O Camagüey e a pedra das impertinencias - 20/10/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Coñecín pouco ao Camagüey. Da súa figura ficoume unha imaxe imborrábel e arrebatadora. Ía de traxe branco e de ben pasado o ferro. O chapeu, o pano de peto, garabata, zapatos e calcetíns eran brancos, vestía de lúcido albor. Ás costas levaba en oblicuo un telescopio pendurado, un dos únicos tesouros que o retornado trouxo de Cuba. O seu observatorio era a rocha do Outeiro de Podente. Situouse na pedra fita mais altiva, desenfundou o telescopio e o colocou nun trípode, mentres falaba en inglés para as oito persoas que o acompañamos, para descubrir divindades: “In this telescope is the mystery of the world and of the stars” (Neste telescopio está o misterio do mundo e das estrelas). Todos coidamos que o Camagüey falaba cos espíritos en plena noite estrelada. Choscou o ollo esquerdo e puxo unha lente no dereito, pausadamente o colocou na boca do telescopio e mentres observaba as estrelas, cantaruxou: “Mulata de Camagüey, / de que estás tan amarilla, / de comer platanos verdes / y guachingar en la manigua”. O Camagüey comezou a desvelar as súas visións: “Vexo unha grande e relucente estrela con Deus no seu centro. A esquerda observo outra estrela negra co demo á beira. Agora aparece o cometa Halley moi lento e cheo de arrebatos e bruscas convulsións. No centro perdura o negro e os beirais despide ríos de sangue. Interpreto que estamos no fin do mundo. Certamente na Apocalipse mais destrutiva”. Do xuntoiro saíu unha sonora e contundente voz: “Camagüey recolle o aparello, vaia misterio..., isto xa o di cada domingo o Crego.

Os mais místicos do xuntoiro achegáronse á pedra fita que hai nese picouto e comezaron a interpretala, si era a pedra das elevacións e outros se representaba a pedra angular, representación da Xerusalén celestial e sustentadora de oráculos apocalíptico. Mais o ateo que os observaba, sentenciou: “Esta é a pedra das confusións e das neglixencias”. Era unha pedra altiva e cumprida con brión verdecente na súa cimeira, que tamén tivo interpretacións. Mais non era un menhir. Díxome o vello Delfón -o meu amigo ateo-: “Podes tocala, é unha pedra moi simple que lle sirve aos crentes de Deus e de Satanás. É mesmo a pedra das impertinencias, por iso veñen en irmandade os visionarios de Deus e do demo, seus fieis sempre converxeron na mesma pedra. O que ves no fondo da pedra non é pintura vermella, é sangue de galo negro, olla para as plumas”. Decateime que o Delfín nada me dixo de que aquilo era cousa do Camilo de Agrasar, outro emigrante retornado de Santo Domingo, que facía santería, sacrificando galiñas e galos negros dedicados a Satán, entre lusco e fusco. Espetoume: “Líbrete o sentido común da maxia negra, de Chango, Yemaya e Oshum. Mira ti o que trouxeron os nosos emigrantes do Caribe.

O Delfín convenceume de que lle podía tocar á pedra fita, que non producía arrepíos como dicía a xente e pese a facer sacrificios ao demo o Camilo de Agrasar e seus acólitos. O Delfín parou de súbito e sentenciou: “Esta pedra é como as demais, válelles aos fanáticos: partidarios deístas e demoníacos. Parsimonias de inauditos mentireiros”.