galego en cuba x40ANTOLOXÍA DOS POETAS GALEGOS EN CUBA

 

galego en cubaO ECO DAS AUSENCIAS

Nesta antoloxía de poetas galegos en Cuba presentamos a catorce deles que tiveron a Galiza como referencia e fundamento dunha paixón patriótica que se manifesta nesa reiterada saudade que eles escolleron para o seu cántico. Lendo a cada un deles asistimos a esa lembranza que manifestan polos eidos patrios e que flúe en versos populares e en delicados laios. Moitos destes versos pódennos parecer atípicos, pesados ou imperfectos, mais de todos eles xurde a perfección que emanada desa dimensión comunal e de comuñón que manifestan pola terra nativa. Digamos, desde este punto de vista, que hai todo un potencial de impacto onde o poeta vibra en seus versos cando se encara a esa nostalxia de diversas frecuencias e matices e é aquí onde se asevera o mais profundo do universo galego, en seus diversos microcosmos, que se ven reverenciados na testemuña de cada un deles, manifestando esas vivencias que influíron na súa personalidade carismática e orientadora desas vivencias que son os dons mais propicios e orientadores do que cada un deles manifestou desde marxe cubana o sentimento pola marxe galega.

Dos poetas galegos en Cuba podemos ver unha serie de referencias comúns, como o lamento por unha terra irredenta, a denuncia contra as influencias caciquís e os malos gobernos que mantiveron a unha Galiza servil e pregada de frustracións, de indiferencias, e dunha secular sangría emigratoria que non permitiu un adecuado rexurdimento social e político que superase o atraso económico en que estaba sumido o noso país.

Todos estes poetas que aquí presentamos aspiraron a que Galiza fose progresista e se puidera gobernar a si mesma: premisa e frecuencia de toda liberdade e soberanía. Mais o esencial desa liberdade, progreso material e intelectual están salientados nesta poesía. Iso quere dicir que a permanencia destes poetas en Cuba foron capaces de dimensionar o seu país de orixe e de obsesionarse, desde lonxe, pola solución dos problemas mais profundos que estando noutro país coñecían puntualmente. Cuba, foi para eles a terra de promisión, mais a que lles aportou unha nova dialéctica de ver doutra maneira o país de orixe e converténdose en animadores de puntuais denuncias, como as que vamos atopar en moitos destes versos.

A voz ergueita destes poetas da emigración, desde ese exilio que lles removeu a conciencia e que foi o impulsor da palabra dorida e cargada de entusiasmo combativo como un dos primeiros presaxios de liberdade e conciencia nacional; o feito diferencial como moitos chamaban e que o propio Domingo Campio Devesa Naveiro manifesta, nestes versos:

Gracias a Dios xa podemos
espansiar o noso feito
porque as cousas de Galicia
vaya dito sin malicia
van á levar outro xeito.

Digamos que Devesa Naveiro, ese emigrante ubicado en Cienfuegos, xastre compostelán e de formación autodidacta cuxo aprendizaxe político e literario o realizou en Cuba. A súa obra poética mantívose nun caderno manuscrito que eu mesmo descubrín nun posto de libros de ocasión na praza de Armas da Habana. Que non deixa de ser a primeira testemuña mais elocuente dun emigrante que sente da súa terra, aquelas aldeas da periferia de Compostela, que lle deron ese espírito vital de comprensión e amor de estar sempre presente nas boas querencias da súa patria. Aí está todo un catálogo de persoas galegas do Rexurdimento literario e político. Isto quer dicir que Devesa estaba moi atento desde a súa xastrería ao que acontecía en Galiza. Ese seu fervor tan rosaliano no que deixa constancia delo no seu poema dedicado a autora de Cantares Gallegos. Fervor compartido por tantos emigrantes galegos en Cuba. Rosalía era tan popular nas sociedades galegas en Cuba como na propia Galiza. Digamos que Follas Novas está dedicado á “Sociedade e Beneficiencia d’os Naturales de Galicia n’a Habana”. O poema “Prá Habana” testemuñan o interese que tiña Rosalía polos emigrantes galegos en Cuba e polas realizacións que desenvolveron en pro de Galiza. Os emigrante da Habana publicaron en 1889, El Regionalismo de Murguía. Isto manifesta a implicación que o matrimonio Castro Murguía tiñan cos emigrantes en Cuba. Mais Devesa Naveiro non é o único que busca refuxio en Rosalía, case todos eles a mencionan como a estrela esplendorosa que da luz e certeza na secular noite de mais de catrocentos anos de fuscor.

O lector vai a decatarse dese amor común que manifestan por Galiza todos estes poetas e tamén da diferencia creativa que hai entre eles, non todos perciben a problemática galega como Curros Enríquez, Cabanillas, Lugrís, Blanco Torres e Neira Vilas, dos que apreciamos un nivel cualitativo importante do que tratan e do que suxiren desde Cuba, no marco doutra dimensión e comprensión de comprender a patria nativa con outros matices, alén dos que e facían desde Galiza. Mais tampouco podemos desinteresarnos por aqueles que sentiron e interpretaron a Galiza desde o seu propio cántico saudoso choromiqueiro.

A poesía que Manuel Curros Enríquez escribiu en Cuba consta dunha significativa chamada pola unión dos galegos para facer país e que sintoniza coa puntual denuncia combativa. Non poema, titulado: “A Sociedade Lírica da Habana Aires da Miña Terra”, hai a seguinte chamada con acentos patrióticos:

Gárdevos Dios, rapaces, que na América
as soidades sentís dos patrios eidos,
onde vosas obrigas, traballadas,
folgan na paz do sono derradeiro.

Curros tempera eses acordes de denuncia, tan reiterativos na súa obra escrita en Cuba. As recorrencias de Curros sobre as inxustizas que os labregos soportaban foi un incentivo do seu discurso poético para os galegos que se identifican co pensamento e coa denuncia de Curros. Os seguintes versos esclarecen esta realidade:


E, mentres, a xusticia chama á porta
do labrador; non o atopando dentro
pega no pote, na arca e máis no carro,
¡e lévao todo, e véndeo todo a eito!
E mentres, o grau móllase no hórreo,
nun curruncho o legón púdrese quedo,
roe o verme a pataca i as toupeiras
non deixan herba viva no lameiro!
O servicio do rei chama ós mociños,
e como onde non hai... nulla es redemptio,
jalá se van pra non volver jcoitados!,
tras sí deixando desconsolo eterno!...

No poema, “Pola Unión” retomamos algunha das particularidades patrióticas vencelladas á loita de clases que había que esgrimir. A percepción deste poema é elocuente:

Con non menos batallar
contra todo mal goberno,
Galicia a un supricio eterno
de cote está condenada,
e pídenos, desolada,
que a libremos dese inferno.

A discursiva de Curros dimensiónase dentro desa orientación de denuncia e tamén podemos interpretala e contextualizada dentro dun perfil nacionalista, aínda que en Curros non estaba suficientemente desenvolvido, tal como hoxe consideramos o nacionalismo galego. Pero si é importante que desde Cuba nos coloque mesmo nese mosaico da Galiza asoballada, como podemos constatar nestes versos:

¡Ti sólo, Galicia Santa!
¡Ti, que no antigo señora,
escrava ximes agora
dos caciques baixo a pranta!
Véndote entre pena tanta,
teus bravos fillos ¿qué fan?..
¿En qué pensan? ¿Onde están,
que non collen os fouciños
e botándose ós camiños
a redimirte non van?
En Ramón Armada Teijeiro, a súa poesía retráenos a esa convivencia esencial que a persoa ten como propio o medio nativo, en todos os seus ambientes e activos. As manifestacións que aparecen na sua poesía, que nesta antoloxía mostramos, xustifican esas benquerencias, esa dor e esa orfandade que sente lonxe de Galiza. Os seus poemas son puro e desmedido saudosismo que fluen desa enorme mágoa de abandonar a terra. Esa Ortigueira nativa, á cal Armada Teijeiro as súas coitas de mocidade; as mallas onde a veciñanza facía convivencia nese traballo comunal. Armada non nos testifica o efémero dunhas circunstancias que se daban cada ano senón a dimensión humana destas tradicións, repetidas nas mallas ou noutros comportamentos labregos, que son esenciais na personalidade dun país. Dunha nación como Galicia que se constrúe cos portentos tradicionais que practica a cidadanía. Por tanto a poesía de Armada, tan festeira e evocadora polo popular, postula desde Cuba a súa acusada permanencia espiritual con Galiza e material con Cuba.

Fernando García Acuña, non é un caso insólito no caso daqueles fillos de emigrantes que estimaron profundamente ao país dos seus país. Mais este poeta nacido en Cuba volveu con seus proxenitores, de mozo, para as terras betanceiras onde protagoniza un feixe de versos en galego de diferente rexistro que van desde evocacións a Cuba, a Galiza e á poeta nacional: Rosalía de Castro, que continúa sendo referencia polos poetas galegos na illa caribeña. García Acuña aporta unha suxestiva aportación que se verificou en moitos dos emigrantes galegos a Cuba, como era pór en dúbida ou negar certas prácticas da ortodoxia católica. No poema dedicado a Santa Lucía de Leiro, en Betanzos, pon de manifesto a falta de crenza en prácticas idolátricas ou mesmamente como ateo confeso.

Moito debe Galiza a Manuel Lugrís Freire. Inmensa foi a vocación deste inmenso galego que en Cuba tivo a súa primeira formación como intelectual e como activista en prol da cultura, da literatura e dun cambio social e político en favor da súa patria. A dor e a saudade que sentiu Lugrís en Cuba pola súa terra, permitiulle afondar nela e traballar por ela. Posiblemente, Lugris, sen esa carga emotiva que sente en Cuba por Galiza, no seu desterro sentimental, nos estaríamos falando dunha das grandes personalidades que mobilizaron o espírito patriótico no noso país.

En Eduardo Nuñez Sarmiento atopamos esa poética saudosa e cargada de lembranza. Os seus poemas caracterízanse polo enfática señardade que sente pola súa terra. A mitificación da terra nativa levou a moitos poetas como a Núñez Sarmiento, a sentila con esa alma enxoita e desbordada a imporlle toda unha configuración de atributos como unha especie de paraíso perfecto.

Alfredo Nan de Allariz foi aquel emigrante, discípulo e amigo de Curros, que en tantas cousas quixo imitar. Foi anticlerical, como o poeta de Celanova. Mais no seu poemario: Fume de Palla, está presente esa súa vocación por engrandecer a colonia galega na Habana. Seus poemas rexistran esa canto nu que van seguindo a evolución do novo Centro Galego da Habana que se proxecta en 1908. Postula polas empresas nobres que os emigrantes realizan en Cuba e pide, en seus versos, retomar o engrandecemento de Galiza desde o exterior:

¡Vinde vós, galleguiños d’América!
¡Vinde presto, patriotas honrados!
¡Vinde, si, pois n’os homes d’a terra
xa confianza non ten de ser salvo!
¡Xa ten fé solo en vós, en vós solo!
¡Xa de vós solo agarda o milagro!
¡Coitadiño, n’as ansias d’a morte,
car’á vós torna os ollos xa en branco,
“¡Libertade!” -n’os seus ayes pedindo,
“¡Redención!” -por amor recramando!...
¡Dios vol-o ha de pagar; vinde aixiña!...
¡que morre! ¡¡salvaino!!

En Ramón Cabanillas reside outro dos monumentos da palabra poética virada a esclarecer eses sentimentos fondais que a a emigración galega en Cuba sentía esa señardade por Galiza:

¡Vou a ver os meus amores
que por min chamando están!
¡Vou a darlle un bico á lousa
onde dorme miña nai!
¡Vaite, almiña tola, vaite!
¡Ai, quén poidera voar!

O lustro que estivo Cabanillas en Cuba foi suficiente para que a comunidade galega atopara nel o xusto sucesor de Curros. Os seus dous libros que publicou na Habana fixérono acredor dos ideais combativos e patrióticos que Curros foi configurando nos seus catorce anos de permanencia en Cuba.

Ramón Cabanillas asumiu nos seu poemas o drama da emigración e puxo varios acentos nesta nosa centenaria praga e desfeita. Tamén perpetuo a tristura e a orfandade dos que ficaron e senten a perdido a un familiar:

Era unha probe nai que tiña un fillo
en terra allea, máis alá dos mares,
onde o levaran sonos de aventura
ilusións de emigrante.

O combate a liberar a terra foi outro dos instrumentos que lle serviron á lira de Cabanillas como instrumento concienciador:

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Desde Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Quizais sexa Nicasio Vidal Pita o poeta galego en Cuba que manifestou esa acentuada mágoa e señardade constante por Galiza. Estar lonxe da súa terra nativa o levou a refuxiarse neses seus poemas que aspiran un reencontros cos eidos nativos:

Dicen que tod’a terra é para á xente
a patrea universal. ¡Mintira! Eu xuro
que patrea sol é unha; aquel caente
curruncho dond’a mente
pensa adourando seu recordo puro.
Currunchiño pequeno, sí; mais canto
se quer, si lonxe estamos... ¡Qué agonías
ó peito sofre en houras de quebranto
cand’as melanconías
cóbrennos de morriña c’o seu manto!...
E quixéramos ser ondas d’os mares,
bicos d’o vento, páxaros lixeiros
pra fuxir e chegar os tenros lares,
a terra d’os cantares
doces, e d’os frondosos ameneiros.

Roberto Blanco Torres, asasinado polos fascistas en 1936, foi un poeta que viviu e se encarou a aquela emigración, a dura e marxinal vida dos emigrantes. Mais de Cuba soubo aproveitar a súa vida intelectual e de ser un grande xornalista como foi un grande poeta. Un poeta que nos falou da emigración en súas carencias emotivas, en súas contradiccións que afectaron a desfeita de Galiza e a esa ferida sen cicatrizar na alma do que deixou unha terra e dela ten amor e conciencia. Así o esclarece nestes versos:

Bágoas nos ollos,
a dor no peito,
deijou o leito
moi de mañán;
dende alá arriba
mirou prá aldea
coa ialma chea
de escuridá.

Un barco negro
con gente istrana,
lebouno á Habana
sin sentir ren,
como quen leva
un fardo van
que troca o chan
por outro ben.

Xosé Rubinos Ramos foi aquel xesuíta galego que en Cuba se dedicou ao ensino e espallou seus versos en galego e en castelán por diversas publicacións galegas na illa cubana. Seus poemas tiveron unha tendencia épica. Desde Cuba evocou aqueloutros emigrantes temporais que ían as segas de Castela. Ese longo poema que nesta antoloxía presentamos, tal vez nos dea a medida do seu discurso referencial no ámbito galego.

Xulio Sigüenza foi outro dos poetas galegos que estivo emigrado en Cuba e súas composicións poéticas marcaron un espacio interesante nos rexistros dunha poética necesaria e particularmente vangardista, como amosan os poemas que aquí presentamos.

As composición poéticas de Pedro Vázquez Rábade marcan varios parámetros da súa ubicación sentimental e patriótica. Seus poemas marcan, desde Cuba, un dos atributos mais recorrentes dese compromiso en alza que se concretan nun idealismo que se ten por Galiza, como a patria de todos os cura males. Poemas delicados e sentencias conmovedoras, que se mesturan con esa tendencia súa polos versos bucólicos que por veces estereotipan os versos que singularizan os atributos de Galiza.

Rematamos este percorrido poético con Xosé Neira Vilas. O coñecido e universal escritor que tantas descubertas nos trouxo da emigración galega en América, concretamente de Arxentina e de Cuba. Sen as investigacións de Neira Vilas en Cuba seríamos enormemente pobres pola falta de coñecementos que el puxo a disposición de todos. Se falamos de Pepe Neira como poeta diremos que é un poeta necesario que desde Cuba manifesta a soidade e a mágoa pola súa terra nativa:

EU tiña un fogar,
unha casa con edras nas paredes
e anduriñas na beira do tellado.
Tiña un regueiro garuleiro,
catro rufos bacelos de albariño,
un ceo agarimoso
que enfeitaba de luz a miña vida.
E se máis regalía merecese,
tiña vinte anos.
Vinte espadas xusticieiras e honradas
para esixir,
para loitar.

Neira Vilas é o poeta comprometido coa Revolución cubana ao lado de Fidel e do Che. O que nos sirve de referencia dos galegos nesa orde cíclica e histórica de compromiso coa illa de acollida desde o lado galego. Tamén é o poeta e o escritor comprometido coa súa terra. Velaí a súa escrita de portentosa acción, sempre presente nas causas que precisan de desagravios.

Neste final, quero agradecer o traballo prestado a dúas persoas claves no desenvolvemento desta antoloxía,duas axudas impagábeis, a do intelectual cubano Noel de la Cruz e de Nuria Gregori, Directora do Instituto Cubano de Literatura e Lingüística, o miña sincera e fondal gratitude.

Xosé Lois García
Barcelona, 26 de decembro de 2007