Antón Tovar Bobillo, no seu centenario -21/05/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Dá a impresión que o centenario da nacenza do poeta e escritor ourensán, Antón Tovar Bobillo (Rairiz de Veiga, nas terras de Xinzo, 2021-Ourense, 2004), pasa desapercibido na entorna de varios círculos culturais e literarios, un bocado despistados ou retardados en asumir a creatividade literaria dun poeta como Antón Tovar, de longa eficacia en varios e sensíbeis ámbitos da nosa literatura, que marcan a consolidacións dun espazo lírico moi interesante na poesía galega do seu tempo. O silencio que predomina ao redor de Antón Tovar, desde diferentes círculos e institucións como a RAG, da que se acostuma a filtrar nomes dos escritores mais posicionados para recibir a homenaxe e o recoñecemento de ser homenaxeado o Día das Letras Galegas. Nesas preferencias que manifestan as académicas e académicos por un determinado escritor en lingua galega, non aparece sinalado o nome de Antón Tovar Bobillo, nas apostas do coro académico.

Os que coñecemos a este poeta ourensán, torpedeado por unha pesada carga de tristura e marcado polos oprobios que se antepuxeron á súa autoestima, optou por personificar as súas doídas e contraídas opcións místicas, das que se viu defraudado nos seus anos de noviciado nos xesuítas en Salamanca e renunciando á súa vocación eclesiástica. Tovar ficou moi desorientado polo comportamento de concretas persoas e institucións que intensificaron un asedio contra el. Cando gañou unha praza de funcionario de Facenda en 1942, sentiuse anatematizado e expulsado desta institución pública, por un alto cargo moi eficiente na instigación e na intriga, colocando un peso de sombras franquistas que Tovar non soportou, contraendo unha depresión de por vida. Esta doenza abriulle as portas a moitos desconcertos e sinalando un destino de desconfianza e pechándose nun enorme manto de tenrura coa que tentou minorar a súa dor existencial. Esa dor metafísica o separa dese Deus no que creu, e que o expulsa cunha convincente crítica que manifestou dunha maneira pragmática na súa escrita.

Tovar escribiu interesantes libros en castelán até que irrompe con forza na escrita en galego, co seu libro de poesía: “Arredores” (1962), que coincide co ano de publicación de “Longa noite de pedra” de Celso Emilio. É no inicio da década dos sesenta en que Tovar militou no Partido Comunista. Neste seu libro hai unha adherencia a temas humanistas de recoñecerse no outro, no desamparado e, tamén, nos animais. A fauna que o rodeou está presente neste libro, como seres merecentes de respecto e protección. Nesta dirección, sinalou o poeta César Antonio Molina: “En Antonio Tovar hay elementos de la Escola da Tebra, del existencialismo y también de una poesía solidaria (más que social o cívica) que responde al momento sociopolítico que le tocó vivir. Pero fundamentalmente la poesía de Tovar es una poesía del Yo íntimo, de un Yo biográfico que quiere ser reflejo de un dolor más amplio y universal”.

A constancia e compromiso cívico-social está presente na poesía que Tovar activou nas denuncias contra a opresión de Galiza, erguendo a palabra galega en seus versos, que contraían graves riscos nesa época ditatorial, como estes versos de “Arredores”: “¡Érguete Galicia, pedra a pedra, / e fouce a fouce, / érguete Galicia e medra”. Antón Tovar estivo moi virado cara a literatura portuguesa na que procurou reencontros: “¡Érguete, nosa terra, / camiña á par de Portugal, / érguete cara Europa e berra”. Na Libraría Tanco de Ourense, onde traballou como responsábel do inventario e asesor de edicións, tiña un enorme fondo de libros portugueses, no seu reducido despacho de traballo, informando aos clientes amigos de contundentes edicións contestatarias. Tovar coñecía moi ben os gustos literarios que tiñamos os seus amigos. Naquela reducida capela laica -como el lle chamaba ao seu despacho- mantiña conversa sobre infindas temáticas, con aquela interiorizada voz mainiña que delataba a timidez e a dor que o asistía a este inmenso humanista; un enorme poeta que non se repregou aos ditados e consideracións dos que intentaron domesticalo. A intranscendencia que se lle dá a seu centenario, debe facernos reflexionar sobre o valor humano e creativo de Antón Tovar Bobillo, para retomar a súa obra e conectar coas diversas dimensións que el tratou sobre Galiza e, mesmo, articulou unha extraordinaria obra literaria que debemos ler no seu centenario e reivindicar o Día das Letras Galegas, para homenaxear a este significado autor.