Guerra Junqueiro, no seu centenario - 19/02/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Por veces refúxiome nas grandes verdades da poesía de Abílio Manuel Guerra Junqueiro (Trás-os-Montes,1950-Lisboa,1923), o inmenso poeta que marcou etapas gloriosas en varios eidos da poesía, da política e do republicanismo portugués, entre outras facetas intelectuais. Junqueiro aínda suxire emoción cando lemos as crúas realidades polas que pasou o seu país, que el criticou asiduamente e dun xeito crucial, agardando ter respostas dunha cidadanía que tiña ollos e oídos desligados do que se vía e oía.

O drama da sociedade actual deixase sentir na crítica do seu poemario “Patria”, denunciando: “ Um povo imbecilizado e resignado, humilde e macambúzio, fatalista e sonambulo, burro de carga, besta de nora, aguentando pauladas, sacos de vergoñas, feixes de misérias, sen uma rebelião, um mostrar de dentes, a energia dum coice, pois que nem já com as orelhas é capaz de sacudir as moscas; um povo en catalépsia ambulante, não se lembrando de donde vem, nem onde está, nem para onde vai”.

Velaquí a Guerra Junqueiro falando das grandes verdades dos pobos humillados, dunha maneira nada reducionista, encontramos na súa obra literaria. No presente ano, Portugal homenaxea a Junqueiro no centenario da súa morte. Mesmo ao home das grandes verdades cívicas e republicanas que aínda fala para os simples. Mais a cidadanía continúa a contraluz das grandes verdades que o poeta manifestou para ser libre.

Junqueiro estaba partillado en varios temas que preocupaban á intelectualidade do seu tempo, a chamada “Geração dos 70”, máis tarde céntrase na chamada “Os Vencidos da Vida”. Recoñecido como poeta popular por dar apoio á causa revolucionaria.

El foi un intelectual comprometido co seu pobo, cando ollou para outras realidades que quixo transvasar para o seu país. Sobre todo das experiencias revolucionarias da Comuna de París. De Francia tomou varios referentes como a de Victor Hugo, do que tivo influencias. Tamén asumiu varias críticas contra a relixión que facían Proudhon e Renan, que influenciaron en varios membros da súa xeración literaria, como foi o caso de Eça de Queirós.

Mais por enriba de todo isto encontramos a un Junqueiro individualizado nunha crítica emanada da súa fe cristiá contra un comportamento relixioso que el non comparte e que manifesta arduamente, no libro: “A Morte de D. João”, e, tamén, en “A Velhice do Padre Eterno”. Estamos ante un Junqueiro meticulosamente crente. El estudou Teoloxía e Dereito na Universidade de Coimbra. Mais foi capaz de suxerir que todo cristián que non faga unha autocrítica e unha crítica ao comportamento dos relixiosos, a súa fe e sumamente sospeitosa.

A crítica á xerarquía católica e a certas inmoralidades do clero, por veces con interesante ímpeto, tiña as súas orixes nas seguintes palabras do apóstolo Paulo na I Epístola a Timoteo: “Se algún non coidara dos seus, e principalmente dos de súa casa, renegou á fe e é peor que un infiel”. Nestas vibracións místicas, fixadas na certeza de Cristo, encontramos ao poeta asentado nesa fe que nega as institucións relixiosas e os comportamentos nada evanxélicos do clero.

Guerra Junqueiro e Eça de Queirós puxeron gran empeño na reconstrución da “Cidade de Deus” cunha lectura diferente a de Santo Agostiño. Naquel ideal de exaltación a Cristo, o discurso dialéctico de Junqueiro tomou un carácter hostil personificado no seu anticlericalismo.

Guerra Junqueiro, tivo unha enorme mobilidade e simpatía por parte de moitos intelectuais de referencia que beberon das esencias do excelso poeta portugués. Manuel Curros Enriquez foi un deles (xusto un ano máis novo que Junqueiro; os dous coinciden no día e mes de nacencia: 15 de setembro), os dous crentes, anticlericais, republicanos e poetas contestatarios. Curros converteuse en divulgador dos ideais de Junqueiro e tradutor, ao castelán, de varios poemas publicados na Galiza e Madrid.

Curros reuniu estas traducións, co título: “La Lira Lusitana”. O poeta de Celanova estivo moi pendente dos movementos que facía Guerra Junqueiro en concretas direccións. Cando este publica “A Velhice do Padre Eterno” (1885), logo aparece “O Divino Sainete” de Curros en 1888, encamiñado a facer unha crítica caricaturesca do papa tridentino, León XIII e dos ambientes vaticanistas.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270