Castelao en Cataluña - 13.06.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Castelao non é alleo en Cataluña e a súa presenza confírmase coa próxima inauguración o 2 de xullo da Alameda Castelao (Parque e Avenida) que o Concello de Sant Andreu de la Barca, a 15 quilómetros de Barcelona, dedica ao guieiro galego. O Pleno Municipal do 23 de febreiro, por unanimidade, acordou dar o nome de Castelao a un dos espazos máis interesantes desta cidade do Baix Llobregat, cunha poboación de vinte e seis mil habitantes.

Digamos que o alcalde, Enric Llorca, e o consistorio que preside manifestaron, unha vez máis, as súas sensibilidades por Galicia e cos persoeiros máis destacados da nosa cultura. O 15 de xullo de 2001, inaugurouse neste municipio un parque dedicado a Rosalía de Castro. Un espazo esteticamente innovador onde a presenza de Rosalía é evocadora, dado que neste parque están gravados trinta e seis poemas en pedra que circundan o parque. Un parque lúdico e cultural, ao mesmo tempo, completamente singular cos que xa están dedicados á nosa poeta.

Desde marzo, os servizos técnicos do Concello de Sant Andreu de la Barca están remodelando este espazo que levará o nome de Castelao. Un parque moi especial por que vai ser decorado con dez debuxos de Castelao e unha autocaricatura para o monolito principal. Os monolitos levan fragmentos do Sempre en Galiza que fan mención a Cataluña. Estes debuxos foron elaborados en cerámica por Sargadelos e ofrecidos pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia. Unha enorme contribución solidaria por parte da institución autonómica. Nestes momentos, o Concello de Sant Andreu de la Barca está completamente entregado para elevar a Castelao a rango de home de graza pública nunha alameda non lonxe da estrada nacional de Madrid a Barcelona, por onde pasou o 1 de febreiro de 1938, rumbo ao mosteiro de Montserrat, no cal colleu estado parlamentario o Estatuto Galego de 1936, e onde se xuntou o Parlamento da II República.

Dicíame un intelectual catalán, hai pouco, que se Castelao foi galeguista e lle pertence ese don a Galicia, tamén foi catalanista, dado que el coñecía moi ben Cataluña e revelou na súa escrita ese amor e esa defensa moito mellor que moitos que engrosan o catálogo do catalanismo. É verdade que Castelao foi unha persoa non allea aos problemas de Cataluña, e sobre eles falou e valorou unha serie de temas históricos que moitas veces non estaban analizados por moitos cataláns desa época.

Digamos que o Concello de Sant Andreu de la Barca, categoricamente, está facendo un esforzo impresionante para que estea todo a punto para o 2 de xullo, día en que se efectuará unha inauguración extraordinaria, coa presenza de varias autoridades autonómicas e municipais de Galicia, como o alcalde de Rianxo. A festa de inauguración comeza o día 1 de xullo co recibimento das autoridades vidas de Galicia, na casa do Concello, e deseguido farase unha ofrenda a Rosalía no seu parque e decontino inaugúrase unha Exposición dos debuxos Nós de Castelao na sala de Exposición municipal. Pola noite dará un concerto público na Plaça de la Font o grupo musical galego A Quenlla. O día 2 pola mañá un pasacalles duns cincuenta gaiteiros anunciara que ás once comezan os actos de inauguración do parque e da avenida que conforman a Alameda Castelao, na que estarán presentes varios grupos cívicos e lúdicos da cidade santandreuense así como moitos galegos residentes en Cataluña.

Rosalía e Castelao, as máximas figuras que evocan e dimensionan o que verdadeiramente é Galicia, confraternizarán nestes dous espazos, non lonxincuos un do outro. Dous espazos de exaltación galega que nos vén dado pola xenerosidade, a simpatía e recoñecemento a Galicia por parte do alcalde, Enric Llorca, e o seu grupo de goberno municipal. Canto un lamenta que en Galicia non sexan, algúns, xenerosos e desprendidos para facer recíproca esa simpatía que senten os cataláns polos galegos. Como nos agradaría pasar por un espazo de Galicia e ver o nome de Carles Riba e de Espriu, os poetas que tanto simpatizaron con Galicia, e incluso Riba escribiu un poemario en galego.

martes, 06-06-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras