Na lonxitude do tempo - Martes 02.08.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García
Na lonxitude do tempo (Espiral Maior) é o primeiro libro de Mero Iglesias (Vilalba, 1951). Con esta entrega de quince poemas fainos estar atentos a un temario no cal se reconstrúen diversas imaxes como el visiona e relativiza, ó tempo que nos integra a todos neses poemas cósmicos e telúricos.

(Espiral Maior) é o primeiro libro de Mero Iglesias (Vilalba, 1951). Con esta entrega de quince poemas fainos estar atentos a un temario no cal se reconstrúen diversas imaxes como el visiona e relativiza, ó tempo que nos integra a todos neses poemas cósmicos e telúricos. O poema Dedicatoria, xa nos advirte do que se impregna o poeta cando busca o camiño certo para transitar e "fornecernos de paz".
O outono aparece constantemente como un dos ciclos do tempo que nos marca e que nos incita a ollar os froitos, que nesta estación se recollen. As metáforas funcionan como ente dunha mobilidade na que todos estamos e xiramos. Ese outono que nos conmove e tan presente nos poetas da Terra Chá. Manuel María titulou un dos seus poemarios máis íntimos con este nome: As lúcidas lúas do outono. Os rexistros que os poetas da Terra Chá nos deixaron nos seus poemas sobre o outono son conmovedores. Non sei con certeza se os outonos da Chaira transmiten esa carga de nostalxia capaz de quen ama a terra, se emociona con ela e non pase desapercibido dela. Mero, sen dúbida, mantén viva esa puntual atención polo outono. Toda esa cosmicidade reflicte a medida e a harmonía do tempo que no seu devalar cíclico fai que o poeta experimente o que manifesta: "Outonos miden os tempos/ e espacios en outonías./ Pensamentos que en silencio/ mestura a memoria miña/ entre máxicos segredos:/ ‘...tras dos tempos, tempos veñen’/ ¡quen doutro xeito diría"!


Os rexistros poéticos de Mero están contextualizados, por outra banda, na idea metafísica de entrar no mundo oculto partindo dun espazo cíclico como é o outono. Aquí é onde concentra toda a súa experiencia de reflexionar sobre límites e dimensións, dos cales nos fala. Un retorno ao que gravita sen nós sabelo. E nesta metafísica está obviando boa parte dun telurismo que nos amosa Terra. Terra en maiúscula, todos sabemos ao que nos referimos.


A Matria dos galegos, xirando no seu tempo e espazo. Ou espazo e tempo que poden ser, tamén, "arrecendos nas paisaxes". A paisaxe decadente no outono dános, neste libro de Mero, o principio da decadencia das cousas mais tamén a ofrenda dos froitos maduros, como esperanza dunha mantenza farturenta que nos dá a terra para pasar os infortunios do inverno.


No poema Recendos que se alongan fai unha relembranza do libro xa citado de Manuel María. Mero resolve así o poema: "Esculco nas lúas translucidas/ dos outonos/ que me acurtan distancias/ nos espacios./ E nas agullas afiadas como espadas/ dos reloxos,/ busco esencias de atardecidos/ momentos/ que van troceando o tempo/ pouco a pouco/ ¡son ausencias!" O poeta ve, sente e conmóvese co paso do tempo, mais non deixa de reflexionar e sacarlle ás súas fuxidas o arrecendo desas mazás madurecidas con sabor a terra. Os espazos marcantes dos tempos fuxidíos teñen unha dimensión cíclica nesta poesía que nos conmove á medida que entramos e escudriñamos nela. Os outonos teñen, sen dúbida, os seus albores metafísicos e toda a compracencia de ser observados e absorbidos por un poeta que constrúe un memorando sobre o destino do home, ese Alfa (primavera) e ese Omega (outono) principio e fin de todas as cousas. Mais o outono permanece nesta poesía para ser memoria. O poeta sabe que no noso país a memoria é fráxil mais é o único que nos queda para redimirnos. O outono é o tempo da promisión, cargado de froitos maduros. Nestes conceptos, xa mencionados, o poeta ten voz propia; voz insurxente e solidaria para advertirnos de que as outonadas están próximas a dar a súa colleita.


Estamos ante un poeta que mide o tempo. O tempo e os seus parámetros lonxitudinais. Os outonos marcan no esférico un espazo para o noso destino. Como di o prologuista destes versos, David Otero: "Eles non nos deixan en silencios, como agardando. Lévannos a militar nas esperanzas. Pois neles collemos forzas para non perder as noites". Todo un libro para ler e reler pola súa cosmicidade, telurismo e acentos líricos. Mero Iglesias agasállanos cunha lectura para entender a Terra.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras