O idioma galego, esa cuestión -23/01/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Levamos anos considerando que o idioma galego está na UVI dos desconcertos, baixo diagnósticos interesados que precisan de ser suplantados dunha maneira radical; mantendo un combate corpo a corpo para normalizar unha lingua que está sometida baixo un amplo certame depredatorio, onde nada improvísase para ter un concerto unánime, por parte dos mecenas que a dominan baixo directrices que se dan desde o solar patrio, onde as ideas están centralizadas cos vellos imperativos e consignas que afloran e converxen en ámbitos de galegofalantes, que soportan a degradación imposta ao idioma e que xa ben tendo consecuencias irreparábeis en liquidar aos convalecentes, sen que se decaten. Nesta historia esquemática e nada rudimentaria, o plan está ben urdido para o desafecto desintegrador de sensíbeis códigos e atributos residentes na lingua da nosa nacionalidade. Ese imperialismo de cen pés, anónimo, esquemático e silencioso, percorre Galiza instigando en seus dominios, con desafíos e sutilezas e impoñendo contradicións e minimizando os efectos dos movementos e frontes operativos en pro do uso e normalización do galego.

Estamos ante unha cuestión inaprazábel para activar conciencia e loita, e ter presenza emancipadora en tódolos espazos onde o noso idioma e deficitario, soportando o peso das sombras desas políticas castradoras, nas que se utiliza un idioma intruso que corrompe constantemente palabras e sentidos gramaticais que deforman e alteran o contexto e rango orixinal do noso idioma. Temos que crear empatía para preservar a nosa fala con valentía e detectar as saturacións intrusas, extirpándoas sen receos. “Dándolle ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus”, como din os sabidos.

A confusión non deixa de ser extraordinaria cando verificamos actuacións de profesoras e profesores do ensino infantil e de primaria, falarlle aos alumnos en castelán, cando uns e outros proceden de ambientes galegofalantes e do medio rural. Estes comportamentos lémbranme a aqueles profesores e cregos que dentro das escolas e das igrexas falaban en castelán e fora delas en galego. É qué aínda estamos nese ámbito contraditorio, de acatar unha normativa -se é que se impón- co imperativo do antigo ordeno e mando, para falar estritamente ao alumnado en castelán? Se é así estaremos ante un problema desestruturado e perturbador para aquelas nenas e nenos que en seus inicios falan galego, seu idioma orixinal o dos seus proxenitores, e entran nunha aula e saen dela falando en castelán e mesmo responden neste idioma cando se lles fala en galego. Neste sentido hai que pór orde a estes desaguisados e desconcertos, que causan lamentábeis alteracións na nosa fala e na nosa psicoloxía. Neste comportamento nos están todas a profesoras e profesores que imparten aulas. Posiblemente son os alentados pola propia administración autonómica que cubren o eu amparo.

Convén arranxar e pór en uso a palabra en ristre; empuñar o rotulador e pintar graffitis emancipadores nas paredes (non nos monumentos) para visibilizar a protesta do que non aceptamos; retomar a revolución do verbo contestatario; falar e escribir a nosa lingua, na opción que mais cabrea aos unitarios patrioteiros que albergan a tiranía daquela “una, grande y libre”. Sabemos que a situación é precaria, mais remitíndonos a Galileo Galilei, podamos dicir: E pur si muove. Na cuestión idiomática faise visíbel unha enorme actividade no Parlamento Galego por parte do grupo nacionalista. Profesoras e profesores do ensino primario até o universitario están na brega do movemento de rehabilitación do galego, nos espazos de exclusión. Salientan eses amplos frontes organizativos que fan “camiño ao andar” por un pedregal marcado por sinistros monifates que desexan que Galiza continúe sendo exclusividade e dependente de seus cortellos.