A coroa de Carod, Maragall e Cia.- Martes 31 de maio de 2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

A idolatría no seu máximo auxe. Uns difúndena, no seu propio proveito económico, outros acatan e adórana, o gran rabaño de Deus, os inxenuos que a asumen e a exhiben. Esa fotografía inocente que Maragall lle fixo a Carod-Rovira en Xerusalén veulles ós seus detractores como anel ao dedo. Os gardiáns de valores caducos e toda dereita mística e profana puxéronse en pé de guerra en defensa de súas propias contraccións e sen utilizar a mínima dialéctica que esclareza a cuestión sobre idolatrías e idólatras. A descompostura é tal que agora ninguén sabe que obxectos son os sagrados ou os profanos. ¿Se as coroas da crucifixión, crucifixos, medallas, escapularios e un infinito etc., pertencen ao sagrado como é qué se profanan vendéndoas en souvenirs e noutros tenderetes de lucro? Os actuais gardiáns da Igrexa desestiman as palabras que dixo Xesús e que se recollen no Evanxeo de Mateu 7, 6: "Non deáde-lo sagrado ós cans nin lle botéde-las vosas perolas ós porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen".

No Evanxeo de Xoán 4, 24 lemos o seguinte: "Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade". ¿Que pensaremos cando se propicia que se adore unha imaxe efémera, con ese exceso de paganismo, que podemos ver en Galicia, sobre todo, nesas virxes dos grande santuarios que as levan en procesión con eses mantos cheos de billetes bancarios como reclamo de acadar os dons de Deus a conta de pagalos previamente? Se recorremos a outros textos bíblicos, esta idolatría ficaría aínda máis ao descuberto, e a conclusión sería bastante rotunda en pensar que o que di e fai a Igrexa católica ten pouco que ver co que di o Evanxeo.

Os excesos idolátricos teñen agora un prezo e pásanlle factura a quen os promocionou con tanta lixeireza como falto dun sostén doutrinario partindo do propio Evanxeo. Nos primeiros pasos da comunidade cristiá, temos un relato nos Feitos dos Apóstolos 17, 16 que di: "Mentres Paulo agardaba por eles en Atenas, consumíase por dentro, vendo que a cidade estaba chea de ídolos". Se aquel grande intelectual e místico como era Paulo de Tarso reparara hoxe nos templos que el fundou rebozando de idolatría, talvez lle daría un infarto do espasmo.

Dado todo isto, agora non cabe que os que infunden tales prácticas rachen as vestimentas ante o uso e o abuso de tales utensilios. Na Idade Media, nas igrexas de Europa, contabilizáronse mais de corenta mil espiñas da coroa de Cristo e mais de dez mil cravos da cruz de Cristo. Na igrexa da Compañía de Monforte de Lemos, non sei se segue habendo un cravo e unha espiña de ferro da coroa de Cristo, que regalara o fundador da Compañía, o cardeal Rodrigo de Castro, sendo eu neno tiña gran veneración entre os monforteses. Aquelas grandes mentiras do pasado non poden ser defendidas no presente como verdades absolutas e intanxíbeis, porque a cultura das persoas mudou cualitativamente e os adiantos científicos, como o ADN, colocan a verdadeira identidade a todo. Estamos nun período histórico no cal non se poden usar frivolidades e anatematizar os que dunha forma inocente ou pragmática van mais alá dos que apostan por estas prácticas.

Pasqual Maragall, president da Generalitat de Catalunya, neto do poeta do modernismo catalán, Joan Maragall, católico convicto e confeso, así como o seu fillo Jordi Maragall (pai de Pasqual) que estivo durante moitos anos no padroado da Sagrada Familia, nomeado polo arcebispado de Barcelona e persoa entrañábel nos medios intelectuais. Pois desta familia católica e burguesa procede Pasqual Maragall. Todo este problema dubido moito de que o fixera con desprezo aos crentes. O que verdadeiramente debe preocuparlles aos crentes non son esas coroas de vetusto ferro que se venden en souvenirs senón a verdadeira coroa da que nos fala San Paulo na Segunda Carta a Timoteo 4, 8, na que di: "O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada". Xuíces da escolástica, imiten ao apóstolo San Paulo.