en 1916 por Antón Vilar Ponte. O centenario de “Cantares Gallegos” en 1963, que a RAG instituíu o “Día das Letras Galegas”, homenaxeando a Rosalía, e cada ano dedicado a escritoras e escritores en idioma galego, cada 17 de maio. Este ano celebramos a 58 edición, homenaxeando a unha enorme voz da poesía, Xela Arias (1962-2003) que a morte arrebatou tan cedo. Xela foi unha escritora capaz de configurar unha obra moi persoal, consistente e adiantada en moitas propostas e protestas que móstranse visíbeis na actualidade da súa escrita. Xela configurou unha escrita feminista e non só, derrubando portelos para asaltar a mediocridade, os tabús e prexuízos. O poemario: “Darío a Diario” é dunha consistente referencia que testemuña a súa revolta literaria que veu a modificar concretos parámetros na literatura galega. Desde xa, Xela Arias ten un nobre apousento nun enorme campo de flores de maio nas nosas letras que comparte con Rosalía.