Permanecer na conquista da lingua - 08/05/2021-
logo nosjpg

Xosé Lois García

As eleccións autonómicas na Galiza do pasado mes de xullo, abriron un exaltado ambiente para recobrar e conectar cos grandes problemas que tantas veces ficaron cubertos coa nebulosa da indiferencia, ou disimulados polo anticuado sentimento de aceptar os problemas tal como veñen e os vivimos. Deste sentimento morno, de outras épocas, renaceu un innovado pensamento para afrontar os problemas comúns que interesan resolver con un proxecto firme e pragmático, concretándose nas ofertas nacionalistas que o electorado foi capaz de asumir as propostas e as accións dinamizadoras. A evolución do voto nacionalista desas eleccións, marca unha innovadora aritmética no que respecta ao valor cualitativo e cuantitativo. De seis deputados que tiña o nacionalismo pasou a dezanove, naquel histórico día do 12 de xullo de 2020, clarificando o interese de conexión cos problemas nos que está sumido o pobo galego. O crecemento numérico de representación de escanos, mostra que a conciencia nacional na Galiza pasa por un activo crecemento interesante e determinativo no que respecta aos diversos e grandes temas, silenciados e suspendidos, polos que negan progreso e solidariedade en seus actos de desgoberno. Neste contexto, tan complexo e contraditorio, no que respecta a políticas sociais, económicas, culturais e, sobre todo, lingüísticas, polos que pasa o actual e retrógrado escenario político empregado na Galiza dunha maneira omnímoda e asimilista.

É indiscutíbel que a influencia dun innovado nacionalismo galego que responde a novas e presentes realidades sociais, aporta un pensamento emancipador nos grandes temas que foron aprazados e que agora fican ao descuberto pola evidente autoestima e toma de conciencia nacional por parte da maioría dos extractos sociais do noso país. A presenza de actitudes e soportes por parte de novas xeracións intelectualizadas que participan na emancipación dos valores que emancipa o noso idioma, son temas que contribúen a novas e influentes ideas que marcan un presente alentador. O 12 de xullo de 2020, marca unha luminosa irradiación de innovados conceptos que confirman a apertura dun proceso de reconstrución e normalización nacional, no que xoga un papel fundamental o noso idioma. Aínda abatido pola perda de falantes e polo inmobilismo dunha política lingüística programada e deseñada para que sucumba fronte esquemas coloniais. Este é un activo presente a combater. E con que armas? Coa arma da palabra íntegra, cívica e solidaria que nos integra en todos os atributos emanados do verbo galego.

Permanecer na conquista e normalización da nosa lingua, obríganos a inmunizala de virus letais que tentan eliminala, erguendo o eco da fala e o puño pecho para revolucionar con ímpeto reivindicativo a nosa obriga de falala. Temos que retomar os primordios e a enteireza para vitalizar e restituír a o noso idioma: ánima e pertenza do corpo identitario, do herdo e da liberdade en todos os significados que representa o idioma. Sobre esta visíbel problemática, convén lembrar aquela reiterada frase de Ánxel Fole: “A fala é o que se fala”. Non hai outra. Se a fala é o que non se fala estaremos fomentando un grave problema de incorrer nun perverso proxecto de descomposición da nosa identidade. Sen a lingua orixinal non hai identidade. A lingua é a que nos personaliza como diferentes en tantas accións que expresamos dunha convivencia en común. O noso idioma achéganos ao “Día das letras Galegas”, o próximo 17 de maio. Data na que numerosas manifestacións populares reivindican a liberdade e a integración do noso idioma, na primacía do ensino e na pluralidade cidadá de que sexa lingua oficial. A persoalísima e numerosa manifestación reivindicativa do día 17 en Compostela, marca o cume defensivo e normativo de miles de persoas que marcan o día da lingua e da literatura, nesa proposta abandeira na enteireza de que “A fala é o que se fala”.