Aqueles cazadores exhibicionistas - 20/11/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Na miña freguesía nativa, nos meus tempos de mocidade, había moi poucos cazadores, mais os que había mostraban seu alarde e rango temerario, coa caluga ben erguida, satisfacendo a súas ambicións como se foran aforados realistas ou respectados ou oficiosos rendeiros. Outras veces semellaban a plenipotenciarios con aquelas polainas de coiro ruído e desgastado, toda unha destreza de aparencias que parecían fidalgos desclasados e con ridículas propiedades, mais aínda conservaban criados e caseiro a medio ou a terzo na partilla de froitos a favor desa recua de imbéciles preguiceiros. Exhibindo a súa mortífera escopeta, pendurada en seus ombreiros, con cans barullentos e atouzados á procura de perdices, lebres e coellos que os sinistros cazadores non daban apresado aos precoces e libertarios animaliños.

Os cazadores de Merlán desfilaban pola cima dos sucos aniquilando semente inzada que eles non sementaban. Camiñar pola canle do rego era como subestimar seu ego e seu rango. Hai poucos días que a neta dun deles mostroume a escopeta enferruxada e cos gatillos pregados de arañeiras, simbolizando a decadencia da casa con esmorecidos brasóns. Ela non coñeceu a seu avó, eu si, e espeteille: o teu avó non podía ser un cazador asisado cando pisaba sucos sementados por xente humilde. Ademais non tiña libros de monteiro nen de cetrería, el era unha especie de quincalla destrutiva. O que si era un frenético cazador de garzas, un perfecto putañeiro de despece; un atrevido asasino de paxarada, cando non conseguía cazar perdices, mataba paporroibos e carrizas, todo valía para asañarse coas aves cantoras que propiciaban tenros trinos liberadores, sendo asasinadas polo furor duns decadentes persoeiros, señoreando desacato e exentos de ética e estética para preservar vida plena, nada entendíbel para estes exhibicionistas de poucos escrúpulos.

Os cazadores de agora son mais selectivos, programados e insensíbeis coa vida dos animais, os xenes do cazador primitivo os sigue dominando. O actual cazador usa armas mais sofisticadas e pretende que a caza sexa deportiva desvirtuando o que é depredación de especies. O cazador primitivo cazaba por manutención colectiva do seu grupo social. Coido que a caza nunca foi un prodixio de solvencia humanista, con respecto e protección á vida da fauna en xeral. Os cazadores de calquera especie de fauna reflexionan moi pouco sobre a vida enteira dos animais, nosos semellantes. A devastadora e primaria idea que se ten da caza fainos máis cativos e nada indulxentes cos animais que sustentan a cadea alimenticia no proceso medioambiental. Estamos en tempo de caza permitida “legalmente” que nos debe levar a unha reflexión vital con proxección de respectar a vida, simplemente, respirar e movementar vida.