Bolivia:polo camiño da dignidade - 09.05.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

A vontade popular boliviana, democraticamente, elixiu un goberno que trata de pechar esas veas que durante séculos verten sangue cálida e humilde. Son mesmo "Las venas abiertas de América Latina", título do libro de Eduardo Galeano que describe os saqueos das materias primas en Latinoamérica. Porén esas riquezas espoliadas eran consideradas fundamentais para a economía española, no dicir de Don Quixote a Sancho: "Esto vale un potosí". O Potosí boliviano, descrito neste libro de Galeano, non deixa dúbidas do roubo que se fixo con este enorme espazo produtivo en minerais e outras materias primas extensíbeis a todo o continente americano. Novos tempos e dignos dirixentes parece que modifican a historia que relata numerosos episodios do empobrecemento de Bolivia que tiveron o beneplácito de gobernantes corruptos. A pluralidade democrática manifestada nas últimas eleccións que erixiu ao poder a Evo Morales pedía a nacionalización de marcados xacementos para recobrar a normalización económica dun país saqueado e traizoado. Para Evo era transcendental cumprir a súa promesa electoral e, sobre todo, darlles resposta urxente ás prioritarias aspiracións do pobo boliviano, que son moitas e de diversas frecuencias.

Bolivia é un pobo que ten memoria das súas veas abertas provocadas por aquelas multinacionais petroleiras como Standar Oil e Royal Dutch que non dubidaron en enmarañar a Bolivia e a Paraguai na chamada Guerra do Chaco entre 1932 e 1935 e que consolidou os intereses ianquis na súa estratexia de pillaxe e na conformación de novas oligarquías locais que fosilizaron a poboación por medio do terror militar. O Che estaba no certo, a Revolución latinoamericana tiña un lugar estratéxico en Bolivia, que era o epicentro de convulsións sociais que cortaban esa mecha revolucionaria por medio do tiro na caluga. Desde aquela frustración revolucionaria o pobo empobrecido de Bolivia aprendeu a que unha revolución é posíbel por medios democráticos, aínda que por esta vía temos o exemplo frustrado da Guatemala de Arbenz ou do Chile de Allende.

O "Decreto Supremo N0 28701" é sumamente explícito ao dicir no seu "Considerando": "Que en históricas jornadas de lucha, el pueblo ha conquistado a costa de su sangre, el derecho de que nuestra riqueza hidrocarburífera vuelva a manos de la nación y sea utilizada en beneficio del país". Este "Decreto Supremo" firmado por Evo Morales, o 1 de maio, non é mais que a consecuencia dunha toma de conciencia e dunha acción manifestada nas urnas do pobo boliviano en recuperar o que é seu. Este decreto determina o final dun proceso de privatización capitalista que se mantiña nos xacementos petrolíferos e fiscais grazas á oligarquía boliviana que llelos propiciou ás multinacionais. Por tanto, a dignidade e a vontade dos bolivianos é a de considerar todas esas empresas como parte intrínseca da soberanía da República.

En todo isto confírmase un novo modelo de estratexias estruturais en Latinoamérica que parte de países que están virando a súa política e buscando novas vías que abran e consoliden cambios. En América do Sur, todos os países a excepción de Colombia xa experimentaron cambios de diversa frecuencia. O Cono Sur americano ten gobernos das esquerdas de variado talante mais que manifestan cambios. Brasil, Uruguai, Arxentina e Chile experimentan modelos diversos na aplicación económica e en función do seu propio contexto. Cuba, Venezuela e Bolivia converxen na aplicación de ir máis lonxe ou facer unha política diferente fronte aos poderes económicos foráneos que especulan e rouban as súas variadas producións nacionais. O tratado ALBA, entre Cuba e Venezuela xa é extensíbel a Bolivia e, por suposto, acadará outros países. O pobo de Chile oponse dunha maneira moi explícita contra o estatuto que lles dá privilexios ás compañías transnacionais que exploran o cobre e que significa a perda da súa soberanía. Polo tanto, a actitude do goberno de Evo Morales supón un cambio obrigado nese contexto xeográfico, recobrar a dignidade para normalizar o país.

martes, 9 maio 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras