Desolación de aldeas - 14/08/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Podente, o meu lugar de crianza, de pertenza e identidade familiar desde 1624. Neste podium latino, onde algún tribuno ou centurión romano, acomodou e construíu as domus familiares, gobernándoas con manu militari. Deste estadio histórico romano e aínda prerromano dan fe os achádegos arqueolóxicos que se atoparon en Podente e noutros lugares da parroquia de Merlán. Desde aquela grandeza imperial até a liquidación identitaria que está padecendo a miña aldea, a que me deu acomodo, coñecemento e potencialidade neste medio paisaxístico e comunal, na lingua propia, nas tradicións inmemoriais dun país que transmite arraigo e ateigada devoción de ser amado e defendido, pese a tantos agravios e desfeitas que padecen miles de aldeas galegas, despoboadas e sen proxección económica e sen reactivación política-agraria que sexa capaz de reter e acrecentar a súa veciñanza en necesarios despegues de sustentabilidade. Neste repregue, Podente ten dous veciños estábeis e un ocasional que toma acomodo en súa casa herdada, que son eu.

Podente, no século XIII, contaba cun enorme poder despótico de belixerantes e armados cabaleiros, que a documentación desa época dá fe dese feudo: “Dominicus Petri de Podente, armiger; Bibianus Pelagii de Podente, armiger; Petri Arteiro de Podente, clérigo; Tereiga Lourença de Podente, rica-dama”. Así era a saga e fruxe acumulando tristura e pobreza sobre seus vasalos, que habitaron os cortellos fedentos de Podente.

Desde o século XVI o lugar de Podente contaba con dúas fortes e ricas casas, de longas fanegas de terra produtiva, en maos de extraordinarios magnates, de mobilidade portentosa de temidos señores, cregos ben vizosos, avogados, militares: ralea cargada de vaidades e de recibir venias e dar maltrato á peonada, caseiros, caseteiros e a xente de xornal. Dúas casas poderosas, a do García e a do Poián. Un García casou cunha Poián (meus bisavós), uniron poderío e extensiva fruxe ben destinguida e, mesmo, de excelente decadencia, con seus casares abandonados, por culpa da imperiosa e destrutora emigración que sufriron os meus curmáns.

A desfeita da casa de meu avó, onde el naceu e toda a proxenie dos García, manifestouse o sábado vinte e tres de novembro de 2019, ás tres dunha noite desasosegada de inverno. Espertoume o barullento derrube parcial da casa e lembrei o retórico refraneiro popular: “Os bens do sancristán, por onde veñen van”. Ese derrube da casa do García levoume a unha non moi devota reflexión de non obviar aos verdadeiros responsábeis do abandono da poboación rural; do derrube de casas que deron acubillo a quen sustentou unha economía de riqueza e de subsistencia que beneficiou manter o rango dos herdos que preservaron ao noso país, blindándose no atributo máis decisivo nos dons da nosa fala: nosa trincheira necesaria que a contenda ruralista soubo soster. Mesmo até que chegou a desgraza colectiva de fuxir. Unha fuxida (emigración) ben planificada polos poderes que sempre tramaran a descomposición de Galiza.

O primeiro derrube do casar dos García de Podente, nesa miña devota e empírica reflexión, levoume a retomar o poema de Rosalía de Castro referido á soidade enloitada do pazo “da Arretén a casa nobre”, da súa familia. Desde este espazo solarengo, Rosalía detectou a catástrofe do noso rural naquela soidade preñada de destrucións. Como eu hoxe vexo o meu Podente en súas máximas decadencias. E nestas tres estrofas rosalianas recosto as miñas ferintes perturbacións:

“¡Casa grande, triste casa,
que de aquí tan soio miro,
parda, escura, triste masa!
¡Casa grande, pasa, pasa...!
¡Ti xa n’es más que un sospiro!

Meus abós, ¡hai!, xa morreron,
os demais te abandonaron,
os teus lustros pereceron,
i os que millor te quixeron,
tamén de ti se apartaron.

Mes tras mes, pedra tras pedra,
ti te irás desmoronando,
ceñida por sintas de hedra,
mentras que outra forte medra,
que así o mundo vai rolando.”

Podente! Meu Podente, o dos longos agros e de artesanais medas e palleiros; xuntoiros de labranza e aturuxos de recolleita e de ledas mantenzas festeiras. Agora vexo casas, fontes e hórreos derrubados; paredes e teitumes depredados por silvas, hedras e sabugueiros. Todo volta ás orixes da confusión e do nada. Podente, con centos de aldeas desoladas e tombadas. O demais, salaio!