Cincuenta anos dos conflitos da Bazán -20/03/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

O famoso Proceso de Burgos (1970), tamén coñecido polo Sumarísimo Consello de Guerra contra dezaseis membros de ETA, aos que se lles pedía a pena de morte. Isto produciu un desafío popular importante en todo o Estado contra a ditadura. As presións foron tan poderosas que o franquismo desistiu de asasinalos para condenalos a cadea perpetua. Isto foi un triunfo da loita popular que abriu un novo espazo durante o último lustro da ditadura franquista. Esta visibilidade sen medo, por parte dos partidos políticos e sindicatos, foi exhibida con coraxe, que estabilizaron avances positivos por parte do proletariado en loita. A vangarda da loita fronte a ditadura a protagonizaron os obreiros da metalurxia e en construción. En 1971, os metalúrxicos de Seat, tomaron a factoría, sendo asasinado un obreiro pola policía dentro da factoría e cun mes de peche levando esa loita ás rúas de Barcelona e noutras cidades industriais do Estado.

Os conflitos na metalurxia naval da Bazán adquiriron un nivel álxido coa ruptura do convenio por parte da empresa estatal producíndose manifestacións reivindicativas. A represión dos fusileiros “grises” cercaron aos obreiros que se defendían con pedras nas Pías do Ferrol, onde foron asasinados dous metalúrxicos da Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, de cuxa autodefensa da conta esta descarga épica do poema de Novoneyra, dedicada a Amador e Daniel: “Erguéstesvos cedo aquel día / o costume do traballo / mañá cediño para facernos ca vosa morte”. Aquela folga na que correu sangue proletario, e tras dela chegou a estupefacción xeneral contra a ditadura. Os grandes xornais internacionais publicaron portadas e titulares que abriron camiños de solidariedade cara o proletariado do Ferrol. A traxedia aconteceu o 10 de marzo de 1972 e a resistencia ao fascismo tamén, proclamando esta data como o “Día da Clase Obreira Galega”. Claro que esas mortes tiveron consecuencias políticas contra o réxime e sonoros ecos solidarios para o proletariado e, en particular, para os metalúrxicos naquel intre.

Facía cinco meses da toma da factoría de Seat que protagonizaron os trinta e catro mil traballadores e do asalto da tropa “gris”, que produciron o asasinato de Antonio Ruíz Villalba e máis de douscentos feridos, numerosos detidos naquel tráxico luns do 18 de outubro de 1971. A solidariedade metalúrxica dos obreiros desta empresa automobilística, con relación aos graves sucesos do Ferrol, non receou en incorporarse as manifestacións e piquetes na área de Barcelona. Mais faltaba algo máis expresivo e elocuente que conectara coa sobresaínte loita do Ferrol de varios frontes despregados na Galiza. Servidor pensou en redactar unha folleto en galego demandando solidariedade e firmeza contra as represión dos obreiros da Bazán. A infraestrutura era mínima, só partía dunha particular vontade.

Lanzar o folleto en oito grandes talleres, había que contar cun despregue loxístico que non había. Falouse con varios dirixentes clandestinos de CC.OO., e aceptaron o lanzamento das chamadas “octavillas”. Mais faltaba editar ditos folletos e procurar un lugar seguro. Propúxoselle a un vello comunista de Fene, Paco Fonte, militante do PSUC, antigo informador das guerrillas dirixidas por Ponte, Gaioso e Foucellas. Estivo 14 anos no Penal de Palencia, onde estaba Santiago Álvarez. Paco Fonte foi condenado a pena de morte e indultado a cumprir cadea perpetua. Eu coñecía a Paco da “Asociación de Amigos das Nacións Unidas”, propúxenlle o proxecto e aceptou sen por condicións. El mesmo ofreceu a súa casa no barrio de Horta e buscou un editor que era un profesor da Universidade que pertencía a “Bandera Roja”. Apareceu cunha “vietnamita” moi singular, con varios botes de pintura negra e numerosos paquetes de folios. Traballamos intensamente os tres, catro días e dúas noites nun ambiente moi tenso, pola toxicidade que despedía a pintura e pola lentitude que esixía imprimir nunha “vietnamita” e, sobre todo, pola inseguridade. Imprimimos tres mil unidades que foron lanzadas nos oito talleres da factoría, o luns 20 de marzo de 1972, fai hoxe medio século.

A sigla identitaria dos folletos foi unha ocorrencia miña, moi infantil, para saír do atranco e outorgarlle identidade, este foi o nome: IDGA (Irmandade Democrática Galega), unha inexistente organización clandestina, con operativo en Barcelona. O lanzamento dos folletos na factoría Seat, tivo repercusión en certos medios como a aparición dunha organización de emigrantes nacionalistas galegos en Cataluña. E isto axudou a que tomase corpo a tal IDGA e poder activar incipientes bases conectadas con obreiros e estudantes galegos nas universidades de Barcelona, partillando dúas fases, a cultural e nacionalista. Esta última movíase na clandestinidade. A solidariedade cos irmaos metalúrxicos da Bazán, dinamizou unha experiencia moi especial que durante catro anos tivo unha repercusión nada silenciosa, dentro dos parámetros que esixían aqueles tempos represivos.