Converxencia e a emigración - 24.10.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Nada novo en Convèrgencia i Unió (CiU) sobre os seus dilemas e contrapuntos acerca da emigración en Cataluña. Non poucos desaforados desencontros trouxo aquel polémico libro sobre a emigración de Jordi Pujol, cando este era candidato por primeira vez á Generalitat de Cataluña. Despois desatáronse máis medos sobre a emigración en Cataluña por parte deste partido político. Agora, o acólito de Pujol lanza en campaña electoral a máis frívola e pintoresca idea de integrar o emigrante por medio dun carné por puntos. A dereita catalá que representa CiU sempre coa teima de que os valores de Cataluña están en perigo pola non integración dos foráneos. Sempre tipificando medos e desastres a conta das precariedades dos outros. Porque todos os emigrantes fomos no noso inicio moi precarios en entender o outro porque moitas veces o outro pechaba portas, quizais isto non é o caso que se deu en Cataluña, mais CiU propiciou coa súa discursiva este lastre, sen decatarse de que os que veñen de fóra precisan estruturarse a moitos niveis e dous deles urxentemente prioritarios como son un posto de traballo e unha vivenda. Isto é o máis básico porque os emigrantes tentan emerxer das súas penurias para forxar un futuro que pasa por non ser dependentes de inxustizas sociais. Despois de superar estes extremos, o emigrante tentará normalizar as súas relacións co país receptor, asumindo o idioma a realidade do mesmo. Neste caso, parece que CiU descoñece a miles de emigrantes que falan catalán e, sobre todo, os fillos destes son plenamente cataláns, porque asumen o feito de selo. Outra das teimas de CiU é a integración do outro e é sabido que unha persoa adulta cando emigra o que fai é adaptarse, non integrarse.

Integrarse, como interpretan os converxentes, significa renunciar aos seus valores orixinarios. De min sei dicir, como emigrante, que saín de Galiza aos vinte anos e levo en Cataluña corenta e un, síntome un adaptado e non un integrado, porque nunca renunciarei ás miñas orixes. E por moito que deba ao benestar catalán tamén lle debo moito ás miñas propias maos que potenciaron a miña posición laboral e intelectual. Neste contexto podemos contemplar os emigrantes.

O carné proposto por Mas xorde deses apéndices racistas que moitas veces saen do inconsciente da burguesía nacionalista. A burguesía catalá sempre tivo esa perversión de sentirse vítima ante a presenza do outro. Este señor, que máis parece un estilizado actor de Hollywood que un candidato normalizado, decora os seus mitins cunha parella de africanos con lindos e floreados atavíos. Por unha banda non aceptan o hibridismo e por outra caen na demagoxia do nacionalismo máis exótico e chocalleiro. Así é como se mostra a dereita nacionalista catalá no seu estado máis puro e estrafalario.

Os cantos de serea do señor Mas non corresponden coa realidade dun país, como Cataluña, desenvolvido e cunha proxección de moitos futuros. Non podemos negar que CiU non fixera país, tiña o deber de facelo porque gobernou vinte e tres anos. Mais tamén debemos percibir que a dobre linguaxe que utilizou en Barcelona non correspondía coa que utilizaba en Madrid.

Con tres anos de tripartito comprobamos que a nación catalá pode ser máis xusta e solidaria coas clases máis desfavorecidas, que era a vía sen explorar durante tantos anos de goberno converxente. Por tanto, a emigración de novo cuño e dentro dun marco de marxinación é preciso connotala como un dos deberes pendentes para emancipala dentro da cidadanía catalá e será deste xeito como entendamos a Cataluña, ao seu idioma e un nacionalismo máis liberador. Emancipando os emigrantes Cataluña será máis súa e cumprira un papel solidario polo que loitan boa parte dos seus cidadáns.

martes, 24-10-2006