Tanxugueiras - 06/02/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Relendo a espléndida “Historia de Estados Unidos 1607-1992”, do historiador Maldwyn A. Jones, chamoume a atención a pregunta do pastor anglicano Sydney Smith: “Quen le un libro estadounidense, ou quen xoga a un xogo estadounidense, ou contempla un cadro estadounidense?” A pregunta fíxose pública en 1820. Este predicador referíase a que os EE. UU., aínda non se desprenderan do cordón umbilical da Inglaterra colonial, despois de medio século de independencia, que continuaban fixándose en autores e esquemas ingleses autores de ingleses, escritores, músicos e pintores. Mentres que os produtos literarios estadounidenses eras menos apreciados que os de Europa. A pregunta de Sydney Smith produciu o comezo dunha toma de conciencia en rehabilitar e normalizar o que lles era propio, desligándose dos dominios e condescendencias do colonizador.

Deste exemplo americano, con relación á súa antiga metrópole colonial, encontramos a antítese nas emerxencias populares de alimentar os nosos sentimentos e a verdade que determina coidar das nosas pertenzas emocionais e materiais, lexitimando a lingua, a cultura e tódolos respiros que emanan do herdo orixinario dunha colectividade popular con aspiracións defensivas das nosas pertenzas a protexer. Unha delas é a recuperación da nosa música, dos nosos cantares, dos nosos instrumentos musicais, das nosas festas, das nosas romarías e recitais. Nestas vontades está o grupo musical Tanxugueiras, integrado por tres mozas que senten país e así o expoñen con esa revolucionada voz que atrae a todo un país que as conmemora e reivindica na propia lingua e de todos “Os bos e xenerosos / A nosa voz entenden”. Si, a voz das Tanxugueiras entendemos os apelos do espertar que pregoan, percibindo o rexurdir de inquedanzas para renovar o país.

Pobo que non cante as súas virtudes e non lexitime en viva voz a canción popular será un pobo agónico. Cando o pobo reivindica o don da canción e da música popular que el mesmo crea estaremos ante un pobo insurxente e inmorredoiro. Como dixo Victor Hugo en “Os Miserábeis”. “O pobo canta a súa canción, ninguén a pode deter. / Esta é a música do pobo e non se deixa someter”. Unha parte importante do pobo galego e non só do noso entorno soubo recoñecerse na canción “Terra” das Tanxugueiras, que presentaron no Benidorm Fest, con aceso a Eurovisión. Todos sabemos do desenlace vergoñento de RTVE e do grave dilema polo que pasa a credibilidade do Consello de dirección. Enmudecer equivale a protexerse e manterse nun arrebato de soberbia administrativa, que nos leva a pensar nun presunto fraude de elección. A lexitimidade da organización é dubidosa cando as Tanxugueiras, obteñen o 70,75% dos votos telemáticos; Rigoberta Bandini obtivo o 18,08% e Chanel o 3,97%, resultando a gañadora. O problema continúa: O voto por SMS, (sistema de pago, que escurece á televisión publica que todos pagamos), Tanxugueiras recibiron 94.220 apoios, mentres Chanel 1.600, e o xurado a proclama ganadora do certame. Todo un luxo de provocación e descaro.

Unha maneira de perpetuar e lexitimar o formato do Estado unitario, anulando o resto das expresións lingüísticas e culturais que se concretan no Estado español. Xa sucedeu en 1968 con Manuel Serrat, que foi expulsado de ir a Eurovisión, por querer cantar en catalán, eran tempos de ditadura e de imperiosa lingua única. En democracia sucede de diferente maneira: articúlase o combalache e “don dinero” impón mudar de rostros e de vontades. Punto e seguido: as Tanxugueiras ganaron por aclamación popular, non falla: “O povo e quem mais ordena”. Pór en escena varias composturas da nosa identidade e estar na vontade do herdo coa música popular; manter o noso idioma como permanencia de restaurar nación; promover a liberdade feminista para conquistar a igualdade de xénero. Na actuación de Benidorm Fest, as Tanxugueiras visibilizaron na súa escenografía un cambio de rol, elas ían con calzas e os dous danzaríns con saial, todo un símbolo de mudanza que os medios non contemplaron a emisión desa mensaxe. Mais non deixa de ser un puntual recado ao machismo en tódolos matices, consecuencias e implicacións sobre a liberdade e igualdade da muller, sen complexos.

Coñecín a Aida, Olaia e Sabela, as Tanxugueiras, o 4 de agosto de 2017, no XI encontro da “Luz da Lúa”, que cada ano organiza a asociación cultural “O Colado do Vento” de Sober. Óscar de Veliños e Alfonso Campos, excelentes detectores da vangarda musical galega, levaron a ese encontro nocturno a estas tres mozas que irromperon con pandeireta en mao e voz alzada, nese espazo prodixioso de petróglifos da Pena do Lagarto. De aquí fomos a Paradela de Santiorxo, no canón do Sil, ao enorme patio da casa do Antonio do Xoque, onde as Tanxugueiras e o Trícole de Sober abriron o concerto da noite, no esplendor da luz da lúa chea. Trasladándonos á casa da Fonte, propiedade dun inglés. Aí viuse o fervor luminoso das Tanxugueiras, radicadas na canción popular de pertenza, integrándonos nun vibrante convivio de irmandade, onde as voces e os sons lexitimaron moitos perfís da nosa idiosincrasia.