Remol - 02/01/2022-
logo nosjpg

Xosé Lois García

Os agasallos que chegan neste tempo de celebradas datas, ademais de agradecelos e recoñecelos, producen un fervor saudoso que mobilizan memoria, que tantas veces entregamos ao esquecemento. Nestes tránsitos, o ávido calendario avísanos do ano que finda e do que comeza, que nos serve para celebrar, conmemorar e agasallar entre tantos outros verbos que definen solidariedade irmandiña. Nestes trasfegos que o tempo impón, as persoas felicitadas e agasalladas sentimos acollemento e amparado dos amigos. Quen non se sinte realizado e satisfeito cando o agasallo ten un sentido íntimo e sentimental, como o que remato de recibir: o poemario Remol da autoría de Manuel María. A segunda edición publicada pola “Casa-Museo Manuel María” de Outeiro de Rei. Esta edición lévame aos inicios da súa lectura, de procurar nos estantes dos meus libros a primeira edición publicada na Galiza emigrada e exiliada na Arxentina en 1970, pola Editorial Nós. Con unha nota de Manuel na que explica que foi escrito entre 1963 e 1968, naqueles anos duros da represión inquisidora do réxime franquista. Manuel enviouno a concretas editoriais galegas, sendo rechazado e alegando que o exceso de produción o impedía. Nesta edición está o agasallo do seu autor coa agarimosa dedicatoria: “Pró poeta i amigo Xosé Lois García as palabras deste Remol que viu a luz na Galicia Emigrada, unha grande e fraternal aperta de Manuel María. Monforte de Lemos, febreiro, 1974”.

Neste íntimo borrallo da lareira dos nosos sentimentos axítanse silenciosos aqueceres para estimular aterecidos corpos na fría indefensión. Os poros eran os primeiros que recoñecían o calor de Remol naquelas brasas espalladas e acochadiñas na cinsa da palabra redencional de Manuel María; nese cántico de certeza e de brasa acesa. Todos conversábamos coa voz secreta e temorosa ante argola da opresión. Os versos de Remol compartíanse nos aqueceres desas brasas miúdas e resistentes ás que aspiraban os corpos da revolta. Ese Remol en refuxios clandestinos non cesaba de crear e preservar irmandades, convivios, risos e palabras de mel e liberdade. Agora aperto estes dous exemplares de Remol ao lado do corazón e en todo o que ditan os sentimentos; así palpita o misterio namorador de secretas emocións das que nos abastecemos. Fai máis de corenta anos daquelas obstinadas resistencias que nos proporcionaron estes cortantes versos de dous gumes, converténdose e fieis condutores dun combate feito sen receos.

Teño saudades dos bos dispores da irmandade en seus aconchegos nas lareiras daquel Remol coa palabra en ristre, que rexurdiu da borralla que ofrendaba calor e alento. Ninguén tivo o atrevemento de apagar a brasa cunha cunca de auga; ninguén quería profanar a súa consubstancial combustión, a súa vital enerxía, seus favores, seus símbolos. Esas brasas activas dos poemas de Remol aínda proclamas xúbilo nas labaradas nada preguiceiras que exaltan ese fogo camoniano “que arde sem se ver”. As linguas de fogo liberador na poesía de Manuel María, concretamente en Remol, teñen un significado iniciático que conforman ese manual de inconformismos do pobo galego, concentrado en variados esforzos e rexurdires. A presenza deste libro continúa tendo vixencia e incidencia nos problemas graves que están sen resolver na Galiza e que consenten os administradores públicos chamados demócratas, ben aferrados a instrumentadas imbecilidades.