Os testa ferros do colonialismo español en África e as consecuencias que nos mostra Ceuta e Melilla -04/06/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Ceuta e Melilla como referencia cativa das colonias exploradas polas potencias europeas, neste caso España, que repartiron África dunha maneira vil e sanguinaria: tempos do escravismo e da espoliación de materias primas do continente negro. O Estado español tivo un papel moi secundario nesa tráxica epopea, mais nada menor para os intrépidos militares con mando e correría polo chamado Protectorado Español en Marrocos. Moi limitado e a expensas do colonialismo francés neste país. As guerras e conflitos que se deron na chamado Africa Occidental Española, con puntos moi definidos en conflitos militares: Larache, Tanger, Tetuán, Ceuta, Castillejos e Melilla, onde a presenza do exército español nestes forxou unha mentalidade belicosa contra os naturais, que fundamentou unha vía ultra-españolista, marcando un modelo propio moi diferente e noutra dirección con respecto ao exército asentado na península.

Non perdamos de vista a militares belicosos e golpistas como o xeneral Sanjurjo e as súas correrías nas guerras de Marrocos de 1909, 1914 e 1921-22, caporal da primeira investida da sanjurjada contra a República en 1932. Outro dos protagonistas das guerras do Protectorado Espñol en Marrocos foi o coronel Millán Astray, fundador da lexión en 1920, o da inaudita frase: “Viva la muerte, muera la inteligencia”,. A lexión foi un dos grupos de elite do exercito español, erixido para “combatir al moro”, no seu propio e lexítimo territorio. Outro dos destacados xenerais africanistas e lexionario nas guerras do Rif, foi o xeneral Juan Yagüe que participou con Franco na represión contra os obreiros asturianos na revolta de 1934 e un dos estrategas militares na sublevación de 1936. Desde Ceuta creou o corredor Ceuta-Cádiz, por onde pasaron as tropas sublevadas no protectorado español, consolidando a ocupación desde Andalucía cara o norte. O xeneral Yagüe, ocupou Badaxoz, onde señoreou o terror e o xenocidio, fusilando a catro mil persoas na praza de touros de dita cidade na guerra civil. Outro xeneral lexionario e africanista, con longa e sinistra historia nas guerras do Rif, foi Francisco Franco. Que podemos dicir deste persoeiro que non saibamos do autor do golpe de Estado e de corenta anos de ditadura? Estes son os perfís fundamentalistas que personifican a tantos outros na nómina de mandos africanistas do exercito español fraguado nos campos de batalla marroquís. Mola, Queipo de Llano, Varela, Dávila Arrondo, García-Valiño, Cabanelas, etc, etc. Todos eles foron partícipes nas guerras do Rif e mentores intelectuais do golpe de Estado e da guerra civil.

Esa mentalidade africanista de non aparentar ir de duros, senón de selo e expresalo, deuse en todo o período da ditadura franquista naqueles oficiais e xefes militares con asentamento na chamada África Occidental Española, aínda herdeiros e co acicate que distinguiu ao rancio militarismo español con presenza en África. Servidor, presenciou estes comportamentos in situ, durante 1967-68 (dezaseis meses) en Sidi Ifni, realizando o servizo militar obrigatorio, no III Tábor de Tiradores de Ifni 2, un dos grupos especiais coas características dos militares africanistas que interviron na guerra de Ifni de 1957 a 1959. Neste territorio colonial existían dúas agrupacións de elite e choque: a XIII Bandeira (General Mola) da lexión, e Tiradores de Ifni 1 e 2. Aquí recalaban militares de fervor patriótico que facían forzados honores para o ascenso, sobre todo oficiais e suboficiais. Celosos pola disciplina militar e polo afán de ser continuadores daqueles militares africanistas que citamos. Moitos deles tiñan como lectura preferente e libro de cabeceira: “Camino” de Josemaría Escrivá de Valaguer, fundador do Opus Dei. Mais había unha minoría na xerarquía de mandos, que nada tiña que ver co perfil e tradición militar africanista. Mais non todos eran do mesmo corte e talla. Lémbrome de dous atípicos militares galegos, ben alleos a mentalidade africanista, os dous falábanme en galego, refírome ao capitán ferrolán, Alfredo Pardo Suárez (irmao do cantante Juán Pardo) e do compostelán tenente Rocha, pertencentes ao III Tábor. É ben sabido que no exército franquista estaba prohibido falar galego, catalán e eusquera. Con estes dous mandos os galegos do III Tábor fomos, neste aspecto, uns privilexiados e consentidos en falar o galego entre nós. Por tanto, non todos os militares estaban no mesmo taboleiro do españolismo patriótico.

Aqueles ambientes de cuartel, tan contraditorios coa vida civil ordinaria e sometida a unha ditadura, espertoume un grato interese por aquel maltreito colonial aderezado de intuicións bastardas vindas dos complexos daqueles militares colonialistas e perdedores das guerras de Cuba, Filipinas e do Rif. A liturxia marcial que vivín en Ifni contra o diferente (“el moro puerco y gentil”) o nativo, os de herdo e cultura bérber baixo as apóutegas do león hispano non deixaban a ninguén indiferente. Todas esas aventuras abríronme unha inquedanza sobre os comportamentos colonialistas, dado que naqueles anos da guerra anticolonial de Arxelia e de grande parte de África, eu xa lía “Os condenados da terra” de Frantz Fanon, chegando a unha conclusión moi simple que manteño actualmente: Ceuta e Melilla son colonias a descolonizar, como os territorios descolonizados do antigo Protectorado Español en África. Como seguen sendo colonias a descolonizar: Xibraltar, Martinica, Bermudas, Nova Caledonia, Illas Caimán, Malvinas, Polinesia Francesa, Illas Virxes Británicas e Sáhara Occidental, actualmente espoliado e sometido por Marrocos, entre tantas outras colonias dos vellos e caducos imperios que xa non son, mais manteñen estes guetos como brasón da tolemia imperialista e medievalista que non cesa. Marrocos dominado por unha monarquía oligárquica e plutocrática corrupta, con centos de miles de emigrantes en Europa. O drama sen escrúpulos de enviar centos de nenos marroquís a Ceuta para presionar ante o Estado español polo contencioso do Sáhara. O reino infame de Marrocos utilizando a humildes e desprotexidos infantes que en seu país viven na miseria e na humillación. Europa non debe colaborar cun réxime totalitario e xenocida contra os saharauís e contra o pobo marroquí, que vulnera os Dereitos Humanos en Marrocos e o Sáhara. Unha perfecta agresión contra a liberdade e a independencia dos pobos sometidos.