-Barriga verde - 16/10/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Curioso, como aquelas ávidas maos movían todas as articulacións de dous monicreques, acompañados por unha voz lanzal e extremadamente cerimoniosa que axilizaba a liorta, entre o demo e un crego, sobre un humilde e rústico taboado. Unha farsa concibida para rapaces, cunha mensaxe para adultos. Abundaban os risos solapados en dirección daqueles ollos espantados que transmitían concretos espectadores de vida violentada polos sistemas dominadores. A gargallada do público non se cohibía cando o crego era baqueteado polo demo. Neste espectáculo non era precisa a palabra mal entendida do ventrílocuo, o riso malicioso do público espallaba máis crítica que a emitida polas marionetas.

O Barriga Verde era unha peza teatral dun teatro ambulante de feiras e festas, que sempre estaba presente o 18 de outubro, festividade de san Lucas da Carballeira (Chantada), que se celebraba no altivo pódium castrexo de san Sebastián, na que se encontra a capela dedicada ao evanxelista Lucas. O Barriga Verde era a maior atracción daquela festa que acollía a miles de persoas. O encanto destes dous persoeiros dualistas axudáronme a cavilar sobre o que representaba o ben e o mal, conclusión: os dous eran igualmente de arrepiantes e liorteiros. Mais axudáronme a pensar e, tamén, a decepcionarme cando o demo mallaba con habilidade e destreza no crego -creando euforia no público-, mais o artimañoso crego remataba derrotando con pericia ao demo.

A nosa literatura conta cunha peza teatral, titulada: “Barriga Verde” da autoría do poeta Manuel María, unha farsa de sete persoeiros na que figura o demo e o crego. Unha obra que lle encantaba ao poeta Salvador Espriu, no seu dicir, era un dos mellores perfumes literarios de Manuel María. Unha obra moi madura, con arrecendo de abastadas críticas nese tecido harmónico de metáforas e sutilezas.
A festa de san Lucas, no castro de san Sebastián da Carballeira, era una especie de festa iniciática onde concorrían as persoas con xordeira para ser curadas; os viñateiros da nosa Ribeira Sacra chantadesa ían facer inicial estrea do viño novo ribeirao, sempre acompañado do gustoso polbo das polbeiras de Arcos do Carballiño, con concorrencia de apetecidas empanadas labregas e de escollidos lacóns para celebrar festa cívica e de santidade: vital primicia que nos reclúe na saudade do que foi. Era a festa que clausuraba as calendas das grandes romarías da nosa labregancia que se estendían desde o Faro ao Miño. Unha festividade completamente decaída, como así decaeu a vida enteira labrega, coa perda do máis elemental dos que protagonizaron e lexitimaron cultura e rigor da nosa identidade. Esta desolación xa a denunciou en 1880 Curros Enríquez en “Aires da miña terra”, con esta carga de anguria: “¡Qué triste esta aldea, / qué triste e que sola! / ¡A terra sin frutos, a feira sin xente, / sin brazos o campo, / sin nenos a escola, / sin sol o hourizonte, sin fror a semente!” Este tapiz de aldraxe e esquecemento continúa. Mais eu hei de ir á cimeira do san Lucas da Carballeira, a refregar o santo polos meus oídos e comer o polbo ben quentiño.