xose 1200x230

Ricard Salvat, na tribo de Hamlet 31.03.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Imaxino a Hamlet admitindo na súa tribo inmortal ao irmán e confrade Ricard Salvat. Talvez o teña recibido coas mesmas palabras que lle dirixiu a un dos seus cómicos: "Oínte recitar en certa ocasión un paso, que xamais foi posto en escena, se o foi, non ten sucedido máis dunha vez, lembro que a peza non lle agradou á multitude: era caviar para o vulgo; mais na miña opinión, e na doutros, cuxo xuízo en tales materias está moi por enriba do meu, era unha obra excelente, ben trazada nas súas escenas e escrita con tanta sobriedade como enxeño".

 

Lembro a Ricard Salvat entronizarse con paixón na obra de Shakespeare Hamlet, príncipe de Dinamarca, cando exercía de profesor d"Art Escènic na Universitat de Barcelona, nos módulos do arquitecto Le Corbusier, da Facultat de Geografia i Història. Era un profesor esixente, nunca deixaba indiferente a ninguén. Había un compromiso ético co ensino do teatro; unha debilidade en propiciar debate e incidir nas correntes historiográficas do mundo escénico. Numerosos manuais da súa autoría sedúcennos a contemplar o universo do teatro desde un horizonte vangardista e de compromiso. O teatro como arte de denuncia, sensibilización e compromiso cívico, nunca como divertimento.

A Ricard Salvat coñeciño na clandestinidade política, en Barcelona, xusto na Asociación de Amigos das Nacións Unidas, un parapeto onde convivían todas as familias ideolóxicas, que tiñan unha presenza moi activa contra a ditadura. Faloume do proceso e problemas que tivo, ante as autoridades portuguesas, pola posta en escena de Os vellos non deben de namorarse. Admiraba a obra de Castelao, e a súa homenaxe foi a de representar esta obra do rianxeiro. A partir desta desventura, comezaron os apoios de moitos intelectuais galegos e unha afervoada amizade con Isaac Díaz Pardo, impulsor de varias exposicións e publicacións que o artista divulgou sobre Salvat. Polo tanto, Galiza estaba moi presente en Ricard Salvat, coñecía moi ben a evolución histórica do teatro galego e estaba ao día do que se facía e publicaba sobre este xénero.

Na miña primeira viaxe a Angola en 1990, coñecín o dramaturgo angolano e director de teatro José Mena Abrantes, que meteu nas miñas mans un cartel publicitario sobre a representación de Os vellos non deben de namorarse. Parece ser que Mena coñeceu a Salvat no Brasil e este fíxolle chegar a obra de Castelao e o animou a representala en Luanda.

Cando Ricard Salvat estruturou unha escenografía, titulada Salvat-Papasseit i la seva época (1973-74) como homenaxe ao grande poeta catalán, integrou outros poetas de diversas nacionalidades asoballadas. Convidoume a que eu fixera o papel de Ramón Cabanillas, recitando os seguintes versos: ¡Irmáns! ¡Irmán gallegos!/ ¡Dende Ortegal ó Miño/ a folla do fouciño/ Fagamos rebrilar!// Que vexa a Vila pobre,/ coveira da canalla,/ á Aldea que traballa/ disposta pra loitar.// Antes de ser escravos,/ ¡irmáns, irmáns gallegos! que corra a sangre a regos/ dende a montana ó mar. Cando retumbaban estes versos nos ensaios había actores que comentaban a valentía e o risco que podía correr Salvat. Despois duns catro meses de ensaios, control de voz e de poses, a cousa comezou a gustarme e Salvat manifestoume que era un síntoma de que eu estaba enganchado na escena. Ao pouco tempo, tiven que abandonar o tema e pasar durante dous meses á vida clandestina, dado que varios compañeiros de ideoloxía tiñan sido presos e o propio Salvat procuroume refuxio.


No meu período de Facultade, encontramos e converteume no seu alumno. Despois viñeron numerosos encontros en debates cívicos e coincidencias en teatros. A última vez foi nunha homenaxe a Díaz Pardo. Que Hamlet repare do amigo do meu país. Molt agraït, Ricard.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras