Figadeira - 02/10/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Costoira é un lugar da parroquia chantadesa de S. Fiz de Asma, que ten fama de xente estrafalaria, ocorrente, cantareira e mesmo de aluados. Un dos persoeiros que descubrimos no dito lugar é o Antonio do Gaiteiro. Este di que o alcume da casa vén de que o seu avó non era gaiteiro só que facía gaitas, sinalándome un forte e relucente buxo, que ten fronte a adega. O Antonio é un home moi dotado e doado en citas sobre os filósofos gregos e doutras emerxencias da linguaxe que el intenta conservar. Descubriume algo do noso máis antigo vocabulario que perdemos e que os de Costoira preservan. Con certa euforia, preguntoume: “Virás polo inverno a comer unha figadeira?” Estrañoume o termo, e á pregunta de que se trataba, sorriu e exclamou: “Un tipo coma ti, tan pintoresco e devorador de lecturas, non saiba que é unha figadeira, manda carallo! Pois é o primeiro que se come na matanza do porto”.

Que palabra máis antiga, definidora e pouco tumultuosa que conservan os de Costoira, fora de uso para a gran maioría das persoas, aínda que consta no dicionario da RAG. O Antonio do Gaiteiro, sen dubida, é un deses culturistas da boa fala que deixamos perder, silenciando a pertenza de sobrias singularidades. O Antonio, ademais de ser un excelente entendido na cultura vinícola, que preserva a vella usanza que os monxes bieitos practicaron nos viñedos de S. Fiz. No seu faladoiro non regateou en refráns: “Por S. Simón (28 de outubro) proba o viño novo e a figadeira por S. Martiño (11 de novembro).

Lembro unha sorprendente opinión do Antonio, cando os arqueólogos procuraban rescatar centos de anos de pasados no castro de Arxeriz, en Fión do Saviñao, ante esa arquitectura circular castrexa de tantas pedras en descompostura, comunicoume: “En Arxeriz andan as petas das eixadas buscando tesouro e só aparecen ferriños, mais despois destes ten que aparecer ouro. Así o di “O Ciprianillo”, o libro das grandes razóns en descubrir tesouros. Eles levan este libro de encantamento e a rebusca non falla. Non hai que perder de vista a estes arqueólogos, para comprobar dentro de poucos anos se mercaron “Mercedes” e “Audis”, autos das súas preferencias; chales en praias de area grosa e amantes de diferentes cores e guapuras”. O Antonio está impregnado de lendas, que as súas seis tías solteiras deixáronlle de herdo eidos e mitos de mouras encantadas e de meigas que fascinan ao máis desconfiado letrado en recoñecer a existencia de deus e do demo.
Tamén presume de ter un inventario secreto dos castros, covas e mámoas que se repregan nas encostas da Ribeira Sacra miñota, que acada as estivadas do monte Faro, onde o ouro agarda por xente ávida que queira darlle brillo a seu corpo e alma, para deixar de vivir nos cortellos da pobreza. Pois, “O Ciprianillo” é o manual do Antonio do Gaiteiro. A cuestión é que cavar en sábrego duro non llo admite o seu corpo lúcido e por veces abstracto