Suicidio e loita de clases - 10/07/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

A traxedia amorosa de Romeo e Xulieta, na obra teatral de William Shakespeare, achéganos ao enigma do suicidio, que non deixa de ser un clásico que ambienta sorprendentes temarios sobre a actualidade e no contexto do suicidio. A traxedia shakespeareana manifesta o amor medievalista que nunca se apaga, cuxo ardor levou a Romeo e Xulieta a non finxir os enredos da inmolación. O curto diálogo entre o Montesco, que practicou o suicidio, e o reticente boticario a venderlle o veleno, xustifica o que entendemos por loita de clases: “Teño eses mortais velenos mais as leis de Mantua castigan coa morte a quen os expenda”. Romeo é incisivo na súa persuasión e manifesta a súa recorrencia a loita de clases, definindo ao boticario dentro dun estadio de súbita pobreza. No seu persuasivo discurso, sinala: “Estás cheo de farrapos e de miseria, e aínda temes a morrer? Levas a fame retratada nas túas meixelas! A indixencia e a opresión móstranse nos teus ollos! A pobreza e o desprezo pesan sobre as túas costas! O mundo non é o teu amigo, nin as leis do mundo! O mundo non estableceu ningunha lei para que non sexas rico! Logo non sexas pobre, senón, polo contrario, quebra a lei e dáme o que che pido!”. Estamos ante un texto premarxista, no que Shakespeare presenta a un Romeo persistente e revolucionario, a ter en conta tempos de desigualdade e precariedade. O dramaturgo preséntanos a un Romeo pedagogo da insubordinación e da desobediencia civil, onde os pobre e humillados, como o boticario de veleno prohibido, poidan emanciparse de súas opresións e prexuízos.

“Serei breve, pois o que me resta de vida / é un prazo curto para un relato longo”. Así fala Frei Lourenzo en “Romeo e Xulieta”. Outro persoeiro vital e sociolóxico na dramaturxia de Shakespeare. Frei Lourenzo tiña a teima de abreviar todo o que magnificaban os breviarios e os libros de horas, con certa incompostura. Frei Lourenzo, en súa apócema letárxica, calculou as mudanzas que concedían privilexios e confianza en si mesmo, para estar á defensiva de montescos e capuletos. O frade entendía moi ben a ousadía dos tempos tenebrosos e de avaricia principesca e eclesiástica; a loita por recoller os froitos que non tiñan sementado nen traballado. Os influxos dos tempos idos polarizaron a loita de clases de hoxe, aínda que se revistan doutra cor diferente e que os oprimidos non distinguen. Mais a preitesía desa loita desvela que os ricos e corruptos cabalgan sobre a desigualdade que soportan os vencidos e humillados, os que tiran polo carro de eixo desgastado, que só canta a ladaíña desventurada dos asalariados. Frei Lourenzo o advertiu desde o seu promontorio.

Nos meus anos de alumno na Facultat de Geografia i História, había un profesor de antropoloxía na Universitat de Barcelona, que endereitaba o tema do suicidio partindo do drama de “Romeo e Xulieta”, para desvelar o suicidio actual, priorizado en significativas premisas manifestadas polo seu admirado sociólogo e antropólogo francés, Émile Durkheim (1858-1917), pioneiro da socioloxía moderna. Durkheim tratou o suicidio, en súas diversas proporcións e variantes, como causa de desintegración social e comunitaria, insistindo que é un problema social, poñendo como referencia aos suicidios do proletariado no período industrial na Europa do século XIX, cuantificando os salarios de miseria e as duras xornadas de traballo nas fábricas téxtiles británicas, onde os suicidios eran moi fluídos, engadindo o das mulleres e nenos. Neste marco, sinalou Durkheim varias causas de suicidio, destacando a marxinalidade e precariedade social e laboral. O meu vello profesor, poñía énfase no suicidio social como prioridade, ademais do amoroso, relixioso, emigratorio, desconxuntural e económico, que na actualidade nos asisten.