Crónicas de Cuba (III) - 07.3.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Dende o hotel Granda, na vella casona dos Fernández Granda, divísase boa parte dese rectángulo axadrezado que é Santiago de Cuba, mentres ao sentido óptico lle apetecen esas paisaxes verdes e pretas.

O anxo apocalíptico da catedral (copia do renacemento hispano) fica á altura da terraza en medio desa mole pétrea, vixía da grande praza que foi de Armas e hoxe leva o nome do grande prócer da independencia, Carlos Manuel de Céspedes, é un cuadrilátero fermoso e rodeado de balconadas coloniais na casa de Diego Velázquez e na casa da Municipalidade. No fondo, en seu zig-zag, o mar Caribe adéntrase en terra para acariciar os meandros de Sierra Maestra. A brisa aloumiña os nosos rostros e impón sosego nunha tarde que nos reclama ir á Biblioteca Elvira Cape (a gran dama burguesa santiaguera e esposa de Emilio Bacardí) que fixo construír esta grande mansión ao lado mesmo do Museo Bacardí, para facer notar os seus gustos e o seu poder. A entrada está mesmo diante da Casa-Museo José María Heredía, o grande poeta cubano que personalizou en seus versos a cubanidade e os sentimentos libres e independentes dos cubanos nos primordios do século XIX.

No gran patio da Biblioteca Elvira Cape, agardábanos unha sorpresa que Oilda, Sonia, Suria e Carlos Albéniz tiñan preparado para Fernando Galindo e para min. Unha sorprendente representación teatralizada da morte de Federico García Lorca. A gran traxedia posta en escena por un grupo de rapaces minusválidos e integrados grazas á escola de capacitación física que Oil-
da pon todos seus méritos e esforzos para mantela viva. Todos eses rapaces conformaron unha das escenas máis emotivas e tráxicas como foi a morte do poeta granadino. A todos conmoveu o papel de representación do poeta Yoelman Medina Suárez que representou a García Lorca e, tamén, a declamación importante do seu irmán, Yoelman Medina Suárez. O gran coro de voces e de accións por parte do grupo integrado en cánticos e danzas andaluzas. Todos gozamos coa meritoria interpretación de danzas andaluzas de Yarina Bell, unha adolescente co síndrome de Down, que fixo vibrar a tódolos presentes. Unha boa mostra de dignidade cubana de integrar a todos desde ese enorme esforzo de que ninguén quede á marxe da vida social.

É verdade que os recursos son poucos, case nulos, mais os esforzos de todos naturalizan en Cuba todos estes mesteres. Todo isto non deixa de ser unha actitude revolucionaria ao buscar no esforzo e na solidariedade vencer os problemas cotiáns. Fernando Galindo, ese buscador e descubridor de terras e de xentes, que desde a súa Tarifa natal e coa súa fonética andaluza sempre viva, tivo neste acto unha emoción sen igual sentindo os acentos da súa Andalucía lonxicua cando foron activados por nenos cubanos. Todos vimos a sensibilidade de Galindo a flor de pel, as emocións non se resistiron a proclamar esa irmandade entre pobos e entre culturas. Fernando Galindo é un lorquiano de sentimentos e non de pretextos, fala pouco mais sempre está engulindo as palabras dos outros polos seus oídos.

Toda aquela plataforma de contido andaluz, de frescura e de colorido da terra de Lorca, con seus xitanos contemplando as lúas; encontro de vodas e desencontros no sangue. Non faltou a presenza de grupos folclóricos do Casal Catalán de Santiago de Cuba, harmonizando sardanas e conmemorando a patria de Verdaguer. Despois todos danzamos a conga, esa expresión de negros mal danzada por brancos coma min. Un fai o que pode, como me espetou unha vella mulata. Para min foi un deses grandes días de convivencia dos que teño gozado dun convivio real e xeneroso.

Todos os que estaban alí traballamos. Todo estaba en función do que cada un podía achegar no traballo de organización. Ninguén ficou á marxe e tanto os participantes como os espectadores tivemos o noso momento de gloria e de emancipación. En Cuba precísanse de esforzos colectivos. As persoas, individualmente, procuran responder uníndose ao esforzo colectivo e realizar cousas fermosas e solidarias que esclarecen a loita cotiá.

martes, 7 marzo 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras