-O regreso de Uxío Novoneyra ao Courel - 16/01/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

O pasado venres día 14, Uxío Novoneyra, regresou definitivamente aos eidos dos soños teimosos da súa Parada nativa, a recuperar os nomes e ilustrar memoria. Mesmo á casa da Fonte, onde el naceu e da súa propiedade. Centro de harmonías conquistadas para a poesía galega e para tantas plenitudes que nos son visíbeis. O Courel consolidou os albores dun poeta metafísico e capaz de darlle máis altura aos tesos montesíos cos que mantivo un diálogo puntual e escudriñador, tan pormenorizado que fixo posíbel a creación dun dos monumentos máis xenuínos e consolidados na nosa poesía contemporánea, como é o seu poemario: “Os Eidos”. Non entenderemos o Courel sen a presenza e as pegadas que Novoneyra puntualizou en todos os seus recursos estéticos e filosóficos que contén a súa poesía: combustíbel necesario para entender e perpetuar as terras telúricas dos altos cumes que limitan co abismo dos sentimentos. Desde agora, Parada acolle a seu poeta, con todas as súas pertenzas, como o guía maior e naturalizado destes eidos.

Uxío Novoneyra descansa no Courel, onde el quería estar. Isto significa unha óptima noticia de satisfacción para Elba e seus tres fillos, que lograron ese regreso, do cemiterio de San Froilán de Lugo a esta campa laica, mesmo na antiga horta da súa casa, onde está a súa Fundación. Ese desexo cumpriuse cinco días antes do 19 de xaneiro, data do seu nacemento fai noventa e dous anos. Unha enorme satisfacción para seus amigos e lectores.

Na nosa Terra como en Portugal, tantas veces os vivos deciden e programan, en seus gustos e teimas, como ten que ser o seu enterramento, sendo respectada esa encomenda dunha maneira estrita e honesta, tantas veces superando a petición do falecido. Esa simbiose entre a vida e a morte, no noso país, sempre foi personalizada na memoria onde seus restos repousan, con sumo respecto e perpetuando a súa existencia vivencial. Os nosos mortos precisan de estar sepultados alí onde naceron, viviron ou onde eles decidiron o lugar de seu repouso perpetuo.

Servidor non está moi de acordo con eses enormes panteóns colectivos e clasistas, reservados a figuras políticas e clans leais a un sistema determinado, que os anglófonos e francófonos utilizaron constantemente, sendo imitados noutros lugares. O Panteón de Galegos Ilustres imita un bocado aos criterios dos anteriores. O traslado de Rosalía foi un tema interesado por certa clase política e intelectual da época e do sistema conservador, interesados en apoderarse de súa acusada personalidade e obra que dignificou a seu pobo. O mesmo aconteceu con Castelao. Non sería máis perceptíbel que Rosalía non se movera do cemiterio de Adina e Castelao fose enterrado en Rianxo?, non en fantasmagóricos espazos que moitos chaman almacéns de mortos.

Novoneyra xa repousa en seu memorial, feito á súa medida e honrado na terra que el amou. Aquí están eses materiais e símbolos que produce o Courel. A base do nicho é de lousa das pedreiras locais. Así como a lousa superior, cunha superficie de 113x226x5cm. A orla perimetral está composta de follas e ourizos de castiñeiro, en fundición de bronce. Tanto a lousa como o castiñeiro lexitiman nesta tumba a materia prima courelá e de todo o seu macizo montañés. Dous símbolos reiterativos e presenciais na poética de Uxío Novoneyra. Nas fotografías que Federico García Cabezón, captou imaxes de Uxío arranxando o lousado da teitume da súa casa de Parada. E mesmo cos castiñeiros que ía á recolla das castañas e a debullar ourizos. Esa benquerenza cos castiñeiros ponse en destaque cando falaba das castes e características dos mesmos. En certa ocasión eu fiquei abraiado cando me falou do sexo dos castiñeiros, mostrándome: “Este é castiñeira e este castiñeiro”. Deime conta de que sen estudar dendroloxía, Uxío constataba os coñecementos e atributos costumeiros que lle concedeu o seu microcosmos, emancipándoo en valores e relacións humanas e naturais que o propio poeta foi correspondente e transmisor do herdo identitario e de todo ese enorme volume cultural que representa o Courel en seus albores e fulgores dos tesos cumes.

Aí fican esas follas e ourizos de castiñeiro, en bronce, na orla perimetral da lousa superior, que mantén a seguinte inscrición: “Poeta / Uxío Novoneyra / 1930-1999 / “Din os soños / e os páxaros: / A morte non é certo”. Un memorial con precisos destaques simbólicos e harmónicos que representan o telurismo do Courel nesas lousas; e a paisaxe local dignificada nas orlas de castiñeiro. Un rigoroso e austero monumento memorial erguido na sé da “Fundación Uxío Novoneyra”, proxectado polo ilustre arquitecto coruñés, Xosé Allegue. Novoneyra xa repousa na súa “Serra aberta / inmensa antiga erencia”.