Crónicas de Cuba (VII) - 11.04.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Despídome de Santiago de Cuba desde o aeroporto Antonio Maceo. O avión bordea o sur da illa de Cuba e desde o ar un contempla gozoso esa terra doce como o azucre, e palmeiras que beben...

...os lampexos solares para destilar radiante harmonía. Un pouco máis dunha hora sobre ese perfil de bordes a nave aterra no aeroporto José Martí da Habana, e alá estaban á miña espera o agregado de Cultura da Embaixada de Angola en Cuba, António Gonçalves, e o funcionario dela, o intelectual cubano Noel de la Cruz. Despois de seis días en Santiago regresei á Habana. Aínda sen dar tempo para hospedarme xa me teñen preparada unha entrevista con Alex Pausides, presidente da Uneac (Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba), falamos de moitas cousas relacionadas coa literatura de expresión portuguesa en África. Cubanos e venezolanos están interesados en que numerosos poemas que eu traducín de Sagrada Esperanza de Agostinho Neto, primeiro presidente de Angola, sexan engadidos nas publicacións do chamado plan ALFA.

Despois veñen outras entrevistas e outras concrecións con dirixentes da cultura e escritores. Despois do xantar xorde un debate sobre a poesía do que se fai en África e mesmo en Cuba. Prodúcense manifestacións moi rotundas e contundentes sobre eses camiños polos que desfilan diversos desafíos do verso nese cotián convulso e de esperanzas frustradas. A barulleira estivo servida até que apareceu Nancy Morejón, sempre leda e divertida. Era difícil atoparse con Nancy dado que a XV Fería del Libro da Habana estaba dedicada a ela e a Ángel Augier.

Pola noite aconteceu a primeira recepción da feira no Museo de Bellas Artes, nese enorme claustro, convidados foráneos e boa parte dos escritores cubanos, sempre constantes e fieis a estes eventos que dignifican a longa proxección da Cuba socialista. O ministro de Cultura, Abel Prieto, saudando os presentes. Coñezo a Abel desde hai anos, é un bo ministro para os cubanos e un enorme intelectual para os que o tratamos. El sabe a tarefa que cada un dos participantes ten contraída con Cuba. Nese enorme rectángulo do Museo de Bellas Artes, a delegación venezolana, dado que a XV Feria del Libro estivo dedicada a Venezuela, estaba nutrida dun grande número de escritores e intelectuais. Neira Vilas e Anisia tamén estaban, con Arantxa Fernández Crespo, esa activa profesora da Cátedra de Galego da Universidade da Habana, non faltou á cita Ramón Chao. Unha boa ocasión para reencontrarse con puntuais amigos cubanos de cada ano. Outra vez con Alex Pausides e a súa dona, Aitana Alberti, para falar das recentes publicación que se fixeron en Madrid sobre María Teresa León, a súa mai. Toda unha noite clamorosa para abrir as portas da enorme Feria del Libro e, tamén, o corazón de milleiros de persoas. En todos os ambientes habaneiros a cultura respira forte, non precisa de auxilios e ela defendese soia desde que botou a andar e de maos dadas coa Revolución. A cultura en Cuba foi a gran privilexiada da Revolución, e agora xa ten o seu propio respiro. Pero a Feria del Libro da Habana non é só o seu espazo físico en San Carlos de la Cabaña. Alén disto, a feira ten outras connotacións, manifestacións e contundencias moi ben parceladas. O apoio amplíase en moitas direccións e é por isto polo que a Habana se converte nun enorme foro de ideas e a cidadanía cubana responde adecuadamente ás súas aspiracións.

Estamos falando dunha feira do libro moi peculiar que non responde en nada a promocionar o negocio capitalista do libro. A Fería del Libro da Habana ten outro perfil máis amplo e que non responde ó do mero negocio. A concepción do libro e da lectura en Cuba ten outros conceptos e aínda outras relacións de promoción e de consumo moi lonxincuas da proxección consumista como negocio. As edicións que se promocionan en Cuba polas feiras do libro teñen unha particularidade moi importante, que é a de integrar o lector a esas edicións sumamente baratas e cuxo rol é o de promocionar o libro como un elemento base de articular e promover a cultura a todos os niveis.

martes, 11 abril 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras