Que é España? - 11/12/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Retomo unha antiga lectura do libro A qué llamamos España (1972) de Pedro Laín Entralgo. Un autor sumamente académico e integrado nos conceptos fascistas do franquismo. Foi procurador a Cortes de 1943 a 1946, por designación de Franco. Membro de Falanxe Española que a concibiu como condutora dun Estado totalitario e personificado no ultra fascismo. Laín foi un falanxista de rostro amábel e dos máis liberais dentro do grupo duro, por intuición intelectual. No último lustro do franquismo, etapa na que esfaragulláronse varios conceptos omnímodos do réxime, que propiciou o Consello de Guerra de Burgos e as revoltas obreiras que acentuaron as contradicións e desfeita da ditadura. Nestas desventuras, Laín Entralgo tomou posicións sobre a España integrada e comezou a dubidar da “Unidade Sagrada”, que propagou e defendeu anteriormente.

Neste libro desaparece timidamente a inexpugnábel idea da unidade da patria. Mantendo certa inseguridade sobre o tecido unionista que se manifestou fronte as reivindicacións rexionalistas: embrión nacionalista que acaparou todo o século XIX, desde o trienio liberal, que Laín chama conciencia da peculiaridade vital das rexións, das que dispoñían de máis enerxía e decisión para reivindicar o seu status de autogoberno, sinalando a “Cataluña, Vasconia, Galicia y, en menor medida, Valencia”.

Neste aspecto, fala desde outra visión máis dimensional que excede alen das paranoias falanxistas na que estaba posicionado. Emerxendo a persoeiros poéticos implicados nas reivindicacións da lingua e da cultura de cada pobo, expresando o fermento redentor das tres nacionalidades periféricas, nas que afloraron imparábeis movementos, nos que Laín Entralgo personaliza, no caso de Cataluña, a Bonaventura Carles Aribau, político e poeta, que abriu en 1833 a Reinaxença coa súa “Oda a la pàtria”, con un contido defensivo á fala e á cultura.

José María Iparraguirre, foi a figura emerxente que esclareceu o panorama vasco e que procurou as esencias orixinais vascas, recompilador de cantigas que estaban condenadas a perderse e poemas espallados na oralidade popular. Este bohemio e aventureiro polas xeografías de Euskadi e Navarra, coñecido como o bardo vasco e recoñecido “versolari” que contribuíu a un despegue da cultura vasca, propiamente á poesía e a música. Das múltiples composicións de Iparraguirre destaca o himno á árbore de Guernika: “Guernikako arbola”. Participou nas revolucións francesas que derrocaron a Luís Felipe de Orleans. Perseguido en España e desterrado de Euskal Herria. Contribuíndo ao despegue do renacemento política e cultural vasco.

Pedro Laín Entralgo non ignoraba o esmerado contencioso no que se batían os galegos e, sobre todo, o trío: Rosalía, Curros e Pondal, construtores do Rexurdimento da nosa fala e da escrita en galego, sepultada durante catrocentos anos. Pondal foi un considerado intervinte no Banquete de Conxo, fraterno amparo para protexer os dereitos civís dunha Galiza decadente. Na poesía de Eduardo Pondal non hai finezas líricas, nin albergue para contentamentos festivos. Nos seus versos está a plenitude identitaria de Galiza en revolta; o berro seco autorizado e o clamor dun eco expansivo que conformou esa liturxia épica e patriótica.

Pondal alentou descubertas de conmovidas historias que procesan a nosa idiosincrasia. A letra do himno galego, da súa autoría, persuádenos con esas preguntas que precisan de inmediatas respostas. Nos seus revolucionarios e punxentes versos, están os valores que aínda agora tratan de confinar. Na primeira estrofa do poema: “Sea forte o galego”, proclama a dignificación colectiva neste prego: “Sea forte o galego / nos combates da vida: / como robusto pino / que erguendo a excelsa cima, / da tempestade ao sopro / a poderosa frente non incrina”. Velaquí a outra Hespaña, a que Laín Entralgo non quixo entender os seus tempo e os seus rigores. Nin o que matizou Ortega entre dentes: “Nuestro Estado es un ente abstracto, fraguado por generaciones muy geométricas”.