Martorell: entre a tolerancia e a intolerancia - 17.10.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Confeso que me estou convertendo nun fiel voltaireano en asuntos non resoltos pola obviedade fronte a non poucos manipuladores da realidade obxectiva. Voltaire escribiu en 1762 o seu Tratado sobre a tolerancia, un excelente manual para telo en consideración os gobernantes e os gobernados neste espazo global no que existimos. Mais eu recorro ao Dicionario filosófico deste filósofo francés sobre o que nos di da tolerancia, e leo: "¿A tolerancia producirá un mal tan grande como a intolerancia? ¿A liberdade de conciencia será unha calamidade tan bárbara como as fogueiras da Inquisición?".

O tempo e o espazo, que a este actual século o separa do século XVIII, inscríbense mesmo no uso indebido da tolerancia e da liberdade que moitos tratan de meternos de cheo en actos inquisitoriais. Sen dúbida, a intolerancia é a usurpación da tolerancia, conquistada e asistida democraticamente. As agresións verbais non son menos desprezábeis que as agresións físicas. Remitíndonos á memoria máis recente desas agresións verbais, lembremos o acto convocado polo PP en Madrid, nunha homenaxe a Miguel Ángel Blanco, na que Raimond foi insultado e zarandeado sen escrúpulos. O acto máis recente, tamén en Madrid, convocado por algunhas asociacións de vítimas do terrorismo achegadas ao Partido Popular, no que foi agredido José Bono. Vemos pois como Voltaire non se equivocou. Podemos pormenorizar noutros exemplos desa vileza intolerante que practican certos grupos da dereita.

Durante a etapa do tripartito en Cataluña, desde o Partido Popular funcionou a consigna de dilapidar a Carod Rovira, non cansaron de acusar o tripartito de complicidade terrorista e outras alegacións. Todo serviu na canónica de violentar a tolerancia. Despois viñeron os agravios polos "papeis de Salamanca" e sobre o Estatuto xa foi a desfeita total. Mencionamos dous casos que o Partido Popular levou ao Tribunal Constitucional e hai poucos días que se desestimaron. Na provocación destes feitos estaba Acebes, don Ángel, ese cabaleiro meseteiro que con seus cabaleirizos propulsou unha verborrea contra Cataluña moi atentatoria aos canons de tolerancia. Aí están as hemerotecas e un libro publicado en Cataluña sobre o que se ten dito e esgrimido contra o seu Estatuto. Sabemos que Acebes gañou o palmarés ao aldraxar coas súas manifestacións sen lindes.

Os sucesos de Martorell responden recollendo tempestades cando un sementa ventos -parafraseando o españolísimo refrán-. Martorell é unha cidade da comarca do Baix Llobregat a vinte e cinco quilómetros de Barcelona, unha cidade industrial punteira, en cuxo municipio está a factoría Seat. Servidor traballa nun concello a dous quilómetros de Martorell e coñece moi ben esta poboación pacífica e cordial. Os feitos que aconteceron con Acebes e con Piqué, puideron suceder en calquera outra poboación catalá.

O agravio non se concreta nunha poboación determinada senón en xeral. Alí estaba unha pequena parte desa familia das esquerdas que tentou encordar os dirixentes da palestra. As testemuñas de Martorell aseguran que un dirixente das mocidades do PP zarandeou un que daba maraca de cazola e o público respondeu. Sabemos moi ben da disposición arrogante de certos grupos da dereita interesados en modelar e en impoñer intolerancias.

De toda esa lamentábel confrontación, podemos sacar unha conclusión: dos que fulminan con rapidez a quen estivo presente nesa barulleira e os que non suspenderon de militancia ese suposto iniciador desa desorde. Por tanto hai clases e diferenzas entre os que largan un militante fronte aos outros que o acubillan e que o xustifican. É necesario que a dereita tome en serio Cataluña, esta xa ten enviado moitas mensaxes en clave e todas foron desoídas caprichosamente e con curiosa vaidade.

martes,17-10-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras