Crónicas de Cuba (VI) 04.04.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Oilda, Sonia, Carlos Albenis e Fernando Galindo, no albor dunha desas mañás temperadas de candoroso orballo e do arrechouchío alborozado do sinsonte e do tocororo, responsabilízanme de guiar...

...o auto que nos levou á II Frente, nos antípodas de Oriente, onde a Sierra Maestra remata as súas curvaturas verdecentes e a Sierra del Cristal erixe os seus cerros como maxestosas pirámides vexetais. As canaveiras, as harmónicas e míticas palmeiras; valgadas e veigas beben raiolas de sol e fiaños de néboa cos que se alimenta tanta flora e tanta fauna dese enorme microcosmos. O ritmo das paisaxes marcou a velocidade e as paradas do auto para poder contemplar tanta beleza que cultiva os nosos sentimentos. Nas estradas hai sinais con nomes de lugares que figuran harmonizados nun dos belos sons de Compay Segundo: "De Alto Cedro voy para Marcané/ Llego a Cueto voy para Mayarí".

O noso destino era Mayarí (agora chamada cidade Frank País), pulmón e respiro do II Frente. Quen queira descubrir os dons e o misterio dun paraíso inigualábel e a persoas de darse sen que pidan nada a cambio ten que ir a Mayarí. Nesta localidade agardábanos a directora da Universidad Pedagógica da II Frente, Elena Rivera Hernández, que nos ofrendou cun suculento almorzo de froitas e coa amizade de profesores e pedagogos que interrogaban á limitada sabenza de Galindo e miña. Despois viñeron as danzas afrocubanas, as parodias e as declamacións.

Nos miolos da II Frente agardábanos o seu guía, Ángel Leónidas López. Todo un espectáculo bélico de terra liberada por Raúl Castro, co seu cuartel xeral situado nun antigo rancho dun terratenente fuxido en Miami. Armas, uniformes ensanguentados, aparellos de asalto, consignas, documentos, tácticas de avance, avións etc. Aquí un sabe que a Revolución cubana non foi unha broma nin un rebote de sorte.

A Revolución cubana foi organizada adecuadamente nun terreo nada propicio para facer aventuras. Cando se di que Raúl Castro foi un estratega militar na guerra de guerrillas, conquistador e consolidador de espazos liberados que abriron outras frontes, estamos no certo. Todos eses lugares de Mayarí, que delimitan a II Frente e a vida revolucionaria, apaixonadamente heroica, un percibe o significado da exemplaridade e a convicción de loi-
ta contra a ditadura de Batista por parte dun pobo que sempre ansiou ser libre. Cando estaba asignando no libro de honra dos visitantes da II Frente, mesmo no antigo cuartel xeral de Raúl, notei unha subida de tensión á que intentei non darlle importancia. Manifestei que quería auga porque a tensión se disparaba e que non era unha cousa que correra risco. A mobilización de toda aquela ampla comitiva de Mayarí foi tal que contra a miña resistencia me meteron no auto e leváronme ao hospital. Toda unha amabilidade por parte daquela moza médico que me asistiu e por todos os acompañantes. Unha pastilla, produto nacional, e os cariños recibidos moderaron a miña revolucionada tensión.

Despois do xantar crioulo nun ranchón típico de Mayarí, ofrecido pola Cátedra Federico García Lorca da Universidade de Santiago de Cuba, visitamos o gran Mausoleo da II Frente. Dúas columnas de máis de duascentas palmeiras custodian o longo camiño que nos leva ao lugar onde repousan os heroicos frontistas, tombados durante os confrontos. Desde o centro das tumbas móvense as flamas, do chamado facho perpetuo, coas lixeiras ventaladas que configuran ese movemento simbólico da revolución permanente.

Esas linguas de lume proclaman silencio e os mármores, na súa iluminada brancura, lembran o resplandor dos revolucionarios caídos na II Frente. Na parte superior dereita do grande Mausoleo hai unha tumba excepcional: a do bailarín e comunista Antonio Gades. Mesmo nun armazón de cemento, que simula unha palmeira, fican as súas cinzas e ao seu lado unhas botas zapateando no taboado máis sublime da terra cubana. Unha música diáfana e profunda decora as loitas non perdidas de Antonio Gades. Nese lugar, lembreilles aos amigos a curta elexía de Uxío Novoneyra dedicada a Gades, que di: "BAILAS e faisme libre".

martes, 04 abril 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras