xose 1200x230

As liortas do PP en fascículos 27.01.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O PP xa nos ten afeitos desde hai anos a editoriais e a primeiros titulares de xornais sobre diversas liortas e falcatruadas que rematan nos xulgados de garda e moitos dos seus protagonistas no cárcere, por temas inmobiliarios e de corrupción, como é sabido. A guerra aberta polo poder entre os marxinais do aznarismo e os acomodadizos do marianismo, achega novas sobre esa contenda polo poder e non por conceptos ideolóxicos, nos que todos caben e conviven cando teñen o poder. Isto sería unha imaxe moi sintética das grandes movidas e das zancadelas que se dan entre as diversas xerarquías que ten o PP por acadar esa mazá que se lles atraganta por non deixar madurar a tempo.

Que o PP perdese as eleccións de 2008, cunha política confrontista e baseada en temas moi reducidos para atraer unha maioría de votantes, produciu de súpeto que cambiase de dirixentes de segunda e optara por unha política máis moderada, dando unha imaxe máis centrada, non centrista, como medio de chegar a un fin: acadar o poder e aplicar a liña máis conservadora que o peor presidente do goberno que tivo o Estado español, José María Aznar, deseñou. E nese amoado cavernícola están tocando moitas cordas os de rancio avoengo franquista, os liberais consubstanciados nas altas finanzas do país e outros de menor rango tentan colocarse no establishment do poder omnímodo do PP.

Nesta guerra de influencias e dirixismos os cazapos tentan preservar os seus propios espazos e é así como os seus espías poñen unha nota musical de moitos decibelios que fan acordar a todos e proceder en cacería uns contra os outros. Aínda que a hipocrisía lles fai cumprir bos modais protocolarios ante as cámaras e os micros, fan un esforzo por moderar o ton e fannos alucinar con bicos de Xudas e vociferar o de "querida Esperanza" ou o de "querido alcalde".

Sabemos que os pepés teñen a consigna de dar unha imaxe civilizada e de minimizar o conflito. Mais o dilema é que todas esas trifulcas se teñen exteriorizado e a opinión pública non só sabe do conflito de intereses, senón que é consciente da gravidade do asunto e do fraco favor que lle fan á democracia e á convivencia deste país.

A insólita e enigmática guerra dos espías aparece nun momento moi delicado para as hostes de Mariano Rajoy e mesmo nos procesos electorais de Galiza e Euskadi, para o próximo 1 de marzo. Neste período electoral hai pesos pesados do PP que están interesados en poñer atrancos nestes nos candidatos de Rajoy para que o PP teña resultados precarios e lles sirva como arma para defenestrar a D. Mariano e ó seu séquito.

O PP en Euskadi ten un dilema, a falta de cohesión coa sociedade vasca e o menosprezo coa realidade farán que patine electoralmente, e isto será unha gadoupada enorme para que se ralenticen os problemas de fondo.

En Galiza, xa superada a negra sombra da etapa Fraga, hai outro respiro e outra visión de futuro. Debemos dicir que o bipartito fixo un grande esforzo por crear unha política de cohesión que atinxiu, nestes catro anos, a reparar unha serie de carencias froito das incoherencias populistas dos gobernos de Manuel Fraga. E nun deses gobernos de Fraga estaba o seu pupilo, D. Alberto Núñez Feijóo, que o foron perfilando como candidato a presidir a Xunta de Galicia. Todos sabemos como as gastou D. Alberto coa súa táctica de negativas cara á reforma do Estatuto galego; toda unha táctica voraz para desgastar o bipartito. O señor Núñez Feijóo non oculta levar a cabo, na hipótese de que gobernase, acelerar a degradación do noso idioma menosprezando o seu status como primeira lingua vehicular e depredando, así, as atribucións mais sólidas que fornecen a diversidade. Por tanto no PP comeza unha historia por fascículos coleccionábeis.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras