Saleta- 18/09/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Dicir o nome de Saleta Goi García (recentemente falecida) lévanos a múltiples definicións dunha das grandes mulleres que, eficazmente, nutren a nosa Matria defensiva de extraordinarios nomes que realizaron enormes esforzos por normalizar o noso país. Os saberes e as contundencias de Saleta Goi priorizan a unha enorme personalidade que dignificou substanciosos valores sociais e patrióticos, nutridos nas diversas loitas sostidas polo matrimonio Saleta e Manuel María. Con tantas represalias, multas e persecucións ditatoriais, incapaces de disuadir e dobregar as loitas emancipadoras destes dous conxurados que foron capaces de abrir canles, xuntamente coa valorosa irmandade nacionalista.

Coñecín a Manuel e Saleta en 1972 en Monforte. Desde esta data pasaron cincuenta anos que nos leva a constatar unha longa reflexión sobre o devandito ano de loitas populares, como as folgas de Vigo e do Ferrol, de históricas lealdades populares entre outras máis, na que a Unión do Pobo Galego salientou enormes esforzos para que a súa militancia clandestina participase dunha maneira contundente eliminando silencios. Lembrar a Saleta e Manuel sempre será un exercicio de recoñecemento e de dignidade cívica e patriótica que eles merecen por tantas actividades, impactos e benquerenzas que rexistraron as súas vidas nese longo período de tomar conciencia sobre as liberdades da Galiza. Procesos de loita que non debemos esquecer en que Saleta promoveu solidarias actitudes defensivas, protexendo os atributos mais sensíbeis da idiosincrasia da nosa nacionalidade.

Os que coñecemos a Saleta Goi, a indispensábel temoneira de encamiñar a nave irmandiña a porto seguro, memorizaremos a hospitalidade que exerceu cos camaradas e amigos na súa casa da rúa Roberto Bahamonde de Monforte, onde sempre había disposto un leito de repouso, agasalleiras viandas e nutridas conversas xurdidas do seu pragmático e intuitivo pensamento. Tan amplo e determinante, dado que as súas conversas non deixaban a un indiferente. Quen non lembra as benquerenzas daquela emotiva e ilustrada tertulia na Libraría Xistral monfortina, aquel espazo onde concorría a palabra liberadora con Saleta tras o mostrador e Manuel na súa mesa escritorio, manifestando diversos rexistros de ilustradas conversas. Saleta foi unha muller moi temperamental e concisa, de enorme sensibilidade e dunha coherencia a imitar. Saleta era directísima en calquera sentencia -ben pensada e ben coidada-. Tiña un tempero nada desmesurado, entendendo o seu admirado carácter: certo e conciso.

Na palleira-auditorio da Casa-Museo de Outeiro de Rei, coa enorme multitude fronte o seu cadaleito, quen non pensou nos activos que nos deixa Saleta, como impulsora e protectora do noso patrimonio cultural, da fala que falamos, de “facer camiño ao andar” e superar encrucilladas adversas, comprender o país que temos con tantas contradicións que ela tentou superalas. Alberte Ansede, que conviviu longos anos con Saleta, expresou boa parte do itinerario vital e do legado que nos deixa esta enorme muller. Pilar García Negro insistiu no valor intrínseco e na coraxe de Saleta, en asumir tantas fidelidades ás diversas emancipacións e liberdades do noso país, aportando esforzos para cambialo e normalizalo. Coidemos a lembranza para memorizar todo o que Saleta manifestou. Manuel María e Saleta Goi fican xuntos no sosego eterno, en terra leve e compartida.