Movemento de liberación dos sen terra - 03-04-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Os reloxos apuraron a nosa ida para Iguaçú e antes que o alborexar dera a súa clareira xa tiñamos abandonado a sempre lembrada e doce Londrina. Tiñamos que percorrer seiscentos quilómetros para chegar ao mediodía a Iguaçú, e o profesor Cláudio Melo púxolle humor e imaxinación á viaxe para vencer esta longa distancia, que para os brasileiros sempre é curta. O meu sentido óptico tense que adaptar a un espazo de chaira verde que suplantan ás verticalísimas montañas de Minas Gerais. Outra modalidade de paisaxe en seu verdor excelso desa inmensa extensión de plantacións, onde ao parecer son do mesmo propietario. Pode que un terratenente ou facendeiro do Paraná teña un dominio xeográfico máis amplo do que pode ser a provincia de Ourense.

O Paraná é un Estado rico con moita xente pobre. Terra fértil atravesada por grosos ríos. Chairas infindas cultivadas nese verde que excede e provoca; espesas plantacións de sosa, café, e outros produtos así como unha enorme cabana de gando. Mais todos eses beneficios van parar á man ociosa duns poucos facendeiros e non ás mans sublimadas e calosas dos que traballas estas mansións.

Na estrada que nos leva a Iguaçú unha enorme fila de barracas feitas con cartóns, táboas, chapas e plásticos nas que se acomodan cento setenta familias. Son os membros do Movimento de Libertação dos Sem Terra (MLST), congregados ao lado da estrada e nos lindes desa enorme facenda. Teño interese en dialogar con eles e o profesor Claudio Mello propicia o encontro. Fomos recibidos cunha peculiaridade distinguida polo dirixente do poboado, un mozo afábel e comunicativo que lles deu respostas aos nosos inquéritos. O MLST é moi diferente á corrente maioritaria dos Sem Terra. Explicaron que eles non ocupan se non que dialogan co facendeiro para darlle unha saída negociada e converterse en beneficiarios perpetuos da terra que traballan. Unha modalidade nova e, talvez, ben orixinaria ninguén sabe como será o resultado, mais un sempre confía en que tódolos camiños chegan a Roma.

Naquel contorno un tanto deprimente e con dificultade de asistencia, os campesiños Sem Terra resisten e confirman a súa loita silenciosa que debe ser efectiva, dado que eles están pola conquista da razón de que a terra é de quen a traballa. Esa razón dos Sem Terra é invulnerábel e está por enriba de calquera falsa xustificación ou interpretación que poida lexitimar a crúa explotación dos desposuídos de xustiza social.

Nese campamento hai olladas profundas de seres que buscan comprensión e solidariedade activando a súa loita.

Eses rostros amosan sufrimento mais non claudicación. Envoltos nese grave panorama existencial revelan unha realidade que ninguén pode deixar de lado un debate que se apraza no Brasil como en todo Latinoamérica e tan ausente da vida política. E isto sería moi refrescante nun país de tantos contrastes e infinitas contradicións.

Durante a viaxe abrimos debate sobre os Sem Terra. Ánxela, como pedagoga e coñecedora puntual desta problemática, especificou alternativas sobre estes territorios privados dos que se benefician uns poucos en desgraza de millóns de desherdados que traballan a terra. Eu invoco a Proudhon, na súa frase lapidaria: "A propiedade privada é un roubo". E nisto aparece, Marx, Engels, Lenin, Mao, Luís Carlos Prestes, o Che e unha longa fila de persoeiros dándonos ideas e persuadíndonos no combate e na consigna de que "a terra é de quen a traballa".

Os Sem Terra fican cada vez máis lonxe de nós pero seguro de que os nosos sentimentos de solidariedade teñen xa un recanto para eles nada artificioso. Nesa paisaxe humanizada e sentida pola suor que brota e a miseria, posiblemente sexa un cántico de esperanza que os cómodos e os acomodadizos non entendan.

martes, 03-04-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras