Anormalidades Borbónicas - 21/08/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Tratándose da dinastía borbónica calquera movemento ou xesto que eles realicen non deixa de ser de atraínte e fedenta morbosidade e de inauditos espectáculos nauseabundos que tantas veces intranquilizan a seus monárquicos seguidores. Desas historias e cataduras borbónicas fáltanos un inventario sobre as trasgadas e badulacadas, destas burlescas criaturas reais, desde Felipe V a Felipe VI.

Teríamos un compendio completo do que representan os poderes despóticos do realismo en ditadura e, tamén, en democracia, para verificar a usurpación de liberdades e convivencias que pertencen considerablemente ao pobo, e ver como eles trataron aos vasalos.

A realeza borbónica en España, desde o Felipe V ao VI, foron once membros, dez reis e unha raíña. Non vamos enumerar as múltiples miserias que rodean a cada un dos membros desta despótica dinastía que desgobernou a esta Iberia de pel de touro, con máis de tres séculos de presenza. Sobre Juán Carlos I e Felipe VI pesa a enorme lousa da ilexitimidade que lles concedeu, o don de ser monarcas, un ditador que acrecentaba nas moedas ser “Caudillo de España por la gracia de Dios”. Este é o peso das sombras autoritarias impostas por un xenocida que unxiu por decreto a Juan Carlos I, este transmitiu dinastía tiránica a seu fillo Felipe VI.

Con isto non fai falla argumentar moito máis sobre o ascenso destes dous reis impostos por un golpista, á máis alta xerarquía do Estado español. Do rei emérito pouco podemos argumentar alén do que a cidadanía xa sabe pola abastada información que temos da súa fuxida e de seus millonarios latrocinios que ten fora do Estado español. Cuestión que está sub iúdice.

Mais o seu herdeiro comeza a despuntar dúbidas de estar nun país democrático, manifestando imposturas que veñen a corroborar a magnitude soberbia e prepotente que practicaron os seus dez predecesores borbónicos no trono. A vaidade que Felipe VI mostrouna en Colombia, na toma de posesión do presidente Petro, de ficar sentado ante a presenza da espada de Simón Bolívar, mostrando morosidade en recoñecer a un liberador de proxenie española -aínda de descendencia galega: Simón José Antonio Bolívar y Palacios Ponte y Blanco, tamén dos Castro e Andrade-. O apróbeo e o vexame manifestado nese acto polo rei, e aínda polo cidadán Felipe de Borbón y Grecia, que deshonra a un Estado que teima pola calidade e a honorabilidade publicitada, que manifesta a incoherencia da diplomacia española. En caso semellante, cal sería a posición das autoridades españolas ante calquera representación árabe que actuara igual, como se actuou en Bogotá, ante a presenza do espadón do Cid, matón de musulmáns.

Alén da mala e vetusta educación mostrada por Felipe VI, a súa postura normaliza a monarquía colonial, a avaricia e o crime manifestado polo dominio borbónico en América. A actitude de Felipe o VI, forma parte do ditame e do vergoñoso vituperio borbónico. Esta actitude concorda coa do seu proxenitor, cando dixo: “Por qué no te callas; pero que te calles!” Resulta repugnante que un monarca imposto por un ditador diga isto a un presidente elixido democraticamente (segundo o informe do ex-presidente Carter dos USA) non deixa de ser algo frustrante para un país que o mantivo como xefe de Estado. Podemos estar de cordo ou non con Hugo Chavez. Mais Juan Carlos I ficou nun terreo desvarado e desprestixio mundial. Seu fillo recunca na mesma ignominia totalitaria dos Borbóns.