Os merlos de Podente - 05/03/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Chega a primavera, proclamando os seus dons que anuncia a paxarada en seus trinos e melodías, xusto no tempo de amoríos e de reprodución. Sentiremos resoar sinfonías e sons onomatopeicos, dese coro de aves que encetan innovado equinoccio. Tempo de aves a cantar e de arboredos a xermolar. Logo agardo, nos relampos do albor, moi cediño, a esa parella de merlos sedentario quecanta e pía na vetusta silveira onde se guarnecen.

Mentres os gatos espreitan devecidos, a tal parella séntese segura porque saben que os felinos non teñen ás. Ademais vense protexidos por aguzados e pelogrosos espiños que cortan como as asasinas coitelas nos arames da fronteira de Ceuta e Melilla, ferindo de morte aos que procuran codelo de pan.

Agrádame ver e sentir esa parella de merlos, cando me dan a albada co seu gorxeo repentino e rebuldeiro. Aínda nesas mañás de xeada e de lace espigado que ergue friaxe e modela cristaliño espello, no que os merlos ollan a súa propia face. Os merlos de Podente, co máxico pico de talismán, choutan, baten e cantan salmodias sapienciais, anunciando seus amoríos e construíndo novo niño entre o alto muro e a frondosa silveira.

A merla perfecciona seu templo niñeiro, ben tecido e equilibrado, aderezado con minúsculos guizos, brión, la e pelame de animais, que o ávido merlo carrexa co seu pico amarelo, mentres a súa compañeira e arquitecta, remata a tamaña obra articulada nesa iniciática experiencia destinada a conmover aos humanos, que coidamos que temos todo a nosos baixo no noso dominio. Mais hai outras vontades de seres ben pequenos que nos lanzan metáforas incapaces de entender. Por iso somos depredadores de seres que nos asisten.

Que sería de min neste Podente solitario sen o cántico transcendente e o fulgor dos merlos? Esa caste depredada e ensumida, pola falta de rigor en apreciar e custodiar as nosas aves autóctonas. Os merlos tan perseguidos pola súa carne para empanadas e para tantos desaguisados foi desaparecendo. Como as papuxas nas terras de Amandi, coas que facían famosas empanadas, polo San Mateo en Monforte, que hoxe lamentamos ter só esa mínima presenza en vías de desaparecer dese espazo tan naturalizado nas ribeiras do Sil.

Na Galiza como en Portugal había unha horríbel costume de capturar merlos, no propio niño, e facer con eles lambiscadas. Sirva de exemplo o famoso poema de Guerra Junqueiro, sobre un merlo tan apetitoso para un crego. O poema de Junqueiro, “O Melro”, de suxestiva defensa desta especie, sinala: “O melro, eu conhecia-o: / Era negro, vibrante, luzidio, / Madrugador, jovial; / Logo de manhã cedo / Começava a soltar, d’entre o arvoredo, / verdadeiras risadas de cristal, / E assim que o padre-cura abria a porta / Que dá para o passal”... Decatámonos o que acontecía co pobre merlo.

Este meu Podente asentado en suculento pódium, non deixou de ser un lugar atractivo para morar centenares de especies de aves. Agora pregúntome: onde están esas bandadas de gorrións, de andoriñas, de merlos, de cotovías, de paspallás e outras especies que aquí viñan morar? Leo Strauss, deume a clave: “O desexo de acabar co mundo presente e súas potencialidades, sen que vaia acompañado de ningunha idea clara do que se quere por en seu lugar”. Velaquí o colosal desequilibrio, potenciando alteracións do medio ambiente, que todos soportamos, infelizmente, coa desaparición desas especies tan intimas e valiosas, mesmo residuais que apenas están entre nós.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270